Renacemento, Primitivos Flamengos e Arquitectura Romana: Humanismo, Técnica e Romanización

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en español con un tamaño de 7,29 KB

Renacemento: transición do Medievo ao humanismo

O Renacemento (s. XV–XVI) supón a ruptura co Medievo e a recuperación da Antigüidade clásica baixo o humanismo racional, situando ao home como centro (antropocentrismo). O termo, introducido por Vasari, define unha etapa onde a razón substitúe á fe e a beleza lÍgase ás matemáticas (cánon e proporción). Grazas aos mecenas, o artista gaña prestixio e as obras deixan de ser anónimas, utilizando a perspectiva para representar a realidade con exactitude científica.

Quattrocento e Cinquecento

O Quattrocento (s. XV) nace en Florencia baixo os Medici. A pintura independízase da arquitectura, buscando o máximo naturalismo mediante o uso do óleo, o lenzo e o claroscuro. Predomina o debuxo sobre a cor, con figuras que gañan corporeidade grazas á perspectiva lineal.

No Cinquecento (s. XVI), a capital é Roma, gobernada polos papas. As composicións fanse máis sinxelas e piramidais, centradas no nu e no retrato. Leonardo da Vinci introduce a perspectiva aérea e o sfumato, difuminando contornos para captar o aire; mentres Rafael representa a harmonía clásica. Miguel Anxo destaca polo seu estilo escultórico, con figuras titánicas e un dominio total da anatomía, que evoluciona cara ao manierismo.

Venecia e o predominio da cor

En Venecia, Tiziano impón o dominio da cor e das variacións lumínicas sobre o debuxo, cunha técnica cada vez máis desfeita. Finalmente, o Manierismo (desde 1530) rompe coas regras clásicas en favor da liberdade creativa ("á maniera"). Caracterízase pola tensión, as posturas difíciles e a ruptura do equilibrio. Tintoretto é un gran expoñente, utilizando perspectivas oblicuas e un tratamento dramático da luz que despraza os centros de atención, anticipando a expresividade barroca.

Primitivos Flamengos

A pintura dos Primitivos Flamengos desenvólvese no século XV de xeito coetáneo ao Quattrocento italiano, sendo ambos os focos grandes de renovación pictórica en Europa. Mentres Italia mira cara á Antigüidade clásica ("alla antiqua"), Flandres crea unha arte "alla moderna" impulsada por unha poderosa burguesía urbana (Gante, Bruxas) vinculada ao comercio téxtil.

Esta pintura herda a tradición das miniaturas, o que define as súas características principais: o uso de cores brillantes, un detallismo minucioso e o perfeccionamento da técnica do óleo, que permite un secado máis lento, maior precisión e veladuras. A diferenza do racionalismo matemático italiano, os flamengos descubríron a perspectiva lineal e aérea de xeito empírico, a través da observación directa. As súas obras presentan un naturalismo extremo e unha composición equilibrada e estática, con accións comedidas.

A paisaxe adquire gran importancia, aparecendo a miúdo a través de xanelas, aínda que con elementos estereotipados como rochas aristadas ou árbores en forma de pluma. Outro trazo distintivo é o uso de símbolos espirituais ocultos na realidade cotiá (un can simboliza a fidelidade, as flores á Virxe), reflectindo unha espiritualidade próxima á alquimia e á metafísica, onde o home se integra no universo divino a través do visible.

O retrato flamengo

No campo do retrato, os flamengos foron pioneiros na penetración psicolóxica nos modelos. Estableceron o canon do retrato de medio corpo, co personaxe lixeiramente virado (posición de tres cuartos) sobre un fondo neutro para darlle profundidade, incluíndo rostro e mans con gran detalle. En definitiva, mentres Italia renova a arte desde a razón e a medida, Flandres faino desde a experimentación relixiosa.

Roma e a arquitectura romana

Roma fundouse no 735 a.C. (lenda de Rómulo e Remo) e a súa historia divídese en Monarquía, República e Imperio; a súa arte propia defínese a partir do s. II a.C. É unha arte ecléctica que fusiona a herdanza etrusca e grega, priorizando a funcionalidade e a enxeñería sobre a mera estética. Os romanos revolucionan a arquitectura co uso do arco de medio punto e da bóveda de canón (de orixe etrusca), que permiten cubrir grandes espazos, aínda que manteñen o sistema alintelado grego para edificios menores ou combinan ambos en teatros e anfiteatros.

En canto ás soportes, utilizan as órdenes gregas xunto á toscana (etrusca) e á composta, creación romana que mestura volutas xónicas e follas de acanto corintias. O uso de materiais como o ladrillo e a argamasa (opus) facilita construcións monumentais e lixeiras.

Na tipoloxía arquitectónica distinguimos edificios privados como a domus (unifamiliar) e as ínsulas (bloque de veciños). No ámbito público destacan os templos (relixiosos) e os civís: de ocio (termas, teatros, anfiteatros e circos), administrativos (basílicas) e conmemorativos.

Romanización da Península Ibérica

No ano 19 a.C., coa conquista da Gallaecia por Augusto, culminou a incorporación da Península Ibérica a Roma, iniciándose un proceso de romanización desigual pero intenso, especialmente no eixo que vai do val do Guadalquivir ao do Ebro. O obxectivo económico e militar priorizou a creación dunha sólida rede de calzadas e pontes que facilitaban o movemento de tropas e materiais. O urbanismo funcionou como o principal motor de homoxeneización, baseándose no esquema ortogonal e na construción de cidades amuralladas.

Núcleos como Tarraco (Tarragona) e Emerita Augusta (Mérida) destacan hoxe como exemplos máximos, conservando case toda a tipoloxía construtiva romana. A arquitectura hispanorromana segue fielmente os modelos do Imperio, caracterizándose polo uso do arco de medio punto e da bóveda de canón para cubrir grandes espazos con poucos soportes. Aínda que se mantén o sistema alintelado para edificios menores, unha innovación destacada radica na fusión de ambos sistemas. En canto ás órdens, conviven as gregas coa toscana e a composta. O uso de materiais funcionais como o ladrillo e a argamasa (opus) reflicte unha mentalidade onde a enxeñería prevalece sobre a arquitectura ornamental, buscando a estética na harmonía construtiva e na utilidade.

As tipoloxías arquitectónicas divídense en privadas e públicas. No ámbito privado atópase a domus (unifamiliar) e a ínsula (bloque de veciños). No público, os edificios relixiosos céntranse no templo, mentres que os civís abranguen monumentos para a diversión (termas, teatros), administrativos (basílicas) e conmemorativos.

Entradas relacionadas: