A Recuperación da Lingua Galega: Do Franquismo á Normativización (1936-1975)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,23 KB

1. Contexto Histórico e Situación Sociolingüística (1936-1975)

O Franquismo e a Guerra Civil (1936-1939) marcaron profundamente a nosa historia. En Galicia, o réxime franquista instaurouse rapidamente, polo que todos os organismos, institucións e editoriais que triunfaran no primeiro terzo do século XX chegaron ao seu fin (A Nosa Terra, Nós...), excepto a Real Academia Galega. A guerra interrompeu todos os movementos políticos e culturais galeguistas; algúns dos seus protagonistas foron asasinados, outros exiliáronse e os que sobreviviron permaneceron silenciados.

1.1. O Labor da Editorial Galaxia

A Editorial Galaxia fundouse en 1950 e foi a primeira exclusivamente en galego. Constituíu a saída cultural do galeguismo e tomou protagonismo na recuperación da lingua galega.

A xeración máis vinculada á Editorial fórmana autores como Cunqueiro ou Fole. Galaxia tamén conseguiu recuperar autores silenciados ou exiliados a partir de 1936 (Otero Pedrayo, Castelao...) e dar cabida a novas xeracións (Carlos Casares, Méndez Ferrín...). O cultivo do galego conseguiu recuperarse e impulsarse, sobre todo, na prosa ensaística.

Marcos de Recuperación Cultural e Política

En 1951 aparece a revista Grial, pero foi prohibida polo réxime pouco tempo despois da súa publicación, xa que só se permitía usar “linguas rexionais” en textos literarios. Prohibiuse publicar textos informativos nos xornais galegos ou usar a lingua para actos públicos. Afortunadamente, a finais desta década, redúcese a censura e publícase Longa noite de pedra (1962), que se converterá en símbolo antifranquista.

  • 1963: A RAG instaura o Día das Letras Galegas.
  • Créase a asociación cultural O Facho na Coruña.
  • Posteriormente aparecerán outras agrupacións que continuarán coa loita de recuperación do galego.
  • No ámbito político fúndase o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG). A súa actuación recuperou o uso do idioma publicamente e fixo que outros partidos comezasen a empregalo.

1.2. Aumento Cualitativo da Castelanización

En 1960 iníciase unha transformación do sistema socioeconómico tradicional en Galicia debido ao auxe industrial. Isto provocou a migración cara ás cidades e o aumento da poboación urbana, o que levou á perda da cultura tradicional e do galego.

A castelanización aumentou debido a varios factores:

  • A extensión do ensino (obrigatorio en castelán).
  • A represión franquista, que prohibía o galego nos ámbitos formais, públicos ou escritos (Igrexa, Administración, educación, prensa, radio, televisión...).

Os medios de comunicación audiovisuais contribuíron significativamente no proceso de substitución lingüística, posto que chegaron a toda a sociedade. Como a súa lingua habitual era o castelán, grazas a estes medios asociados á modernidade, o castelán penetrou en ámbitos tradicionalmente monolingües en galego.

A nivel lexislativo, nos últimos anos, aprobáronse disposicións para permitir o estudo das linguas “rexionais”, pero só de forma voluntaria e anecdótica.

Coa morte de Franco, comeza a recuperación das liberdades democráticas con movementos sociopolíticos activos.

2. Características Lingüísticas Fundamentais e Normativización

O galego da posguerra contaba cunha gran diversidade de solucións, polo que os autores da editorial avanzaron cara á sinxeleza formal. As Normas do Seminario decantábanse por reducir o uso dos apóstrofos, guións e acentos gráficos (tiles); e moderaron os excesos enxebrizantes.

Desenvolvemento Normativo

Nos anos 60, déronse novidades importantes:

  • 1966: Carvalho Calero elaborou a Gramática elemental del gallego común.
  • 1970: A RAG realiza os primeiros códigos normativos: Normas ortográficas do idioma galego.
  • 1971: Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.

Posteriormente, créase o Instituto da Lingua Galega (ILG), que xunto coa RAG, impulsará o labor de normativización do idioma.

Entradas relacionadas: