O recoñecemento constitucional dos sindicatos e o dereito de folga

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Formación y Orientación Laboral

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,93 KB

O recoñecemento constitucional dos sindicatos

10. Do tema 12, «o recoñecemento constitucional dos sindicatos»

O sindicato defínese como a asociación de traballadores para a defensa e promoción dos seus intereses económicos e sociais. Aínda que historicamente adoptan outras formas de organización, os traballadores utilizan como forma típica e permanente de organización a figura da asociación, por iso é polo que legalmente se fai coincidir a expresión organización sindical coa de asociación sindical.

A forma asociativa permite aos traballadores afirmar a súa independencia organizativa, dispor dunha organización estable e finalmente conformar estruturas organizativas complexas.

Así concibido, o sindicato goza dun recoñecemento singular como asociación dentro da Constitución Española, do mesmo xeito que os partidos políticos. A diferenza das asociacións en xeral, os sindicatos reciben un tratamento singular. En efecto, o artigo 7 indica que «os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios». Esta mención do artigo 7 ao sindicato supón recoñecerlle a súa condición de compoñente básico do sistema constitucional español, de modo que, con este recoñecemento constitucional, os sindicatos pasan a ser considerados como asociacións sobre as que se eleva o Estado democrático creado pola Constitución española. Este recoñecemento vai repercutir, en primeiro lugar, na amplitude do ámbito subxectivo de actuación, dado que a relevancia pública que o artigo 7 outorga aos sindicatos supón establecer que os sindicatos actúan non só en representación e defensa dos afiliados á asociación, senón en representación do conxunto dos traballadores. E en segundo lugar, vai repercutir na amplitude dos fins que está chamado a cumprir o sindicato, dado que o mesmo artigo 7 recolle a especificidade dos fins do sindicato sinalando que «os sindicatos de traballadores... contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios». A referencia aos intereses económicos e sociais supón o recoñecemento da amplitude dos obxectivos lexítimos do sindicato, que poden ser estritamente laborais, pero tamén obxectivos sociopolíticos fronte aos poderes públicos.

A titularidade do dereito de folga

11. Do tema 15, «a titularidade do dereito de folga»

Adóitase afirmar que o dereito de folga en España é de titularidade individual e exercicio colectivo. Agora ben, soster que o dereito de folga corresponde aos traballadores individualmente considerados non deixa de ser unha visión parcial do problema, tendo en conta que a folga non se esgota na súa esfera individual. Do mesmo xeito que sucede coa liberdade sindical, cabe distinguir no dereito de folga dous planos, facetas ou dimensións, que son a dimensión individual e a dimensión colectiva. A isto refírese, precisamente, a doutrina constitucional cando traza a separación entre a titularidade do dereito de folga e as facultades que integran o contido complexo deste dereito; facultades que están distribuídas entre o traballador individual e os seus representantes.

A dimensión individual identificaríase coas facultades individuais do exercicio do dereito, que comprenden o dereito do traballador singular de sumarse ou non ás folgas declaradas, así como o dereito de abandonar a folga á que se adheriu. Un traballador non pode convocar unha folga, mais en todo caso é lícita a folga secundada por un só traballador.

Pola súa parte, a dimensión colectiva identificaríase coas facultades colectivas sinaladas polo Tribunal Constitucional, isto é, co dereito de convocatoria, formulación reivindicativa, publicidade, proxección exterior, negociación e terminación dunha folga. As facultades que integran o exercicio colectivo do dereito de folga corresponden, segundo os casos, tanto aos traballadores como aos seus representantes e ás organizacións sindicais.

Procedementos extraxudiciais de solución de conflitos

12. Do tema 16, «os procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos»

O noso ordenamento prevé procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe para a solución de conflitos colectivos. Son instrumentos extraxudiciais tradicionais, en que sempre está presente o labor realizado por una terceira persoa. Na conciliación intervén un terceiro imparcial, que meramente tenta achegar as posición de ambas partes en conflito. Na mediación, en cambio, o terceiro imparcial dá un paso máis, dado que realiza unha proposta de solución do conflito, aínda que esta proposta non vencella a ningunha das partes. E por último, na arbitraxe, o terceiro imparcial emite unha proposta de solución do conflito, pero que si vencella xa ás partes, que se coñece tradicionalmente co nome de laudo.

Entradas relacionadas: