El Reinado de Alfonso XIII y la Crisis de la Restauración en España (1902-1923)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 38,67 KB
O Reinado de Alfonso XIII e a Crise da Restauración (1902-1923)
En 1902, Afonso XIII, con 16 anos, é declarado maior de idade e inicia o seu reinado, que coincidirá coa longa crise do sistema político da Restauración. Nesta crise terá un papel importante o propio rei, quen fará uso das amplas atribucións que lle concedía a Constitución de 1876 para intervir nos asuntos políticos e militares, lonxe da actitude do seu pai e da súa nai no período da rexencia, que se caracterizaron pola prudencia e o alonxamento do xogo partidista (o que lle valeu a María Cristina de Habsburgo o alcume de Dona Virtudes).
1. Factores da Crise do Sistema Político
Na crise política da Restauración danse cita numerosos factores:
- A descomposición dos partidos dinásticos. No cambio de século desaparecen os dous principais líderes políticos dos partidos dinásticos (Cánovas é asasinado por un anarquista en 1897, e Sagasta morre en 1903). Coa súa morte aumentan as disensións internas dentro de cada partido, e os seus líderes (entre os que destacan Maura e Dato polo partido conservador, e Canalejas e Romanones no partido liberal) non foron capaces de manter aglutinadas as forzas políticas liberais ao seu arredor. Os partidos descompóñense en pequenas faccións ou “familias” inimizadas unhas coas outras, o que dificultou a formación de gobernos estables.
- O papel político do exército. Unha das consecuencias do Desastre do 98 foi un profundo resentimento e frustración no exército, acusado pola opinión pública da derrota. Isto provocou nos mandos un crecente desprezo cara á sociedade civil e os políticos, aos que consideraban culpables dos males de España. O exército converteuse nunha casta illada, moi conservadora, enemiga do liberalismo (ao que identificaba coa decadencia política do país e contrario aos valores castrenses de autoridade e disciplina), e autoproclamada defensora da orde e da unidade de España, ademais dos seus intereses corporativos. O propio rei, entusiasta do exército, participou nas súas intrigas e se entrometeu politicamente a favor deses intereses.
- A oposición á monarquía. Debido á inmobilidade do sistema, a oposición política irá incrementando os seus apoios, e irán confluíndo pouco a pouco no obxectivo común da liquidación do réxime.
- O republicanismo. Os republicanos tras a restauración quedaron desorientados e divididos en múltiples faccións (federalistas, unitarios, posibilistas…). A partir de 1881, coas reformas aperturistas de Sagasta, comezaron a reorganizarse en diferentes partidos e coalicións, pero a corrupción do sistema electoral deixounos sempre como un grupo marxinal dentro das Cortes. Aínda así, conseguiron aumentar a súa influencia nalgunhas grandes cidades (A Coruña, Valencia…), e mantiveron vivo o seu proxecto político a través de xornais e centros sociais coma os casinos e círculos republicanos.
- Os movementos rexionalistas e nacionalistas. O centralismo do réxime canovista, xunto coa imposición dun nacionalismo español uniformizador, provocou tamén o auxe dos sentimentos reivindicativos das culturas propias en Cataluña, País Vasco e Galicia, que pouco a pouco foron dando paso a formulacións de carácter político. Da esixencia do dereito a unha certa autonomía (rexionalismo) pasouse pouco a pouco á reivindicación do carácter soberano destes pobos para decidir o seu propio goberno (nacionalismo). Estes movementos cobraron cada vez máis forza, sobre todo en Cataluña, e suscitaron o malestar do exército.
- O movemento obreiro e a “cuestión social”. O movemento obreiro amósase cada vez máis organizado. As folgas nas cidades e as revoltas dos xornaleiros no agro son cada vez máis frecuentes, provocando o temor da burguesía á revolución social. A isto hai que sumar o terrorismo anarquista, que chegou a atentar contra o rei en varias ocasións. A resposta do goberno foi a persecución do sindicalismo e unha represión brutal coa execución (ou o asasinato, amparado pola “Lei de fugas” de 1921) dos activistas obreiros. A actividade sindical será especialmente significativa no “Trienio bolchevique”, entre 1918 e 1921, obrigando ao goberno a emprender reformas sociais.
- A guerra de Marrocos. Tras a perda de Cuba e Filipinas, España orientou a súa política colonial cara a África. A conquista do territorio do Rif, no Norte de Marrocos, conlevou unha longa e custosa guerra, que causou graves tensións políticas (pola conveniencia ou non da ocupación), militares (polas derrotas, ás veces desastrosas, e pola división que provocou no exército) e sociais (pola oposición das clases baixas, que non podían escapar do servizo militar, a servir no exército de Marrocos).
- A inmobilidade do sistema político. O sistema político canovista revelouse incapaz de evolucionar cara a un sistema verdadeiramente representativo que reflectise a vontade da cidadanía. Os intentos de reformar a lei electoral para conseguir manter o sistema sen necesidade de amañar as eleccións resultaron un fracaso. A lei electoral do conservador Maura, de 1907, prescribía que nos distritos onde só houbera un candidato, a súa elección era automática sen necesidade de realizar votacións. Na práctica, isto privou do dereito a voto a moitos electores en cada comicio e aumentou o malestar existente polo inmobilismo do sistema.
2. As Crises do Reinado de Alfonso XIII
Ao longo do reinado de Alfonso XIII sucédense diferentes crises en diferentes ámbitos (militar, político, social, económico) que irán erosionando a estabilidade do sistema político, ao tempo de conformar unha oposición ao sistema.
2.1. A Lei de Xurisdicións (1906)
A primeira gran crise do reinado de Alfonso XIII foi provocada polos militares. O exército era frecuente branco do escarnio da prensa satírica, especialmente da catalanista, o que provocaba a ira dos oficiais. En 1905, un grupo destes oficiais destacados na guarnición de Barcelona asaltaron a redacción da revista humorística ¡Cu-Cut! e do xornal La Veu de Catalunya, rompendo e incendiando as imprensas, como resposta a unha viñeta burleira contra o exército e pola promoción que estes xornais facían do catalanismo. As intencións iniciais do goberno de castigar aos insurrectos suscitaron o apoio dos xefes militares e do propio rei aos culpables. Isto fixo dimitir ao goberno, e no ano seguinte, promulgouse a Lei de Xurisdicións, que sometía aos tribunais militares os delitos de opinión contra a “patria” e o exército. A lei supoñía a imposición do poder militar sobre o poder civil, e amosaba a debilidade política deste último. Tamén certificaba o apoio do rei ao estamento militar fronte ao seu propio goberno. Pero a lei tamén tivo un efecto na oposición: en Cataluña as forzas catalanistas e o republicanismo achegaron as súas posicións. A partir dese momento os partidos catalanistas (a Lliga Regionalista) e republicanos concentraron todos os apoios cidadáns, crebando o dominio dos partidos dinásticos e a “quenda pacífica” en Cataluña.
2.2. A Semana Tráxica (1909)
Tras a perda de Cuba e Filipinas, España orientou a súa política colonial cara a África, obtendo na Conferencia de Alxeciras (1906) o protectorado da rexión entre o Rif e a costa norte de Marrocos. Isto conlevaba a obriga de ocupar militarmente o territorio, pero as kabilas rifeñas ofreceron ás tropas españolas unha gran resistencia. En 1909 o exército español é emboscado no Barranco do Lobo, preto de Melilla, sufrindo graves baixas. O goberno decretou a mobilización de reservistas, provocando o disgusto popular, xa que eran as clases traballadoras, que non podían pagar a exención do servizo militar, as que debían ir a unha guerra que só favorecía os intereses económicos da oligarquía dominante, nomeadamente das compañías mineiras que tiñan interese en explotar as minas do Rif. En Barcelona, as organizacións obreiras convocaron unha folga contra o embarque das tropas, que foi un éxito. O aumento do descontento derivou nun motín espontáneo de signo antimilitarista e anticlerical, no que foron asaltados e queimados cuarteis, comisarías, igrexas e conventos. Durante unha semana a cidade estivo fóra da lei, ata que o goberno enviou ao exército a sufocar os tumultos. Apagada a revolta, desatouse unha feroz represión contra os líderes do movemento obreiro. Buscando un culpable, o goberno acusou ao pedagogo anarquista Francisco Ferrer i Guardia, fundador da Escola Moderna, un centro de ensino laico e racionalista. A súa condena a morte nunha farsa de consello de guerra provocou unha onda de protestas en toda Europa. Os sucesos da Semana Tráxica provocaron a caída do goberno do conservador Maura, e animou ademais a socialistas e republicanos a aliarse nas eleccións, co fin de derrocar á monarquía.
2.3. A Gran Crise da Restauración en 1917
No ano 1917, o sistema político da Restauración viviu a súa crise máis aguda, confluíndo no tempo conflitos de diferente natureza: militar, política e social. A crise non é só española, pois entón Europa estaba mergullada na Gran Guerra mundial de 1914. Para 1917, todos os países combatentes estaban esgotados, os mortos cóntanse por millóns e hai graves penurias na retagarda. En Rusia estoupa unha revolución que tumbará a monarquía autocrática do zar Nicolás II e derivará en novembro no primeiro Estado comunista no mundo. En Francia e Gran Bretaña decláranse folgas e os soldados se amotinan antes de marchar á fronte. Alemaña tenta romper o bloqueo naval británico declarando a guerra submarina total, torpedeando mesmo aos barcos neutrais que fan comercio coa Entente, o que provoca a entrada na guerra dos Estados Unidos. España, lonxe dos escenarios do conflito, cun exército mal armado e preparado, e sen ningún interese que defender na contenda, declarou a súa neutralidade. A sociedade dividiuse entre xermanófilos e aliadófilos. Entre os primeiros estaban moitos altos mandos do exército e os liberais conservadores, mentres que os intelectuais, socialistas, republicanos e parte dos liberais eran partidarios da vitoria franco-británica. A pesar da neutralidade, o país non é alleo a esta crise de 1917, pois durante este tempo os prezos non deixaban de subir mentres que os salarios permaneceron sendo baixos, o que empobreceu a amplas capas da poboación.
2.3.1. A Crise Militar: As Xuntas de Defensa
A crise militar foi provocada polos proxectos do goberno de reducir o excesivo número de oficiais no exército limitando os ascensos, o que enfadou a moitos oficiais intermedios que vían afectadas as súas expectativas de mellora, nun contexto de inflación pola guerra. Dende 1916 foron aparecendo dentro do exército as “Xuntas de Defensa”, unhas asociacións compostas por oficiais de media e baixa graduación, que reclamaban melloras salariais e profesionais, como o respecto ao sistema de ascensos por antigüidade, ademais doutras reivindicacións froito do resentimento que senten contra os que consideran inimigos da Patria e do exército, nomeadamente o movemento obreiro e o catalanismo. O goberno prohibiu estas Xuntas e arrestou aos seus dirixentes, provocando a rebelión aberta dos oficiais. Pero a presión do exército, de novo co apoio do rei, obrigou ao goberno de Eduardo Dato a recoñecelas, e mesmo a aceptar parte das súas demandas: intervención militar no nomeamento do Ministro da Guerra, aumento salarial e ascensos por estricta antigüidade, e o recoñecemento do exército como máximo garante da orde pública. A actitude das Xuntas Militares de Defensa evidenciaron novamente a febleza do poder civil fronte á casta militar. Tamén provocou a división entre a oficialidade do exército en dous bandos: os Xuntistas (que reclamaban os ascensos por orde de escalafón) e os Africanistas (destinados na guerra de Marrocos, e que defendían o ascenso por méritos de guerra, que permitira a moitos ascender moi rapidamente por diante de camaradas máis veteranos ou mellor capacitados).
2.3.2. A Crise Política: A Asemblea de Parlamentarios
Aproveitando a debilidade do goberno pola cuestión das Xuntas, o xefe da Lliga Regionalista Catalana, Francesc Cambó, convocou en Barcelona unha asemblea á que acodiron case todos os deputados e senadores cataláns. Nesa asemblea acordouse pedir a apertura inmediata das Cortes (que estaban pechadas tras a crise das Xuntas de Defensa) con carácter de constituíntes para deliberar sobre a forma e organización do Estado e da autonomía rexional e municipal, e invitábase aos parlamentarios españois do resto do Estado a unha asemblea para discutir estes temas. Á reunión, que pretendía sentar unhas novas bases democráticas no sistema político, só acudiron catalanistas, socialistas e republicanos, e o goberno acusou aos asistentes de sediciosos e separatistas. A asemblea volveu convocarse para o mes de outubro, pero a reunión non tivo lugar pola división dos seus membros ante a folga xeral convocada polos socialistas en agosto.
2.3.3. A Folga Xeral Revolucionaria de Agosto de 1917
A guerra (e a neutralidade) foi unha gran oportunidade de negocio. España converteuse en abastecedora de todo tipo de produtos e materias primas aos países combatentes, o que estimulou o crecemento económico. Por primeira vez, España convertíase nun país exportador e a balanza comercial rexistraba saldos positivos. Con todo, as clases populares non participaban no negocio da guerra. Debido ao aumento das exportacións, comezaron a faltar abastecementos e a subir os prezos dos produtos básicos (que eran exportados aos países en guerra, que pagaban moito máis), ao tempo que os salarios se mantiveron baixos, o que aumentou o descontento da clase traballadora. En 1917, os socialistas do PSOE e UXT, co apoio puntual dos anarquistas da CNT, convocaron unha folga xeral, indefinida e de carácter revolucionario. O seu obxectivo era derrocar o goberno e conseguir a convocatoria dunhas Cortes constituíntes, igual que pedía a Asemblea de parlamentarios. Os folguistas actuaron convencidos de que o exército e as Xuntas de defensa se unirían ao seu movemento (tal como sucedera en Rusia, onde a unión dos soldados e obreiros acabara co goberno zarista). O seguimento foi maioritario nas principais rexións industriais (Madrid, Cataluña, Levante, País Vasco, Asturias), pero escaso nas áreas rurais e nas pequenas cidades. O goberno respondeu con inusitada violencia: impuxo a lei marcial, arrestou ao comité de folga (condenado posteriormente a cadea perpetua), disolveu as manifestacións a tiros, con varias ducias de mortos, practicou detencións en masa… Tras unha semana, a folga fracasou.
3. A Creba da Quenda
Durante a crise de 1917, as principais forzas da oposición á monarquía (republicanos, socialistas, rexionalistas...) tiveron a oportunidade de acabar co réxime da Restauración e provocar unha apertura democrática do sistema, pero fracasaron pola súa falla de coordinación. Pero, a pesares deste fracaso nos intentos de botar abaixo a orde política vixente, o sistema político da restauración estaba seriamente danado. Dende 1917 rómpese co turno dos partidos dinásticos, desintegrados xa en faccións enemizadas, mentres que a opinión pública é axitada pola actividade crecente dos partidos republicanos e rexionalistas. Pola súa banda, o movemento obreiro mobiliza aos traballadores na rúa desencadeando unha folga tras outra, en protesta pola crise causada pola fin da guerra, e encoraxados polo triunfo da revolución rusa, que toman como un exemplo a seguir. A conflictividade social é enorme, e a amplitude dalgunhas folgas, como a da “canadiense” en 1919, obriga aos gobernos a aceptar reformas sociais, como a limitación da xornada laboral a 8 horas e a xubilación aos 65 anos en 1919. Entre 1918 e 1921 (o “Trienio bolchevique”) os patróns recorren a pistoleiros a soldo para perseguir e asasinar aos principais líderes sindicais, ao igual que o goberno, que practica execucións extraxudiciais contra os anarquistas aplicandolles a “lei de fugas” ou “paseo”, o que é contestado polos anarquistas con atentados (asasinato do presidente conservador Eduardo Dato en 1921). O rei, ante o grao de fragmentación dos partidos dinásticos, debe recurrir a formar gobernos de concentración (con ministros de diversos partidos), que se amosan débiles e incapaces de chegar a acordos estables, polo que duraban só poucos meses. Entre 1917 e 1922 houbo 15 gobernos diferentes.
4. O Problema Marroquí e o “Desastre de Annual”
En 1912, España e Francia delimitaran as súas respectivas áreas de influencia en Marrocos, correspondéndolle a España o protectorado sobre a rexión do Rif e a Yebala. Pero o establecemento do protectorado esixía a ocupación efectiva do territorio, e esta resultou moi difícil debido á hostilidade do entorno, abrupto e árido, e á resistencia permanente da poboación rifeña á presenza española. Para poder levar a cabo a conquista, España, á imitación de Francia, creou como corpo específico a Lexión (1920) e os Regulares, reclutados entre a poboación marroquí. Aínda así, o exército continuou nun estado calamitoso, mal equipado, adestrado e desmotivado. En 1921, o xeneral Silvestre iniciou un temerario despregue sobre o territorio co obxectivo de alcanzar Alhucemas (a metade de camiño entre Ceuta e Melilla). Coa idea de asegurar as liñas de comunicación, dispersou temerariamente os seus efectivos en pequenas guarnicións fortificadas en blocaos (do alemán blockhaus, ou búnker provisional construído con sacos de terra) ao longo das rutas. En agosto, as kabilas rebeldes rifeñas, ao mando do seu xefe Abd-el-Krim, atacaron as posicións españolas en Annual. As posicións, pequenas e illadas, foron caendo como fichas de dominó, provocando que os soldados, ao ver cortadas as comunicacións, fuxiran á desbandada sendo masacrados sen piedade. En poucos días, entre 13.000 e 19.000 soldados foron aniquilados. España apenas conservaba o dominio de Ceuta e Melilla, mentres Abd-el-Krim proclamaba unilateralmente a República independente do Rif. Como consecuencia do desastre, o goberno dimitiu, formándose un novo goberno de concentración nacional. A indignación popular e a esixencia da prensa deron lugar á apertura dunha investigación oficial dirixida polo xeneral Juan Picasso (o “Expediente Picasso”). Cando Picasso presentou o seu informe ante o Congreso en 1922, produciuse un agrio debate, xa que se difundiu a sospeita de que detrás das decisións responsables do desastre estaba a man do propio rei. A derrota afundiu aínda máis o descrédito e impopularidade da monarquía e do exército. As posibilidades do réxime para sobrevivir pasaban por unha democratización (algo que nin o rei nin a oligarquía dominante querían) ou por un goberno de forza, un “cirurxián de ferro” que asumise o poder de maneira autoritaria para reconducir a situación. Este estado de cousas favoreceu o éxito do pronunciamento do xeneral Primo de Rivera en 1923 e a imposición dunha dictadura militar.
A “Cuestión Social” e as Orixes do Movemento Obreiro en España
. 1.- A nova sociedade de clases. A sociedade do Antigo Réxime era estamental: A pertenza a unha clase social (estamento) estaba determinada polo nacemento. A revolución liberal supuxo a súa desaparición e a formación dunha nova sociedade de clases, na que as diferencias entre os grupos sociais viña marcada polo seu poder económico. Os vellos grupos tradicionais (nobreza, clero, campesiñado) permanecen, pero ao seu carón a burguesía foi aumentando a súa preeminencia social, ao eliminar os obstáculos que favorecían o seu enriquecemento e o acceso ao poder, mentres xurdía nas cidades unha nova clase: a dos obreiros industriais asalariados, o proletariado. 1.1.- As vellas clases sociais. A nobreza perdeu os seus privilexios fiscais e xurídicos, pero conservou a propiedade da terra. Algúns viron recortada a súa fortuna, ao reducirse os ingresos polas rendas campesiñas, pero os máis souberon adaptarse aos cambios e se aburguesaron. Igualmente, unha parte da burguesía buscou a equiparación coa nobreza, a través do outorgamento de novos títulos nobiliarios (nobreza de novo cuño) ou do matrimonio con aristócratas de rancio avoengo. Alta burguesía e nobreza iguálanse. O clero foi o gran perdedor coa revolución liberal, pois a desamortización, a exclaustración dos conventos, e a puxanza das tendencias laicistas fixéronlle perder grande parte do seu poder económico, e reduciron o número de cregos a un terzo. A súa reacción foi abrazar as tendencias políticas máis radicalmente tradicionalistas (coma o carlismo), e tentar de conseguir do novo réxime liberal garantías para manter a súa influencia política e social. O Concordato coa Santa Sede asinado en 1851, así como as constitucións conservadoras de 1845 e 1876 estableceron unha relación privilexiada entre a Igrexa e o Estado español: A confesionalidade do Estado (a relixión oficial é a Católica, ainda que se recoñeza máis ou menos tolerancia á práctica doutras relixións), o control do ensino (que debe estar dacordo co dogma católico), o sostemento económico do clero polo erario público… O campesiñado seguiu a ser a clase social maioritaria, debido a febleza do proceso industrializador. As desamortizacións non melloraron as súas condicións, ao non poder mercar as terras en venda, e perder ademais os dereitos sobre as terras comunais. A condición de propietarios ou non das terras marca grandes diferencias entre os labregos e entre as rexións. En Andalucía, por exemplo, a maioría dos traballadores do campo son xornaleiros, ameazados constantemente polo paro estacional e a fame. En Galicia pola contra os labregos non tiñan a propiedade da terra, pero si o usufructo (réxime foral), e as súas reivindicacións irán encamiñadas á conseguir a propiedade plena. O campesiñado sen terra de seu comparte co proletariado urbano a súa condición de clase traballadora que non ten máis medio de vida que intercambiar o seu esforzo por un salario que apenas cubre a súa subsistencia.
1.2.- As clases sociais emerxentes. A burguesía. Resultou a clase social máis favorecida polos cambios da revolución liberal. O triunfo do liberalismo daralles acceso ao poder político, mentres que os beneficios derivados do desenvolvemento industrial e o capitalismo daralles a supremacía económica. Dentro dela distínguese unha alta burguesía, composta por grandes financeiros, industriais e comerciantes, que conforman a oligarquía que detenta o poder económico e político (grazas ao sufraxio censitario). En comparación con outros países, a burguesía é escasa en número, pouco emprendedora e desexosa de equipararse á nobreza mediante o matrimonio ou a adquisición de títulos nobiliarios. O desenvolvemento urbano propiciou tamén o crecemento dunha pequena burguesía, unha “clase media” de pequenos comerciantes e industriais (tendeiros, artesáns), arrendatarios de casas e negocios, profesionais liberais (avogados, médicos…), e funcionarios. Esta clase intermedia carece da influencia social e política da alta burguesía pero considérase diferenciada dos traballadores manuais asalariados. Politicamente, a súa postura é ambigua: Unha parte deles amósanse reformistas e abertos a cambios democráticos, (reclamando por exemplo a extensión so sufraxio), e constitúen a base social dos liberais demócratas, pero asemade hainos que desconfían das reivindicacións sociais dos obreiros, o que fai que unha parte deles adopten posturas conservadoras.O proletariado é a nova clase social que xurde coa revolución industrial. Proceden dos labregos emigrados á cidade, e dos artesáns urbanos arruinados pola competencia das máquinas. O proletario é un traballador asalariado, que só conta coa forza do seu traballo para subsistir. Polo xeral, as súas condicións laborais son moi malas: as xornadas laborais son moi longas e os salarios ridículos, é frecuente o traballo infantil, as condicións de traballo son insalubres ou perigosas, etc. Esta clase social irá tomando pouco a pouco consciencia da inxustiza na que viven, co que xurdirá un movemento reivindicativo obreiro que demandará cambios laborais pero tamén políticos. 2.- As formas de loita obreira. 2.1.- O ludismo ou mecanoclastia As primeiras protestas obreiras coinciden coa introducción das primeiras máquinas a partir de 1820. Os obreiros axiña culparon ás máquinas da perda de postos de traballo, da ruína dos artesáns e do empeoramento das condicións laborais. A reacción foi o ataque violento contra as fábricas e a destrucción da maquinaria (mecanoclastia), ou á chantaxe contra os patróns mediante ameazas, en accións espontáneas e puntuais e con escasas repercusións. Estas accións coinciden moitas veces con momentos de crise ao longo de todo o século. O termo “luditas” vén de Ned Ludd, ou “king Ludd”, lider obreiro lexendario da Inglaterra do século XVIII, con quen os obreiros mecanoclastas ingleses se identificaban.
2.2.- A folga Fronte a estas accións desorganizadas, a folga xurde como unha forma de protesta planificada e colectiva. A folga consiste no abandono dos postos de traballo por parte de todos ou unha grande maioría dos obreiros para conseguir dos patróns melloras salariais ou laborais. Para teren éxito, as folgas esixían unha grande solidariedade dos traballadores implicados, e tamén certa capacidade de resistencia económica, pois os traballadores que non acudían a traballar perdían o seu salario, cando non o seu posto. Para rebentar as folgas, os patróns contrataban traballadores temporeiros (esquirois) en sustitución dos folguistas, e contaban co apoio dos axentes da orde para reprimir as manifestacións e protestas.As folgas podían simplemente parar a unha fábrica ou empresa. Ás veces, os obreiros doutras empresas podían solidarizarse e poñerse en folga para mellorar as condicións de todo ou sector industrial (folga sectorial). As folgas máis importantes podían implicar a todos os traballadores dunha cidade, rexión ou do Estado, de todos os sectores económicos (folga xeral). Este tipo de folgas podían ter obxectivos non só económicos senón políticos: favorecer un cambio de política ou de goberno favorable aos intereses dos traballadores. 2.3.- As caixas de resistencia e os primeiros sindicatos. A lexislación liberal prohibiu os gremios e as asociacións obreiras, pois consideraban que os gremios eran un obstáculo ao libre comercio. Sen embargo, os gremios e corporacións de artesáns cumplían tamén funcións de asistencia social aos seus membros, polo que a súa desaparición deixaba aos traballadores manuais desamparados en caso de enfermidade ou accidente. Por esta razón o Estado permitiu a creación de sociedades obreiras que se adicaran á beneficencia e axuda mutua e que funcionaban como unha compañía de seguros, nas que os membros aportaban unha pequena contribución a un fondo común, e facían uso del no caso de accidente, enfermidade ou morte. Estas sociedades comezaron a aparecer dende 1840 funcionando axiña como verdadeiros sindicatos, xa que foron usadas como “caixas de resistencia” nas que os obreiros depositaban os seus aforros, e usaban os fondos recadados para facer fronte ás folgas. Este carácter reivindicativo fixo que as asociacións de traballadores foran sucesivamente prohibidas e toleradas polos diferentes gobernos ata a definitiva liberdade de asociación de 1887. Para entón xa operaban en España os primeiros sindicatos “de clase”, de tendencia socialista, máis ou menos revolucionaria. A existencia de sindicatos outorga aos traballadores dun instrumento de presión efectivo cara os patróns, pois se os obreiros están sindicados, amosan máis capacidade de organización, disciplina e resistencia en caso de conflicto laboral, e a simple ameaza de folga pode obrigar aos patróns a negociar e a aceptar algunhas reivindicacións dos seus traballadores.
3.- As novas ideoloxías revolucionarias. 3.1.- O internacionalismo proletario. A toma de conciencia polos traballadores de toda Europa de que os seus problemas son comúns á toda a súa clase (“conciencia de clase”), e da inxustiza que representaba a desigualdade social, levounos a organizarse para loitar por un modelo social distinto. Xurden así diferentes doutrinas revlucionarias que propoñen a construcción dun modelo social sen clases sociais (socialismo) na que os traballadores poidan disfrutar plenamente do froito do seu traballo e dunha igualdade real e plena. Entre estas correntes de pensamento destacan o socialismo marxista e o anarquismo. O socialismo e o anarquismo comezan a difundirse por España a raíz da revolución de 1868, grazas ao clima de liberdades que se instaura, e que legaliza as asociacións obreiras. Estos primeiros sindicatos toman contacto con activistras da Asociación Intenacional de Traballadores (AIT, ou “Internacional obreira”), creada en Londres en 1864, e que tiña por obxectivo a emancipación da clase traballadora. As organizacións obreiras españolas uníronse á Asociación Internacional de Traballadores (AIT) ou Internacional, en 1870, tras un congreso en Barcelona no que se fundou a Federación Rexional Española (FRT-AIT). A súa estructura era federativa e nela estaban representadas todas as asociacións obreiras locais, chegando a ter 40.000 afiliados en toda España. Os problemas da Internacional viñeron da man das diferencias teóricas e prácticas dos diferentes grupos que a compoñían: socialistas marxistas, anarquistas, sindicalistas, utópicos… O enfrontamento máis significativo deuse entre socialistas e anarquistas, pois discrepaban en diversos puntos. Pero mentres que en Europa os anarquistas foron expulsados da internacional en 1872, en España a maioría das organizacións eran anarquistas e foron eles quen acabaron expulsando aos socialistasda Federación española. A dura represión do movemento obreiro fixo esmorecer a I Internacional, aínda que mantivo a súa actividade ata 1881.
3.2.- O anarquismo. As ideas anarquistas chegaron a España en 1868, e enseguida se espallaron por Cataluña, Levante e o agro andaluz, onde os anarquistas terían unha grande forza e influencia. O anarquismo, ou socialismo libertario, pretendía conquistar unha sociedade xusta e igualitaria mediante a destrucción do Estado e de calquera forma de autoridade, poder ou opresión, e da abolición do dereito á propiedade. Segundo os anarquistas na sociedade libertaria non habería clases, non existe a propiedade de bens que poidan servir para a explotación dos demais. Todas as relacións sociais deben basearse no principio de liberdade e solidaridade entre iguais. A célula básica da organzación social sería a comuna, que se xestiona de manera autónoma e de maneira asamblearia por todos os individuos que a compoñen, e que poden decidir asociarse ou federarse libremente con outras comunas. Non se recoñecen nacións nin fronteiras. O anarquismo desenvolveuse en diferentes correntes, segundo a súa estratexia de loita para conquerir a sociedade libertaria. O anarquismo renunciou a formar partidos políticos debido á súa aversión por calquera forma de poder, e en xeral rexeitou cooperar con outras forzas políticas que representasen un modelo de organización estatal. Unha das vías que adoptaron para a extensión das súas ideas foi a educación, a través da creación de escolas laicas onde se impartía unha educación racionalista, humanista e científica á marxe da educación tradicionalista e católica. Entre estes experimentos educativos destacou a “Escola Moderna”, fundada polo pedagogo anarquista Francisco Ferrer i Guardia. Outro camiño adoptado polo movemento anarquista foi a creación de sindicatos de clase, (Federación de traballadores da rexión española FTRE en 1881; Solidariedade Obreira en 1906, e finalmente a Confederación Nacional do Traballo CNT, fundada en 1910). Estes sindicatos defendían a folga xeral revolucionaria como mecanismo para derrubar o poder establecido. A CNT foi o principal sindicato a comenzos do século XX, con especial implantación entre os obreiros de Cataluña e Levante, e no campo andaluz. O sector máis extremista do movemento anarquista defenderon como forma de loita e emancipación da clase obreira a chamada propaganda pola acción, ou propaganda polos feitos, tomando represalias en forma de atentados contra a clase dominante e especialmente contra os cadros políticos. Os anarquistas asasinaron a tres presidentes do goberno (Maura, Canalejas e Dato) e atentaron contra reis, xenerais, bispos, avogados, terratenentes e industriais. O goberno, en connivencia cos patróns, respondía contra estes atentados coa persecución implacable do movemento anarquista e a execución dos seus membros (moitas veces veces extraxudicialmente, aplicando a “Lei de fugas” ou o “paseo”), o que conlevaba novos atentados como resposta, nunha espiral de violencia.
3.3.- O socialismo ou marxismo. As ideas marxistas entraron en España cara 1870. O socialismo ou marxismo considera que a desigualdade social ven determinada pola propiedade dos medios de producción (a terra, as industrias, o capital...) por parte da burguesía. A explotación capitalista consiste na usurpación por parte da burguesía do valor do traballo que exerce a clase obreira. Por tanto, ao igual que os anarquistas, os socialistas defenden a propiedade colectiva dos medios de producción. Porén, o socialismo marxista considera que a forma de lograr unha sociedade socialista é mediante a conquista do poder pola clase traballadora, organizada en sindicatos e partidos políticos. Unha vez no poder, estas organizacións de clase o usarán para expropiar os medios de producción e os capitais ás clases explotadoras (a burguesía) para facelos públicos, (dictadura do proletariado) eliminando así as diferencias entre ricos e pobres. Cando iso suceda, acadarase un Estado socialista, xestor do común, e no que todos os individuos, pertencentes á mesma clase traballadora, traballan en función da súa capacidade e reciben en función da súa necesidade. Para conseguir os seus obxectivos, os socialistas recurrirán, ademais dos mecanismos clásicos da loita obreira como a folga, á participación no xogo político a través de partidos políticos de clase, o que os diferencia dos anarquistas. No socialismo español destaca a figura do ferrolán Pablo Iglesias, fundador do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) primeiro na clandestinidade en 1879, e logo xa legal en 1888. Ademais tamén creou o sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT). Pablo Iglesias foi elexido deputado en 1910. O partido socialista participou na fundación da II Internacional obreira en 1889, cando a AIT foi refundada esta vez sen participación dos anarquistas. Dentro dos acordos da Internacional, estableceuse o 1º de Maio como xornada internacional da loita obreira. Entre os obxectivos marcados para a mellora das condicións de vida da clase traballadora unha das máis destacadas foi a reclamación da xornada laboral de 8 horas, o descanso semanal ou o salario mínimo. A xornada de 8 horas/día e 48 semanais conseguiuse en 1919, despois dunha dura folga, sendo españa o segundo país de Europa onde se recoñecía, despois de Rusia.
Definicións: Ludismo: O ludismo é un movemento obreiro de protesta contra a introdución das maquinas nas industrias, debido aos despedimentos e á rebaixa dos salarios que isto provocaba. Nas revoltas luditas, os obreiros atentaban contra as maquinas destruíndoas. O nome de ludista ou ludita, deriva de Ned Ludd, lexendario líder obreiro ingles do século XVIII que foi o primeiro en romper un tear como protesta. Dende Inglaterra, o fenómeno se trasladou ao resto de Europa a medida que se introduciu a mecanización. Porén, estas accións espontáneas non tiveron un alcance moi grande, e axiña os obreiros adoptaron formas de presión máis efectivas e organizadas contra os patróns, como as folgas. Semana tráxica: Insurrección popular producida en Barcelona na derradeira semana de xullo de 1909, debido ao descontento provocado polo embarque de soldados reservistas para reforzar ao exército de Melilla. Os obreiros de Barcelona puxéronse en folga en apoio dos soldados consciptos, procedentes das clases populares, e a revolta derivou nun motín anticlerical polo apoio que a Igrexa manifestaba á guerra de Marrocos. A insurrección, sen dirixentes nin obxectivos, foi aplastada violentamente polo exército tras unha semana de disturbios. Francisco Ferrer i Guardia, un mestre anarquista fundador da Escola Moderna, foi acusado inxustamente de dirixir a revolta e condenado a morte, provocando o decrédito internacional do goberno. Tas a semana tráxica, socialistas e republicanos achegaron as súas posicións contra a monarquía. Desastre de Annual: Gravísima derrota sufrida polo exército español en Marrocos fronte as kabilas rifeñas mandadas por Abd-el-Krim, na guerra do Rif, entre xullo e agosto de 1921. Os rifeños atacaron as liñas de comunicación españolas, imprudentemente desplegadas nunha liña de 130 quilómetros entre Melilla e Annual, provocando a desbandada do exército e a aniquilación de entre 12.000 e 19.000 soldados. O desastre de Annual afondou a impopularidade do exército, da guerra de Marrocos e a monarquía, e acelerou o fin do réxime constitucional da Restauración. Expediente Picasso: Informe oficial instruido polo xeneral Juan Picasso para coñecer as responsabilidades da derrota do exército de Marrocos en Annual, en 1921. As conclusións do expediente apuntaban á culpabilidade dos altos mandos do exército, e se estenderon sospeitas fundadas de que detrás das súas decisións erradas estaba o rei. As responsabilidades nunca foron depuradas porque cando o expediente estaba a ser estudado pola comisión do Congreso dos deputados en 1923, o xeneral Primo de Rivera deu un golpe de Estado, pechou as Cortes e instaurou a dictadura.