Racionalismo e Revolución Científica no Século XVII

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,88 KB

A Exposición do Contexto Xeral

No século XVII ten lugar unha gran crise que supón a rotura da unidade de Europa e a aparición de divisións e conflitos. Debido a isto, búscanse novas solucións para os graves problemas da época, pero estas acentuarán máis a crise. En canto á cultura, o barroco supón un desequilibrio emocional, angustia e pesimismo. Deste xeito, vívese a inconsistencia da existencia e da realidade, e o home síntese inseguro. Ademais, a cultura nacionalízase e Holanda convértese no refuxio de filósofos e librepensadores, como Descartes. En canto á filosofía, verifícase a crise da escolástica desde Ockham, ao separarse a razón e a fe. Ademais, Ockham destrúe as esencias e pérdese a universalidade e necesidade da razón, sendo só capaz de facer ciencia, pero o afundimento definitivo da escolástica ten lugar no Renacemento debido á revolución científica, a cal supón a transformación da imaxe do universo. Na nova ciencia é cuantitativa e mecanicista porque a razón reduce a realidade a matemática, sendo esta a que guía o método científico.

Ante esta crise da filosofía, o racionalismo busca verdades seguras e certas como fundamento para unificar os coñecementos, e para chegar a eles teñen que atopar un método de razoamento. Isto dará lugar en Descartes a novos problemas.

Descartes é o iniciador desta corrente filosófica, á que pertencen outros filósofos, como Leibniz e Spinoza.

O racionalismo busca a razón matemática, que será o fundamento seguro e certo que unificará os coñecementos, sendo universal e necesario. No racionalismo atopamos uns trazos que teñen que ver con esta razón:

  • Caracterización da razón: a razón matemática é unha razón dependente dos sentidos, xa que desconfían deles para lograr un coñecemento certo, seguro, universal e necesario. A razón ten en si mesma verdades innatas, a partir das cales deducirá todo o demais. Ademais, esta razón é sistemática, capaz de construír un conxunto ordenado de todos os coñecementos, autónoma e todopoderosa (só en base a si mesma pode coñecelo todo, como se fose divina) e dogmática (non se critica a si mesma).
  • Carácter do método: é un método de descubrimento porque buscan verdades, e matemático-dedutivo, xa que estas verdades terán que ser certas, universais e necesarias.
  • Mecanicismo: teñen unha concepción mecanicista do universo (sen recorrer a ningunha finalidade), derivada do método matemático.
  • Concepción da verdade: entenden a verdade como certeza (imposibilidade de dúbida). Para eles o único que o suxeito pode coñecer directamente son as súas ideas e só as que teñen a súa orixe na mente son certas, polo que teñen unha concepción subxectivista e idealista da verdade, en contraposición á obxectivista e realista de Aristóteles.
  • Metafísica e substancia: identifican a razón coa realidade e o que a razón matemática atopa como verdadeiro é considerado como substancia. As ideas innatas Deus, alma e mundo son realidades que constitúen os sistemas metafísicos racionalistas.

A Vinculación do Racionalismo coa Revolución Científica

A Revolución científica ten lugar na astronomía con Copérnico, Kepler, Galileo..., estendéndose máis tarde cara á física. Foi un longo proceso creativo que supuxo unha gran transformación da imaxe do universo, da concepción da ciencia e da metodoloxía científica aristotélico-medieval. Obsérvase unha volta ao platonismo e pitagorismo fronte a Aristóteles. O racionalismo herda da Nova Ciencia a visión mecanicista do universo; mentres a ciencia aristotélica dá explicacións cualitativas, teleolóxicas e antropocéntricas seguindo o modelo do “organismo vivo”, a Nova Ciencia dará explicacións mecanicistas, cuantitativas e non antropocéntricas. O modelo a seguir para eles é o da máquina. É unha concepción mecanicista porque todo se explica en base á materia extensa e o movemento, considerando os átomos como elementos únicos da materia. É cuantitativa por estar baseada na matematización da realidade, eliminando as cualidades sensibles como subxectivas, considerando tan só verdadeiras as cualidades primarias. Ao concibir o universo como unha máquina, este xa non resulta á medida para o home, o cal se sente arroxado. Polo tanto, os racionalistas plantexan que o home se refuxie na subxectividade, no suxeito de coñecemento, en busca da certeza, da seguridade. Isto en Descartes dá lugar ao dualismo corpo-alma.

En canto á metodoloxía científica, os racionalistas herdan da Nova Ciencia o aspecto matemático dedutivo do método hipotético-dedutivo de Galileo, e rexeitan o seu aspecto experimental.

Entradas relacionadas: