Prosa Galega Contemporánea: Autores e Tendencias (S. XX-XXI)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,89 KB

A Prosa Galega Contemporánea (Finais do S. XX e Comezos do S. XXI)

Como característica desta nova etapa debemos destacar unha maior diversificación en todos os aspectos: de estilos, de temas e de rexistros lingüísticos. As principais tendencias e publicacións son:

Tendencias e Xéneros na Prosa Actual

  1. Publícanse parte das novelas centradas na Guerra Civil e posguerra, case todas escritas moitos anos antes no exilio.
  2. Narrativa histórica, con introdución de elementos fantásticos ou de aventuras.
  3. Narrativa de xénero: do oeste, ciencia-ficción, erótica. Destaca a novela negra, que acada o maior éxito.
  4. Narrativa experimental.
  5. Narrativa realista.
  6. Narrativa humorística.
  7. Narrativa fantástica, en boa parte influenciada por Cunqueiro.
  8. Narrativa intimista.
  9. Narrativa urbana e experimental.

O Éxito da Novela Negra: Villar e Feijoo

A novela negra é a que maior éxito acada, con autores como Carlos G. Reigosa. De feito, as novelas de Domingo Villar, Ollos de auga e A praia dos afogados, son éxitos actuais tanto en galego como na tradución castelá. O mesmo acontece con Pedro Feijoo: Os fillos do mar, Memoria da choiva, Os fillos do lume.

Autores Relevantes da Prosa Galega Contemporánea

Ademais doutros autores xa estudados en temas anteriores e que seguen publicando, podemos sinalar:

  • Carlos Casares (1941-2002) - Letras Galegas 2017

    Comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. Ilustrísima é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte, está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposible, afectada polo repentino suicidio de Carlos.

  • Xosé Manuel Martínez Oca

    Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. En Beiramar, combina realismo con elementos do mítico popular galego.

  • Alfredo Conde

    Cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento: narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.

  • Xavier Alcalá

    A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza, na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra.

  • Carlos G. Reigosa

    Coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.

  • Darío Xohán Cabana

    O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da Materia de Bretaña e da mitoloxía popular. Galván en Saor é a máis representativa.

  • Suso de Toro

    Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras (como Polaroid) son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais e múltiples voces narrativas. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.

  • Manuel Rivas

    É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo (Que me queres, amor?). Entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro (1998), onde narra unha historia de amor ambientada na Guerra Civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine. Destaca tamén a monumental Os libros arden mal, que colleitou unha morea de premios.

  • Antón Riveiro Coello

    Cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Laura no deserto é unha das mellores novelas dos últimos anos en galego.

  • Xabier Quiroga

    Un dos narradores máis interesantes dos últimos anos, creador de mundos de ficción arredor de Monforte e a Ribeira Sacra: Atuado na braña, Zapatillas rotas.

Entradas relacionadas: