Procesos Xeolóxicos Internos: Magmatismo e Metamorfismo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geología
Escrito el en
español con un tamaño de 4,06 KB
Magmatismo: Procesos e Propiedades dos Magmas
Magmatismo: proceso xeolóxico de orixe interna que, como consecuencia do fluxo de calor interno do planeta cara á superficie, provoca a fusión total ou parcial dos compoñentes dunha rocha preexistente, orixinando magma.
Magma: fundido silicatado a elevada temperatura formado pola fusión total ou parcial de rochas do manto e da codia terrestres, con cristais en suspensión e unha porción importante de gases e vapores en disolución. Por tanto, posúe:
- Unha fracción sólida.
- Unha fracción líquida.
- Unha fracción gaseosa.
Propiedades dos Magmas
- Composición: están formados unicamente por 8 elementos químicos. Podemos distinguir entre magmas con minerais leucocratos (claros, ricos en sílice, lixeiros e ácidos) e minerais melanocratos (escuros, pobres en sílice, ricos en ferromagnesianos, máis densos e básicos).
- Viscosidade: inflúe no seu movemento e, por tanto, no seu ascenso. Depende da temperatura, do contido en volátiles, do contido en sílice, en sólidos e da presión.
- Densidade: depende da composición química e diminúe durante o arrefriamento porque os elementos máis pesados son os que primeiro cristalizan.
Tipos de Magmas (segundo a súa acidez)
- Magma ácido, félsico ou granítico: contido en sílice superior ao 65%. É viscoso, solidifica no interior da codia, rara vez na superficie. Se o fai, as erupcións son moi violentas. Nas rochas que se orixinan predominan os minerais leucocratos, polo que son rochas de cores claras.
- Magma intermedio ou andesítico: contén entre un 55 e un 65% de sílice, polo que ten unha acidez intermedia e dá lugar a rochas con cores intermedias.
- Magma básico, máfico ou basáltico: é xa un magma hiposilíceo, entre 45 e 50% de sílice. É moi fluído e alcanza a superficie, orixinando fluxos de lavas. Nas rochas que se forman predominan os minerais melanocratos como os piroxenos, os anfíboles, o olivino e a biotita. Orixínanse gabros (plutónica) e basaltos (volcánica).
- Magma ultrabásico ou ultramáfico: o contido en sílice é menor ao 45%, pois ten un alto contido en ferromagnesianos. As rochas que se forman posúen minerais melanocratos como o olivino e os piroxenos. Dá lugar a rochas plutónicas como a peridotita e a dunita.
Metamorfismo: Tipos e Características
O metamorfismo é o conxunto de cambios na composición mineralóxica e na textura dunha rocha que ocorren en estado sólido como consecuencia do incremento da presión, da temperatura ou de ambos factores á vez. As rochas metamórficas orixínanse a partir de rochas sedimentarias, ígneas ou incluso a partir doutras metamórficas.
Tipos de Metamorfismo
- Metamorfismo dinámico ou de presión: fortes presións en zonas de falla, sen valores de temperaturas importantes. Dá lugar a brechas de falla, que se forman pola fricción dos dous bloques da falla.
- Metamorfismo de contacto ou térmico: acontece polas intrusións de magma a alta temperatura, que metamorfizan as rochas encaixantes formando aureolas de contacto. Aparecen rochas como as corneanas.
- Metamorfismo rexional ou dinamotérmico: ocorre un aumento da presión e da temperatura en zonas de subdución e na formación de cordilleiras (pregamento oroxénico). En función dos valores de temperatura e presión, distinguimos entre metamorfismo rexional de grao baixo, grao medio e grao alto. Aparecen todas as rochas propias da serie pelítica.
A Xeoloxía en Galicia
Rochas Magmáticas
Granito, sienita, basalto e andesita.
Rochas Metamórficas
Esquisto, gneis, ecloxita, mármore e cuarcita.
Rochas Sedimentarias
Brecha, caliza, marga e carbón.