Ramas da Antropoloxía: Física, Cultural e Filosófica
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Religión
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,32 KB
Antropoloxía Física
A antropoloxía física divídese en varias ramas:
- Paleoantropoloxía: ocúpase do estudo da evolución humana e os seus antepasados, os homínidos.
- Antropoloxía xenética: tenta entender a evolución do ser humano comparándoo con outras especies a través de técnicas de análise molecular.
- Ontoxenia: estuda os cambios físicos e neurolóxicos que experimenta o organismo ao longo da súa vida.
- Somatoloxía: consiste no estudo das relacións entre o corpo humano e o seu medio ambiente físico e cultural, no presente e no pasado.
- Antropoloxía forense: céntrase na identificación dos cadáveres e na reconstrución das circunstancias da morte e mesmo da biografía biolóxica do individuo.
- Paleopatoloxía: estuda as enfermidades padecidas por persoas ou animais na antigüidade a través dos seus restos óseos.
- Ecoloxía humana: consiste no estudo da relación existente entre o ser humano e o medio ambiente no que se desenvolve.
Antropoloxía Cultural
Ocúpase das formas coas que as persoas viven e se relacionan socialmente: a lingua, a cultura e os costumes. Unha boa parte do traballo dos antropólogos culturais consiste en rexistrar os diferentes estilos de vida, describindo a organización social, a produción de alimentos, a linguaxe e os demais aspectos culturais.
- Etnoloxía: dedícase ao estudo comparado de culturas diferentes, explicando as semellanzas e diferenzas entre elas e establecendo marcos teóricos que sirvan para explicar as relacións entre o ser humano e a cultura de forma universal.
- Etnografía: estuda, mediante a recollida de datos, unha cultura determinada. Os datos recompilados consisten na descrición detallada dos seus costumes, crenzas, mitos, xenealoxías, historia, e constitúen unha base da investigación en antropoloxía cultural.
Antropoloxía Filosófica
É unha reflexión sobre o que é o ser humano desde todas as perspectivas: biolóxica, cultural e histórica. Toma en conta os resultados da antropoloxía biolóxica e cultural para buscar o que é esencial no ser humano, isto é, o especificamente humano.
A antropoloxía filosófica pregúntase polo que fai diferente o ser humano dos demais seres. Aínda que esta reflexión sobre a esencia do ser humano estivo presente ao longo da historia da filosofía, é nos séculos XIX e XX cando esta cuestión se converte na cuestión central do pensamento.
Conceptos Clave en Antropoloxía
- Etnocentrismo: é a crenza de que as nosas pautas de conduta son sempre naturais, boas, fermosas e importantes, e que as dos estraños, que actúan de forma diferente, son salvaxes e inhumanas.
- Relativismo cultural: afirma que toda pauta cultural é tan digna de respecto coma as demais e que só debe ser xulgada desde dentro da propia cultura e en relación coas demais regras e pautas culturais.
- Perspectiva emic: descrición da cultura desde un punto de vista interno.
- Perspectiva etic: descrición da cultura desde un punto de vista externo.