Reformas Borbónicas e Ilustración en España e Galicia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,03 KB

Pregunta ABAU Nº 15.

Os Decretos de Nova Planta e os seus efectos

Información libro Baía Edicións: Apartado 2.1. Reforma da monarquía e centralismo político. Páxinas 138-139.

Posible resposta:

En 1700 o rei Filipe V de Borbón recibiu a coroa de España. Naqueles momentos estaba formada por un conglomerado de reinos, cada un dos cales tiña leis, foros e institucións diferentes. Na península o poder do rei era forte na Coroa de Castela, pero estaba suxeito a fortes limitacións na Coroa de Aragón.

Os Decretos de Nova Planta forman parte do programa de reformas políticas e administrativas, inspiradas no modelo político francés, que o rei Filipe V introduciu desde o inicio do seu reinado co obxectivo de establecer maior grao de centralización do poder político e a unificación lexislativa e institucional no reino de España. Trátase dun conxunto de decretos asinados polo monarca durante a Guerra de Sucesión mediante os que quedaban abolidos os privilexios forais dos reinos da Coroa de Aragón, considerados como rebeldes por tomar partido por Carlos de Austria na Guerra. Filipe V, apoiado na forza militar das súas tropas e a medida que ía recuperando territorios, aboliu os privilexios de Aragón e Valencia (1707), Mallorca (1715), e Cataluña (1716), impoñendo as leis de Castela.

Os efectos dos Decretos de Nova Planta

Pola aplicación dos Decretos, os reinos da Coroa de Aragón perderon a súa autonomía política e institucional, sendo sometidos aos modelos casteláns. As súas institucións particulares (Cortes, Deputacións, Consellos, Generalitat) foron suprimidas, os vicerreis foron substituídos por capitáns xenerais, rebaixando así as súas atribucións, os concellos foron sometidos á autoridade dos correxedores e introducíronse os intendentes. Os seus tribunais xudiciais foron modificados mediante a creación de Audiencias en Zaragoza, Valencia, Mallorca e Barcelona a imitación das de Castela; e o dereito público que se vai a aplicar sería o de Castela (aínda que permanece o civil catalán). Ademais, o castelán substituíu ao catalán como lingua na Administración. Ao perder as súas Cortes e institucións perden tamén a capacidade que tiñan de limitar as exixencias do rei para cobrar novos tributos, quedando sometidos á lexislación tributaria castelá; así mesmo impónselles as quintas para o recrutamento de soldados, servizo do que estaban exentos.

No terreo económico en cambio saen favorecidos pois as aduanas interiores que existían entre os distintos reinos da Coroa de Aragón e Castela foron suprimidas; deste xeito os comerciantes cataláns poderán iniciar no século XVIII a súa expansión pola península contribuíndo ao despegue económico de Cataluña.

Con estas medidas incrementouse o centralismo borbónico, cunha maior uniformización dos territorios, aínda que subsistiron numerosos particularismos políticos e xurisdicionais, caso de Navarra e as provincias vascas que mantiveron os seus privilexios forais e os seus réximes especiais (provincias exentas) en gran parte polo apoio prestado á causa borbónica durante a Guerra de Sucesión.

Pregunta ABAU Nº 17.

As ideas fundamentais do pensamento ilustrado

Información libro Baía Edicións: Apartado 2.3. Carlos III e o reformismo ilustrado. Páxinas 142-149. Apartado 4. A Ilustración en Galicia. Páxinas 158-161.

Posible resposta:

A Ilustración foi un movemento cultural e ideolóxico característico da Europa do século XVIII que defendía tanto a capacidade da razón humana para descubrir a verdade e as leis da natureza, como a necesidade de propor e realizar reformas co obxectivo de incrementar o benestar material do país, mellorar a sociedade e alcanzar a felicidade persoal.

Tanto en España como en Galicia, as novas ideas da Ilustración tiveron un desenvolvemento tardío. Na súa concreción pódense distinguir dúas etapas. A primeira, durante os reinados de Filipe V (1700-46) e de Fernando VI (1746-59), denominada de protoilustración, estivo encabezada polos chamados proxectistas (por elaborar proxectos para o goberno) e os anovadores ou novatores (por querer innovar no pensamento e na ciencia) entre os que destacaron Feixoo e Mayáns. A segunda, plenamente ilustrada e de apoxeo, desenvolveuse durante o reinado de Carlos III (1759-88) e nela destacaron os ilustrados Campomanes, Floridablanca, Olavide…; en Galicia cómpre destacar a Xosé Cornide.

Estas ideas ilustradas foron aceptadas e promovidas por unha minoría culta formada por nobres, clérigos, oficiais da Administración e burgueses que tiveron unha enorme influencia política. En liñas xerais, o seu pensamento e as súas propostas caracterizáronse pola moderación reformista, tentando compaxinar a crítica e a renovación co pragmatismo e o mantemento da orde socio-política establecida; só uns poucos foron evolucionando cara a posicións máis radicais preliberais.

En síntese, o seu pensamento caracterizouse por:

  • A crítica á realidade vixente, á ignorancia e á falta de cultura, ao atraso técnico e económico, aos prexuízos sociais e aos abusos dos poderosos.
  • O fomento da educación e da renovación científica (as ciencias útiles) para superar o atraso existente e modernizar España. Estes ideais concretaríanse na fundación de escolas técnicas (como a Escola de Náutica e a de Comercio na Coruña) e na creación das Academias (da Lingua, Medicina, Historia, Belas Artes…).
  • O predominio das preocupacións económicas, tentando fomentar e mellorar, con numerosos proxectos e reformas, todos os sectores produtivos (en especial o artesanal e comercial) co obxectivo de incrementar a riqueza do reino e o benestar e a felicidade da poboación. Co propósito de contribuír á difusión dos avances científicos e técnicos e de potenciar a economía dunha determinada zona ou rexión crearon as Sociedades Económicas de Amigos do País (a primeira foi a Real Sociedade Bascongada fundada en 1765); en Galicia destacou o Real Consulado da Coruña (1785). Tamén a prensa (como El Censor e El Pensador) contribuíron á divulgación destas ideas e proxectos.
  • O recurso ao poder do rei para alcanzar as reformas pretendidas e afastar tanto os atrancos existentes como a oposición dos sectores tradicionalistas, maioritarios na Igrexa e na sociedade. Por iso defenderon unha nova concepción do poder coñecida como despotismo ilustrado: os monarcas debían exercer un poder absoluto, pero este debía empregarse, impulsando e encabezando as reformas o propio rei, en lograr aumentar a riqueza e o benestar (resumido no lema: todo para o pobo pero sen o pobo). Este apoio ao poder real fixo que moitos ilustrados formasen parte dos gobernos, en especial durante o reinado de Carlos III (Ensenada, Aranda…).

Entradas relacionadas: