Relato histórico: de Cicerón a Lawrence Stone
Enviado por Patricia y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 19,37 KB
Relato histórico: de Cicerón a Lawrence Stone
3.1 O relato na historia antiga
a) Cicerón e a poética da historia
- Aínda que a historia tende a emanciparse progresivamente das súas orixes literarias, sempre mantivo vinculacións máis ou menos estreitas coa retórica, isto é, coa arte de expresarse con corrección, adornando a expresión e dando á linguaxe un efecto necesario para agradar, persuadir ou convencer.
- O momento máis intenso destas vinculacións entre historia e retórica sitúase na metade do século I a.C., nunha época na que aparecen numerosos síntomas da crise pola que atravesa a república romana.
- A figura máis relevante da retórica en Roma é Cicerón quen, despois de distanciarse da vida política activa, intentou destacar como historiador.
- No ano 46 a.C. Cicerón publica a súa obra De Oratore na que expresa a súa concepción do que debe ser a historia e distánciase do xénero dos anales ata entón predominante en Roma. Os anales eran unha forma de crónica que abarcaba unha duración bastante longa e presentaba ano tras ano o relato dos sucesos máis notables tanto de Roma como do exterior.
- Cicerón critica o estilo austero dos anales así como a súa incapacidade de embelezarse o relato. A diferenza do redactor dos anales, o historiador, segundo Cicerón, debe adornar o seu texto utilizando todos os medios retóricos posibles postos á súa disposición.
- Cicerón considera que a historia, adornada coa retórica, debe someterse a unha serie de regras: en primeiro lugar, non dicir nada falso; segundo, atreverse a dicir todo o que é verdade; terceiro, evitar toda sospeita de parcialidade, favor ou odio; e en cuarto e último lugar, respectar a sucesión cronolóxica, a orde dos acontecementos, así como mencionar as datas.
b) Historia e recuperación moral: Tito Livio
- A poética da historia definida por Cicerón tivo un brillante destino en Roma pois, coa agonía da República e a crise política, aparecen reaccións favorables a unha reflexión moral que examine as causas dos males políticos.
- Deste xeito, a historia pasa a ser entón un instrumento de recuperación moral, unha fonte de pedagoxía e un medio de ser escritor.
- Tito Livio (59 a.C. - 17 d.C.), autor dunha ampla obra, pretende narrar a historia de Roma desde as orixes da cidade. Non se trata dunha historia universal senón dunha historia local limitada á súa dimensión romana.
- Na obra titulada Historia de Roma Tito Livio relata a historia romana desde a fundación da cidade ata o presente, aplicando os métodos tradicionais e, ao mesmo tempo, trata de indagar as causas da progresiva corrupción dos costumes e da vida romana.
- Tito Livio non se preocupa excesivamente pola cuestión da verdade, porque intenta someter os seus relatos a unha finalidade moral.
- Dado que consideraba que a obxectividade total non era posible, a súa ambición de historiador concéntrase na utilidade da historia como instrumento dunha recuperación típica do espírito romano a través dunha serie de exemplos.
- Despois de idealizar as orixes de Roma, Tito Livio opón a grandeza dos primeiros momentos da cidade coa decadencia progresiva e a lenta agonía da República romana, provocada polo que el denomina a disolución dos costumes.
- Tito Livio apenas respecta os criterios de veracidade definidos por Tucídides: case que nunca recorre aos documentos orixinais e o esencial da súa documentación está constituído por escritores que o precederon, sen verificar a autenticidade das fontes.
c) A idea da historia en Tácito
- No período imperial, o escritor romano Tácito (56-120) outorga gran importancia á retórica, e atribúe á elocuencia tanto valor como á imparcialidade.
- Como Cicerón, Tácito concibe a historia como un xénero fundado na arte da expresión. Tamén como Cicerón, Tácito distingue a historia da ficción e considera que a historia está ao servizo da verdade e ten a súa razón de ser na capacidade de corrixir os costumes, recorrendo ao método de análise das causas e os efectos.
- Con todo, durante o século XIX, Tito Livio será considerado o máis grande historiador da antigüidade romana, probablemente polo vigor da súa escritura e a posta en escena a pesar da dubidosa fiabilidade de parte dos seus relatos.
A concepción histórica de Tácito é fiel ás grandes ensinanzas de Cicerón: o respecto pola orde cronolóxica, a difusión das informacións xeográficas necesarias, a explicación das intencións dos actores, o relato dos acontecementos importantes, a procura das súas causas así como a vontade de presentar como exemplo o carácter e vida dos personaxes romanos máis destacados.
En cambio, o estilo que Tácito imprime á súa obra máis importante, titulada Os Anais, é diferente do estilo recomendado por Cicerón.
Fronte ao relato regular prescrito por Cicerón, Tácito opón un modo de escritura máis expresivo, pleno de imprevistos coa ambición de sorprender aos lectores.
Tácito aspira ante todo á eficacia inmediata e apela directamente á emoción do lector e á imaxinación dos seus contemporáneos polo que, a miúdo, sacrifica a lóxica cronolóxica do relato para se deter nalgúns aspectos especialmente emotivos ou dramáticos.
A obra de Tácito representa unha poética histórica que está bastante cerca aínda da epopeia clásica e do seu estilo épico.
3.2 O relato medieval e moderno
a) Os relatos das Cruzadas
- Desde o inicio das cruzadas prolifera o número de cronistas que, sobre todo a partir da conmoción que supuxo a cuarta cruzada coa toma de Constantinopla, trataban de xustificar o que moitos críticos consideraban empresas bélicas carentes de sentido.
- Un dos principais dirixentes desta cruzada, Godofredo de Villehardouin, ditou a partir de 1207 unha historia da conquista de Constantinopla utilizando ao mesmo tempo os documentos oficiais de que dispoñía así como as anotacións persoais tomadas durante os acontecementos.
- Villehardouin, considerado por moitos especialistas o primeiro historiador francés pois é o primeiro en expresarse en lingua vernácula, despregou na súa obra unha grande inquietude estilística, respectando as regras estritas de unidade e continuidade do seu relato, e utilizando un estilo relativamente sobrio.
- Outro cronista destacado foi Jean de Joinville (1225-1317) que participou na sétima cruzada ao lado do rei Luís IX (San Luís) e é o autor dunha biografía deste rei. Joinville non se limita a mostrar ao rei no seu aspecto devoto senón tamén no seu aspecto guerreiro, facendo do monarca unha especie de santo laico.
- A principios do século XIII aparece outra forma de biografía, a biografía dun laico. Trátase da vida de Guillerme o Mariscal, que foi escrita por un trobador que lle deu unha forma poética, para ser recitada en público. Esta visión ensalzadora da figura de Guillerme o Mariscal (1145-1219) está aínda inspirada no modelo de relato da vida dos santos moi frecuente no período medieval.
b) Froissart e a crónica medieval
- Durante os últimos séculos da Idade Media, a escritura histórica comeza a abandonar os escritorios dos mosteiros onde os monxes copistas se limitaban a conservar a tradición a través da copia, fundamentalmente dos textos sagrados.
Os historiadores instálanse nas cidades e nas cortes principescas e restablecen un xénero xa antigo, as crónicas, que trataban de presentar os acontecementos en estrito orde cronolóxico.
- Agora ben, os cronistas de finais da Idade Media enriquecen o xénero da crónica grazas ao seu interese en adornar o relato. Insatisfeitos cos simples relatos dos acontecementos, os cronistas recorren ás anécdotas, buscan as causas, e utilizan as regras da retórica clásica para historiar a materia, como afirmaba o cronista do século XIV Jean de Froissart (1337-1404).
Este cronista aparece como un propagandista dos valores da nobreza, insiste na devoción deste estamento social, a súa xenerosidade, proezas militares, torneos, festas, e grandes actos políticos e diplomáticos.
Con obxectivo claramente moralizador, Froissart trata de instruír ás xeracións futuras por medio dos seus relatos sobre as regras de honor cabaleresco como a valentía no combate, a xenerosidade sen límites, e a devoción relixiosa.
Froissart utiliza a miúdo procedementos de dramatización de escenas espectaculares como as entradas reais nas cidades, os torneos e as diversas formas de enfrontamento entre os cabaleiros.
Agora ben, con frecuencia na súa obra a verdade dos feitos é sacrificada en beneficio da eficacia do relato e da súa beleza dramática.
Aínda que Froissart pretende construír unha historia verdadeira sobre a base dunha indagación dos feitos, a miúdo sacrifica esa verdade a favor do relato e privilexia os efectos sobre o lector en prexuízo da veracidade.
Estas e outras deformacións propias da ideoloxía cabaleresca de Froissart non impedirán que sexa un autor particularmente admirado no século XIX durante a época romántica.
c) As memorias persoais
- As memorias persoais acadan un momento de gran brillantez no século XVI coa publicación póstuma, en 1524, das memorias de Philippe de Commynes que tiveron un éxito extraordinario, ata o punto de inspirar todo un xénero historiográfico, as memorias dos políticos.
- Commynes, membro da alta nobreza e próximo aos círculos de poder monárquicos, procura explicar nun estilo brillante os feitos non limitándose simplemente a narrar os feitos senón que procura explicalos.
- Commynes, sempre preciso e ben informado, analiza nas súas memorias os comportamentos das persoas con grande agudeza e sentido crítico, mostrándose en todo momento como un defensor apaixonado dunha concepción pragmática da política.
- Para Commynes o criterio para valorar as decisións políticas, en especial as dos reis, non é o seu carácter ético senón a súa eficacia para minimizar as perdas e maximizar os beneficios. Pouco importa que as accións do rei sexan legais ou morais; o importante é que produzan un beneficio ou utilidade.
- Commynes, moi sensible ao poder do diñeiro, describe un mundo ambiguo, parecido ao de Maquiavelo, onde o éxito é imposible para quen se manteña fiel aos principios cabalerescos ou á moral cristiá.
- A mixtura dunha linguaxe moderna e unha linguaxe antiga na obra de Commynes provocou un debate interpretativo entre os autores que consideran as Memorias como unha obra aínda enraizada nos valores da Idade Media e os que afirman que, utilizando unha linguaxe convencional, Commynes expresa algo esencialmente innovador e moderno.
- Outro momento privilexiado de atención ao relato sitúase no período final da Revolución francesa, tras a restauración en 1815 da monarquía borbónica na figura de Luís XVIII.
- Nese momento, a historia pasa a ser o lugar central de confrontación entre os conservadores aristocráticos que pretendían pechar o período revolucionario e os liberais que aspiraban a estabilizar unha serie de conquistas revolucionarias nunha Francia pacificada.
- O escenario político creado en 1815 converteuse así mesmo no marco dunha intensa polémica historiográfica, entre unha maioría de eruditos partidarios da reacción aristocrática e do restablecemento da tradición, e unha minoría de historiadores novos e liberais que aspiraban a encontrar a lexitimidade do réxime no pasado nacional e na aceptación dos grandes cambios revolucionarios.
3.3 O relato e a estética romántica
a) A historiografía liberal francesa
- Esta nova xeración de historiadores rexeita, por unha banda, a escritura dunha historia puramente fáctica e desprovista de sentido como a que facían os eruditos ultrarrealistas, e, por outra banda, critica a escritura dunha historia apoiada en esquemas racionais sen atención aos feitos como fixera a historiografía ilustrada.
- Ao mesmo tempo, esta xeración de historiadores liberais encontra na historia nacional o marco organizador da síntese histórica e intenta elaborar unha historia científica, contribuíndo tamén ao progreso da erudición mediante a organización, ordenamento e a consulta dos arquivos nacionais.
- O resultado de todo isto é unha nova sensibilidade histórica marcada pola busca da cor local, a afección pola narración, e un estilo ao mesmo tempo preciso e novelesco.
b) Thierry e Michelet
- Un dos principais representantes da nova xeración de historiadores en Francia foi Augustin Thierry.
- Thierry, romántico e liberal, interésase nas súas obras non só polas elites dirixentes senón sobre todo pola xente de abaixo, as persoas anónimas do pobo.
- Thierry consulta as fontes históricas nos arquivos e bibliotecas pero, ao mesmo tempo, manifesta grande interese polo modelo da novela histórica, pois, ao seu xuízo, a ficción debe inspirar a nova escritura da historia. De feito, mostra unha grande admiración polas novelas históricas de Walter Scott.
- Para Thierry o relato histórico é un produto de síntese sumamente elaborado que ambiciona ser ao mesmo tempo arte e ciencia, dramático e erudito, representación da sensibilidade romántica e respectuoso da verdade.
c) Michelet e a historia do pobo
Outro autor destacado da época é Jules Michelet (1798-1874), escritor e político liberal republicano e libre pensador que ve na historia un longo combate da liberdade fronte á fatalidade e que considera ao pobo como o verdadeiro protagonista da historia. Para el os homes fan a historia, sen intervención directa de Deus e sen necesidade de grandes homes.
A extensa e polémica obra de Michelet destaca pola súa orixinalidade, singularidade, o estilo apaixonado, e o seu afán de totalidade.
Para Michelet o historiador é o encargado de descubrir o sentido da vida das xeracións desaparecidas, mediante a consulta nos arquivos e bibliotecas dos manuscritos e textos impresos, e o recurso á imaxinación.
Michelet valora o uso do artificio literario como un modo de achegamento ao pasado, rexeita o providencialismo cristián e está máis interesado na memoria dos homes que na reconstrución verídica dos feitos.
Este historiador créese en condicións de realizar unha resurrección integral do pasado pero ao final da súa vida tivo que recoñecer o seu fracaso.
3.4 Os retornos ao relato no século XX
Despois dunha longa eclipse do relato, motivado polo desexo dos historiadores do século XIX e de boa parte do XX de intentar crear unha ciencia social histórica e rachar para sempre coa historia narración, desde o último terzo do século XX os historiadores volveron a interrogarse sobre a escritura histórica, sobre a relación desta coa ficción, e, ao mesmo tempo, sobre a fronteira que separa ambos os dous dominios.
a) Paul Veyne
- A principios dos anos setenta, en pleno apoxeo da historia cuantitativista e cientifista, Veyne publicou un libro Como se escribe a historia que constituía unha reflexión da historia como relato.
- Veyne afirmaba que a historia non era unha ciencia senón unha sucesión de relatos.
- Apoiándose na obra de Aristóteles, Veyne ve a historia como unha posta en intriga, como unha novela, un relato verídico. A historia, como a novela, explica narrando.
- Para Veyne facer historia é como escribir unha historia, isto é, contar o que sucedeu. Únicamente a intriga atribúe a cada feito histórico o seu valor singular en función do interese do relato. Os feitos non existen illadamente senón formando parte dunha mixtura que o historiador recorta e ordena á súa vontade.
- En historia, a chamada explicación non é outra cousa que a maneira como o relato se organiza en intriga comprensible, e a causa non é senón un episodio elixido entre outros episodios da intriga.
- Veyne cuestiona as pretensións científicas da historiografía e afirma que a historia non é unha ciencia senón unha novela verdadeira.
b) Michel de Certeau
- Autor dunha notable formación erudita, Certeau publicou en 1975 unha obra, A escritura da historia que tivo unha considerable repercusión entre a historiografía, especialmente entre a francesa.
- Certeau afirma que desde os seus inicios o xénero histórico presenta unha tensión permanente entre unha vertente científica e unha vertente ficcional.
- Para Certeau a historia é ante todo relato, pero tamén é unha práctica institucionalizada. Para Certeau unha cuestión central é a lectura dos textos do pasado. Nese aspecto, como investigador distingue tres estratos de análise dos documentos: o distanciamento obxectivante con respecto ás fontes; a revelación da súa lóxica estrutural; e finalmente a recuperación do sentido.
- Para Certeau a historia é unha narración na medida que comparte as leis que regulan un relato. Agora ben, trátase dun tipo de relato particular dado que intenta producir un saber verdadeiro e verificable mediante o uso de citas, de referencias e de documentos.
- En síntese, Certeau sostén que a historia é un discurso que pon en acción construcións, composicións e figuras que son as mesmas que as de toda escritura narrativa pero tamén a historia é unha práctica que produce enunciados científicos. Aínda que recoñece o carácter narrativo da historia, Certeau tamén defende a súa dimensión científica.
- Para Certeau, coñecemento histórico e relato non son opostos senón que aparecen asociados. Aínda que o historiador escriba dentro dunha forma literaria, non fai literatura pois está suxeito ás fontes e ás regras da disciplina histórica.
c) Lawrence Stone
- Este autor publicou en 1979 un artigo titulado A historia como narrativa que desatou unha grande polémica entre os historiadores. Stone afirmaba que, tras a crise da narrativa histórica en boa parte do século XX, durante as décadas do século detectábase un retorno de boa parte dos historiadores cara a algunha forma de narrativa.
- Stone utiliza a palabra narrativa para designar a organización do material nunha secuencia cronolóxica así como o encadramento do contido nunha narración singular e coherente. Para este historiador, a narración é un modo de escribir a historia, pero tamén é un modo que afecta e está afectado polo contido e polo método.
- Na segunda parte do artigo, Stone trata de explicar as causas do abandono da narrativa por parte de moitos dos historiadores do século XX e mostra o seu interese pola historia cientifista que se presentaba en tres variantes distintas: o modelo económico marxista; o modelo ecolóxico-demográfico da Escola dos Annales; e a metodoloxía cliométrica norteamericana que constrúe complexos modelos e contramodelos matemáticos que nunca existiron na vida real.
- Stone afirma que o renacer actual da narrativa é consecuencia do desencanto de boa parte dos historiadores cos tres modelos anteriores de historia cientifista incapaces de ofrecer unha explicación coherente do cambio histórico, e defende a necesidade dunha historia narrativa e descritiva centrada nos homes pero substancialmente diferente da historia narrativa tradicional.