René Descartes: Traxectoria Vital, Legado Filosófico e o seu Tempo no Século XVII
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,45 KB
Biografía de René Descartes
Primeiros anos e formación
René Descartes naceu en 1596 na vila de La Haye, na Turena francesa. Fillo dun conselleiro parlamentario, aos dez anos ingresou no colexio xesuíta de La Flèche, onde recibiu unha sólida educación escolástica e científica. Posteriormente, licenciouse en Dereito na Universidade de Poitiers. Segundo a propia confesión de Descartes, as ensinanzas do colexio xesuíta decepcionárono, debido ás numerosas lagoas que presentaban os saberes recibidos, a excepción das matemáticas, onde vía a posibilidade de encontrar un verdadeiro saber.
Vida militar, viaxes e establecemento en Holanda
En 1618 incorpórase á vida militar na Escola de Guerra Internacional fundada polo príncipe holandés Maurice de Nassau. Posteriormente enrolouse nas tropas do duque de Baviera que participaron na Guerra dos Trinta Anos. En 1620 abandona a carreira militar e regresa a Francia. Despois dunha longa viaxe por Italia, dáse a coñecer nos círculos filosóficos de París. Unha pensión familiar permítelle vivir, folgada aínda que modestamente, dedicado en exclusiva á filosofía. En 1628 instálase en Holanda, onde cre poder atopar acougo e liberdade para os seus estudos.
Madurez, obras e últimos anos
A finais de 1633 ten noticia da condena de Galileo pola Inquisición e decide renunciar á publicación do seu Tratado do Mundo, obra na que defendía, como o físico italiano, a teoría heliocéntrica combatida pola Igrexa. Toda a súa vida manterá esta actitude de cautela fronte aos poderes eclesiásticos e civís, o que non lle evitará ser obxecto de acusacións de ateísmo e sufrir persecucións xudiciais. A publicación das súas primeiras obras concédelle sona en toda Europa. En 1649 a raíña Cristina de Suecia convídao a viaxar ao seu país para que a introduza na súa filosofía. Pero o xélido inverno sueco fíxolle coller unha pneumonía e morre en Estocolmo en febreiro de 1650.
Contexto Histórico
O contexto histórico no que vive Descartes é o da Francia do século XVII, que está marcada por unha gran inestabilidade en toda Europa debido ás guerras relixiosas entre a Reforma Protestante (luteranos e anglicanos) e os países que iniciaron a Contrarreforma Católica despois do Concilio de Trento (1545-1563). As disputas político-relixiosas desembocaron na Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), na que participaron as grandes potencias do momento e na que el mesmo, Descartes, participou como soldado. Coa Paz de Westfalia (1648) recoñécense os mesmos dereitos a católicos e protestantes, pero queda unha Europa esgotada humana e económicamente despois de tres décadas de guerra. A brutalidade desta guerra no seo da Europa supostamente racional e civilizada fai que os intelectuais do tempo se esforzasen por acadar unha ética racional, válida para todos, católicos e protestantes.