A Prosa Galega (1936-1975): Renovadores e Nova Narrativa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,68 KB
A Prosa Galega entre 1936 e 1975: Os Renovadores
Desde 1936, a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. A actividade literaria desprázase cara a Latinoamérica, onde os nosos exiliados manteñen viva a cultura galega.
Os anos inmediatos de posguerra conforman un ermo creativo e editorial que os tímidos intentos dos anos 50 pretenden solventar. Á situación política únense problemas derivados da escasez de público, da falta de infraestrutura literaria e cultural e a ruptura na incipiente tradición prosística, comezada pola Xeración Nós.
A finais dos anos 50 asistimos a unha lenta e progresiva recuperación de ámbitos de escrita en prosa.
Principais autores da etapa
1. Álvaro Cunqueiro
Mestura realismo e fantasía: personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad) e xentes galegas. Predomina a oralidade no estilo: apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes. As novelas son un conxunto de relatos sucesivos. Destaca Merlín e familia: recreación da materia de Bretaña desde unha perspectiva galega. Escribiu tamén libros con breves retratos de personaxes populares relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.
Outras obras coñecidas: As crónicas do sochantre, ambientada na Bretaña francesa; Se o vello Sinbad volvese ás illas; Xentes de aquí e de acolá e a súa derradeira obra: o poemario Herba aquí ou acolá.
2. Ánxel Fole
Libros de contos: Á lus do candil, Terra Brava, Contos da néboa. Ambientados nas montañas luguesas e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Temas: lobos, aparecidos, a morte, lendas populares.
3. Eduardo Blanco Amor
Autor de dous textos fundamentais para a historia das nosas letras: A esmorga e Xente ao lonxe. Acción ambientada en Ourense (Auria) a principios de século.
A esmorga
Temática renovada: protagonismo compartido, das clases populares; forma renovada: só escoitamos a voz do protagonista. É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos. Unha das grandes novelas galegas do século.
Xente ao lonxe
Relátanse as tensións sociais na cidade de Auria a principios do século XX. Radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa.
Blanco Amor tamén é autor de relatos breves como Os biosbardos.
4. Xosé Neira Vilas
Retrata a Galicia interior, campesiña, oprimida e pobre. Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Ten unha estrutura sinxela, trata dun neno que non se conforma coa súa vida e ten que emigrar. Historias de emigrantes: a emigración forzosa, a morriña da terra, o illamento.
Outras obras famosas son: Remuíño de sombras e Camiño bretemoso.
A Nova Narrativa Galega
A partir dos anos 50, un grupo de mozos incorpora á narrativa novos motivos e novas técnicas, son os integrantes da Nova Narrativa Galega, conxunto de textos cuxa cronoloxía pode estar situada entre 1954 e 1969. O máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín, autor de Percival e outras historias e O crepúsculo e as formigas. Outros autores que comezaron coa Nova Narrativa Galega foron:
- María Xosé Queizán, autora de A orella no buraco.
- Gonzalo R. Mourullo, que é autor de dous volumes de relatos, Nace unha árbore e Memorias de Tains, caracterizadas pola superposición de planos e pola introspección do subconsciente.
- Camilo Gonsar deu ao prelo títulos como Lonxe de nós e dentro, Como calquera outro día e A noite da aurora. En 1980 publica Cara a Times Square, título que vén concluír en boa medida os logros da Nova Narrativa.
- Carlos Casares (Vento ferido, Cambio en tres), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica.