A Prosa Galega do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades da Fala e Xeración Nós
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,23 KB
A Prosa do Primeiro Terzo do Século XX: As Irmandades da Fala e o Grupo Nós
En 1916, xorde a institución das Irmandades da Fala, co obxectivo de promover o uso do galego. Foron os primeiros en empregar o galego na prosa. Distínguense dous tipos de prosa:
Prosa de ficción
Desenvolvida pola Xeración Nós, caracterízase por relatos breves e novelas curtas (máximo 10 páxinas) publicadas en suplementos como “¡Terra a Nosa!” do xornal coruñés El Noroeste, na revista Nós e na colección “Céltiga”, que inclúe Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao.
Prosa de non ficción
Comprende xornalismo e ensaio. A figura de Vilar Ponte é fundamental por iniciar o ensaísmo político, validando o galego como vehículo de pensamento intelectual. Garea, propagandista do galeguismo, destacou polas súas pezas oratorias. Vicente Viqueira escribiu artigos e conferencias defendendo o galeguismo e o republicanismo.
A medida que avanza o século, rexístrase unha modernización co labor da Xeración Nós (1920). A publicación da revista Nós, fundada por un grupo de homes que defendían o uso e modernización do galego, marca esta época. Crearon a editorial Nós, sendo un período favorable para a cultura e literatura galega.
Características do Grupo Nós
- Toman o nome da revista Nós.
- Eran homes polifacéticos e cunha rigorosa formación intelectual: autodidactas e con estudos universitarios.
- Todos experimentaron unha evolución ideolóxica:
Etapa pregaleguista
Comeza co contacto coas Irmandades da Fala. Eran mozos elitistas, inconformistas e insatisfeitos, que buscaban evadirse en culturas afastadas. En 1918, coñecen as Irmandades da Fala e convértense en galeguistas. A súa ideoloxía reflíctese en textos como:
- "Arredor de si": O. Pedrayo volve a Galicia tras viaxar polo mundo e decide quedarse.
- "Nós, os inadaptados": Ensaio de Pedrayo que describe os seus sentimentos.
- "Dos noxos tempos": Ensaio de López Cuevillas.
A terra actúa como terapia, onde os protagonistas se redimen a través da lingua da súa terra. Formaron parte das Irmandades da Fala, Revista Nós, Seminario de Estudos Galegos e Partido Galeguista, participando na elaboración do Estatuto de Autonomía.
Son os creadores da prosa galega contemporánea en forma de ensaio, narrativa (relato e novela) e teatro (inicialmente en verso). Introducen o ensaio, sendo pioneiros en levar o galego a este xénero. No teatro, incorporan técnicas europeas, como o uso de máscaras, e dan importancia aos detalles. Tamén aparece por primeira vez a novela.
Vicente Risco
A súa primeira creación narrativa foi Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919), un relato de humor macabro. En 1925, publica O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, relacionadas coas lendas do lobishome e dos mouros. En A coutada (1926), o protagonista sofre a inadaptación ao mundo urbano e defende o retorno á casa fidalga. En 1927, aparecen fragmentos de Os europeos en Abrantes, unha crítica á sociedade ourensá que non chegou a rematar. A súa única novela é O porco de pé (1928), onde critica a vulgaridade e o materialismo da burguesía e a perda da galeguidade.
Risco destacou no ensaio. En 1920, publicou Teoría do nacionalismo galego, onde enxalza a lingua, a raza e a terra como elementos identificadores de Galicia. En 1933, publica “Nós, os inadaptados” na revista Nós, explicando a ideoloxía do grupo antes de ingresar nas Irmandades da Fala.
Ramón Otero Pedrayo
Home de vasta cultura, desenvolveu unha intensa actividade literaria: narrativa, ensaio, teatro e poesía. Na súa narrativa, destacan o campesiñado e a fidalguía, esta última como clase harmonizadora entre tradición e progreso. Pantelas, home libre, xa presenta a paisaxe e os fidalgos como elementos recorrentes. Destaca Os camiños da vida (1928), novela realista sobre varias xeracións de familias fidalgas. Tamén Arredor de si (1930), que mostra a evolución psicolóxica do protagonista.
A súa obra ensaística é extensa, centrada na xeografía e historia de Galicia. De 1933 é o Ensaio histórico sobre a cultura galega, que presenta o desenvolvemento histórico e cultural de Galicia desde a prehistoria ata o século XX.
Castelao
A faceta literaria de Castelao foi menos valorada que a súa obra plástica ou política. Como narrador, estreouse con Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), onde desenvolve o compromiso social e o humor. Cousas é un conxunto de relatos que complementan o debuxo. En 1934, publicou Retrincos, cinco contos autobiográficos. A súa única novela é Os dous de sempre (1934), que narra as vidas paralelas de Pedriño e Rañolas.
O seu labor ensaístico está representado por Sempre en Galiza (1944), onde expón a súa doutrina nacionalista e o seu pensamento político sobre a patria, a nación e o Estado. Castelao manifesta o seu compromiso político co nacionalismo e o seu antiimperialismo, mostrando a marxinación de Galicia e propoñendo accións para construír unha Galicia máis xusta.
Rafael Dieste
Inclúese na Xeración Nós pola súa obra na época de preguerra e pola súa intención de renovación literaria. A súa obra narrativa está en Dos arquivos do trasno (1926), un conxunto de relatos na Galicia rural e mariñeira. Os temas son o retorno e a morte. Dos arquivos do trasno moderniza o conto galego ao presentar a realidade como máxica e utilizar un estilo sinxelo e elegante. As súas obras ensaísticas máis importantes son Antre a terra e o ceo (1981) e A vontade de estilo na fala popular (1971).