A Prosa Galega do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades e Grupo Nós

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,46 KB

As Irmandades e o Cultivo da Lingua Galega

O obxectivo das Irmandades era desenvolver os xéneros literarios que no século XIX non lograran poñerse á altura da poesía. Animaron o cultivo do galego como nunca antes se fixera mediante a convocatoria de concursos, a través de revistas e xornais (A Nasa Terra, El Noroeste...) e creando diversas editoriais (Céltiga...) que publicaban as obras dos principais escritores do momento: Gonzalo López Abente, Francisca Herrera Garrido e os homes que máis tarde formarían o Grupo Nós. Crearon coleccións de novela curta de baixo custe para chegar ás clases populares.

O Grupo Nós: Consolidación da Prosa Literaria Galega

Neste ambiente, os homes do Grupo Nós consolidaron a prosa literaria galega: foron os creadores da narrativa galega moderna, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en lingua galega. Na novela, diversificaron os temas e introducían as técnicas narrativas da literatura europea.

No ensaio, axeitaron o idioma a este xênero, sendo os primeiros cultivadores de ensaio e de textos científicos en galego. Estes textos serviron para dar a coñecer os ideais nacionalistas e como vehículo na defensa da lingua e das tradicións de Galicia. Unha das contribucións destacadas do grupo foi a revista Nós, creada en 1920 para achegar as novas correntes europeas e servir de escaparate á produción literaria galega da época.

Autores Representativos

Vicente Risco

A obra de Vicente Risco é un reflexo do seu pensamento: sátira social, temas relacionados coa cultura, carácter didáctico, rompendo coa narrativa folclórica e ruralista da etapa anterior. A súa obra máis importante é O porco de pé (1928), obra satírica onde fai unha crítica de todo, incluso de si mesmo. É a parodia dun comerciante caracterizado con atributos porcinos que chega a ser alcalde da vila. Don Celidonio, comerciante de orixe castelá, chega a Galicia e fai fortuna; é o protagonista que representa a sociedade urbana e vulgar, consumista, á que Risco satiriza de modo grotesco. A obra presenta unha intencionalidade didáctica de corrixir a sociedade. Risco foi un renovador da narrativa ao abandonar o ruralismo e introducir a ambientación urbana. Outras obras narrativas: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, A coutada

Florentino López Cuevillas (Otero Pedrayo)

Otero Pedrayo é o narrador por excelencia da súa xeración, fundamental na modernización da narrativa longa, que xira en torno a Galicia, tema central da súa obra. As súas obras poden clasificarse en:

  • Novelas realistas: ambientadas na Galicia rural do século XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca a aparición dunha nova clase social, a burguesía. Destaca Os camiños da vida (1928).
  • Novelas culturais: narran a evolución da conciencia galeguista da súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930).

Cunha temática diferente están: Fra Vernero e A romeiría de Xelmírez.

Na súa narrativa podemos dicir que hai tres temas recorrentes:

  • A tradición: sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo dos séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo.
  • A fidalguía: Otero non lle perdoa a súa deserción da aldea e do galeguismo, mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade. Inventa unha fidalguía ideal, consciente do seu papel na sociedade galega.
  • A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida dos homes.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Castelao cultivou múltiples campos sempre defendendo Galicia e todos aqueles que sofren. A súa obra caracterízase polo humorismo, o carácter fundamentalmente lírico ou sentimental e un propósito estético, aínda que se pode apreciar unha intención didáctica encamiñada a mover a conduta dos lectores. A súa técnica narrativa, sinxela en apariencia pero froito dun laborioso traballo de depuración e escolma. A súa primeira obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922) son relatos de ultratumba e sátira anticaciquil. A única novela longa de Castelao é Os dous de sempre na que conta a través dunha sucesión de relatos as vidas paralelas de Pedriño e Rañolas, amigos desde a nenez, pero con personalidades ben diferentes que os levarán a seguir camiños distintos. Representan dúas maneiras de vivir a vida ou de comportarse nela. Os temas tratados: o caciquismo, a emigración, o materialismo, a alienación, a liberdade…

Rafael Dieste

Outro escritor da época é Rafael Dieste, pertencente á xeración do 25, escribiu Dos arquivos do trasno (1926), que aínda que presenta unha lingua culta e innovadora, está baseada en canto á forma e á temática na literatura oral. En canto aos temas tratados destaca o do retorno e outros como a crueldade, a morte, a emigración… A obra destaca polo uso de técnicas narrativas innovadoras e o emprego dunha lingua culta e rica.

O Ensaio e a Investigación en Galego

Todos estes autores foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos. Risco publicou varios ensaios entre os que destacan Teoría do Nacionalismo Galego (1920), Nós, os inadaptados (1933), no que explica a ideoloxía dos integrantes do Cenáculo Ourensán, Mitteleuropa (1934) e Leria (1961). Otero dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos.

O Papel do Xornalismo

Nesta etapa tan importante para a nosa cultura hai que mencionar tamén o labor desenvolvido polo xornalismo, no que todos colaboraron coa escrita de numerosos artigos en periódicos, xornais e revistas e deron a coñecer parte da súa obra: A Nasa Terra, primeiro ideario das Irmandades e despois voceiro oficial do Partido Galeguista. Nel participaron todos os escritores do momento para tratar diversos temas da Galicia da época.

Entradas relacionadas: