A Prosa Galega de Posguerra (1936-1976): Renovación e Continuidade

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,53 KB

1. Introdución

Os anos que seguiron á Guerra Civil impuxeron un silencio obrigado na literatura galega. Algúns autores seguiron publicando dende o exilio e impulsaron as ideas galeguistas. Na nosa terra, entre 1936 e 1950, houbo un tempo de censura, persecución lingüística, deserción e desaparición de autores. Tamén había problemas de escaseza de público e falta de infraestruturas culturais. A primeira novela da posguerra, A xente da barreira, de Ricardo Carvalho Calero, publicouse en 1950. Nesta mesma data tivo lugar un importante acontecemento que se pode considerar como un dos feitos máis importantes da literatura galega de posguerra: a fundación da Editorial Galaxia.

Esta editorial contou con persoeiros cun protagonismo nos anos anteriores á Guerra Civil. O obxectivo deste grupo de intelectuais era servir de transmisores dos ideais galeguistas a aquelas xeracións que naceran na década dos 30 e nos primeiros anos dos 40. O proxecto de Galaxia era normalizar a cultura galega.

2. A Obra Narrativa de Eduardo Blanco-Amor (Ourense, 1897-1979)

É autor dunha obra en prosa non moi ampla pero de grande mérito e moi recoñecida pola crítica. A súa produción anterior a 1936 é moi pouco coñecida. Toda a obra prosística de posguerra de Blanco-Amor constitúe un único macrotexto que supón unha panorámica histórica e social de Galicia e que presenta unha serie de puntos comúns, ao estar centrada nun único espazo literario, un tempo maioritario (finais do século XIX e principios do XX) e unha sociedade (a de provincias, hipócrita e xerarquizada), ademais de ter un punto de vista en 1ª persoa. Os personaxes pertencen ás capas populares da sociedade e os espazos son resoltamente sórdidos ou cando menos sombrizos e magoantes, lográndose o efecto dunha pintura naturalista da sociedade centrada nos aspectos fortes, crus e vitais. O estilo é directo e natural, aínda que a lingua literaria está construída a partir das estruturas sintácticas populares. A obra máis celebrada de Blanco-Amor é A esmorga (1959), novela que recolle renovacións propias da literatura do seu tempo. Destacou a orixinalidade do seu estilo, os personaxes están caracterizados de forma indirecta, a través das súas falas e comportamentos, e o valor simbólico das súas referencias espaciais. A súa seguinte publicación, Os biosbardos (1962), é un conxunto de sete relatos curtos que teñen como protagonistas a nenos que sofren a causa de circunstancias psicolóxicas, físicas ou económicas. Tamén destaca Xente ao lonxe (1972), cunha estrutura moi complexa e que usa a técnica cinematográfica. A súa historia trata dunha familia de activistas obreiros.

3. A Obra Narrativa de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-1981)

Dentro da produción narrativa de Álvaro Cunqueiro distinguimos dúas liñas claramente diferenciadas. Dunha banda, estarían unha serie de libros que retratan tipos extraídos do mundo popular galego. Pertencen a este grupo obras como Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Trátase de breves relatos, cheos de realismo, fantasía e humor, que configuran un mosaico dos trazos máis destacados da nosa cultura popular. Os protagonistas son labregos, menciñeiros, cazadores, emigrantes, personaxes con soños ou teimas particulares, que conforman distintas historias que van descubrindo a complexidade psicolóxica do paisano galego, no que coexisten con naturalidade elementos contraditorios como o racionalismo e a maxia ou a espiritualidade e o escepticismo. Fronte a este grupo de obras e seguindo unha liña totalmente distinta, estarían outras máis extensas, cunha estrutura que oscila entre a disposición máis estritamente novelística dalgunhas obras e unha serie de relatos enmarcados como eixe doutras. Obsesionado por evitar a ilusión do mimetismo, do realismo imperante entre os seus coetáneos, Cunqueiro concibe as súas composicións desde a subversión dos canons literarios reinantes. Intégranse neste apartado Merlín e familia (1955, 2ª Ed. ampliada en 1968), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Estas novelas integran os diversos xéneros literarios e as distintas modalidades novelescas (materia de Bretaña, novela gótica, novela de aventuras). Álvaro Cunqueiro ensaia con éxito diversas formas de literatura. Na súa narrativa crea un mundo máxico e preciosista, onde se mesturan os mitos clásicos, orientais e atlánticos coa cosmovisión tradicional do pobo galego. Outro trazo destacado da súa prosa é o sentido do humor, orixinal e abondoso. Para o escritor mindoniense os mitos e os soños constitúen unha auténtica realidade; por iso a súa narrativa é un testemuño do invisible. Na súa obra advírtese unha vontade de expandir os límites da realidade, sobrepasando o empírico para dar cabida ao mundo da imaxinación.

4. A Obra Narrativa de Ánxel Fole (Lugo, 1903-1986)

A narrativa de Ánxel Fole caracterízase pola vontade de reelaborar os contos propios da tradición oral e popular. A dimensión misteriosa e máxica da nosa cultura é o tema central dos seus relatos, que recollen crenzas, lendas e mitos arcaicos que pervivían na Galicia rural da súa época. Aínda que a maioría dos contos responden á inventiva do escritor lucense, o imaxinario popular é a súa base e nel están inspiradas esas historias de bruxas, demos, supersticións, maleficios, tesouros ou mitos, como o da Santa Compaña. Todo isto non impide a adscrición da obra narrativa de Fole ao realismo, xa que a temática fantástica non é unha fabulación intelectual, senón a plasmación etnográfica da cultura popular galega. De aí as abundantes referencias toponímicas, ambientais, gastronómicas e lingüísticas, así como o estilo inspirado nos contos de transmisión oral e a intención de verosimilitude que preside as narracións. Podemos distinguir dúas etapas na obra narrativa de Ánxel Fole. Os libros publicados na primeira delas, Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955), son coleccións de contos unidos por un tenue fío argumental. Os da segunda, Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981), prescinden dese marco ou fío condutor para ligar os diversos relatos e a súa unidade vén dada pola temática extranatural, pola técnica narrativa próxima aos modelos orais e polo carácter dos espazos nos que se sitúan os contos.

5. A Obra Narrativa de Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928)

Xosé Neira Vilas é un autor que, a pesar de iniciar o seu labor creativo nunha etapa marcada pola Nova Narrativa Galega, se inscribe na tradición da liña realista. Os críticos adoitan clasificar a súa obra narrativa a partir de dous factores: o tipo de protagonista (neno ou adulto) e o ámbito espacial (rural ou urbano). En calquera caso, temas como a explotación dos máis humildes, a opresión das vilas sobre o mundo rural, o poder dos caciques, a incomprensión que sofren os nenos ou a persecución do idioma, forman parte do seu universo literario. A súa novela máis coñecida e exitosa é Memorias dun neno labrego (1961), que, igual que Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho, se caracteriza por ter un rapaz como protagonista, aínda que as técnicas narrativas empregadas serán diferentes. Memorias dun neno labrego retrata o mundo da posguerra na aldea, coa miseria económica e a represión como principais protagonistas. Aparece tamén o mundo da emigración no seu lado positivo (como unha posibilidade de coñecer mundos distintos) e no seu lado negativo (porque supón o abandono da lingua e da aldea e porque está asociada ás dificultades económicas e ao fracaso persoal). Igual que Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio (1965) está tamén ambientada en Galicia. Os protagonistas dos relatos que conforman o libro teñen que enfrontarse a dificultades como a explotación económica, a marxinación, a emigración ou os desastres naturais. Tamén se sitúa en terras galegas Querido Tomás (1980), unha novela de amor na que unha mestra recorda a relación que tivera cun home, rota por mor da emigración. Outras obras de Neira Vilas están ambientadas directamente no mundo da emigración, visto dun xeito completamente negativo. É o caso de Camiño Bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973) e Tempo novo (1987).

Entradas relacionadas: