Procesos de Aprendizaje: Mecanismos y Modelos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,29 KB
Unidade 3. A Aprendizaxe
Que é a aprendizaxe?
A aprendizaxe é unha capacidade presente en moitos animais e tamén nos seres humanos, sendo un elemento básico para adaptarse ás variacións ambientais e poder sobrevivir. Os reaxustes do comportamento para adaptarse ao ambiente son tan importantes para a supervivencia como os procesos fisiolóxicos internos.
A aprendizaxe pode definirse como un cambio relativamente permanente no comportamento ou nos procesos mentais, que reflicte unha adquisición de coñecementos ou habilidades a través da experiencia, podendo incluír o estudo, a instrución, a observación ou a práctica.
Conductas non adquiridas por aprendizaxe
Patróns innatos de conducta
Tanto os animais como os seres humanos posúen comportamentos innatos que incrementan a súa adaptación ao ambiente. Estes comportamentos non son debidos, por tanto, á aprendizaxe, senón que son reflexos e pautas fixas de acción (instintos).
Reflexos
Os reflexos son comportamentos ou respostas ante estímulos ambientais que proporcionan un axuste rápido da conducta e facilitan o bo funcionamento do organismo. Poden ser condicionados. Por exemplo, o raio de luz provoca a contracción da pupila.
Pautas fixas de acción (instintos)
As pautas fixas de acción son accións vitais complexas que apareceron durante a formación da especie. Son específicas da especie, seguen un patrón estereotipado, son innatos e resistentes ao cambio. A diferenza dos reflexos, son complexos e non poden ser condicionados. Un exemplo é a construción de panais por parte das abellas.
O condicionamento clásico
O condicionamento clásico é ben coñecido polos experimentos con cans realizados polo fisiólogo ruso Iván Pávlov. Nas súas famosas investigacións das relacións entre estímulos e reaccións glandulares, de tipo reflexo, comprobou que os animais segregaban abundante saliva só coa percepción visual do alimento. Pávlov hipotetizou que os cans non respondían só en función dunha necesidade biolóxica, senón tamén como resultado dunha aprendizaxe ou condicionamento.
Os elementos que interveñen no condicionamento clásico son:
- Estímulo incondicionado (EI): neste caso, a comida. É incondicionado porque provoca un comportamento sen ningún adestramento previo.
- Estímulo neutro (EN) e estímulo condicionado (EC): ao comezo, o son da campá é un estímulo neutro porque non provoca a resposta. Porén, cando o asociamos co EI, a comida, acábase convertendo nun estímulo condicionado.
- Resposta incondicionada (RI): a salivación é a resposta incondicionada, porque se produce sen ningún tipo de adestramento.
- Resposta condicionada (RC): é a resposta que si depende do adestramento. A salivación asociada á campá é unha resposta condicionada, porque xurdiu despois da aprendizaxe ou condicionamento.
Modelo do condicionamento operante ou instrumental
Aprender as consecuencias da conducta
No condicionamento clásico, os comportamentos son respostas biolóxicas naturais á presenza de estímulos. Pola contra, no condicionamento operante o suxeito non asocia estímulos recibidos pasivamente, senón que leva a cabo conductas voluntarias e dirixidas a unha meta que se ven reforzadas ou castigadas segundo as respostas á conduta sexan positivas ou negativas. Se a resposta á conducta voluntaria é positiva, prodúcese un reforzo e é máis probable que se repita a conducta. Se a resposta á conducta voluntaria é negativa, é menos probable que se repita a conduta. Por exemplo, un neno pequeno toca un enchufe (conduta voluntaria), e este dálle unha descarga que lle causa moita dor. Esa conducta tivo unha resposta negativa, polo que o neno aprenderá a non tocar o enchufe. En cambio, se lle déramos un chupa-chups, reforzaríamos a conducta e sería máis probable que a repetira.
Aumentan a probabilidade da conducta:
- Reforzo positivo: é aquel que consiste en presentar ao suxeito un estímulo que lle gusta despois da realización dunha conducta. Con isto conséguese aumentar a probabilidade de que a conducta volva ocorrer. Exemplos de reforzos positivos son a comida e o diñeiro.
- Reforzo negativo: Dáse cando a realización dunha conducta elimina un estímulo aversivo ou desagradable, co resultado de que se incrementa esa conducta. Por exemplo, aprendemos que estirar reduce a dor despois de facer exercicio e estiramos sempre antes de facelo.
Diminúen a probabilidade da conducta:
- Castigo positivo: consiste en administrar un estímulo indesexado despois dunha conducta, conseguindo que se reduza. Por exemplo, o xefe que critica ao seu traballador por chegar tarde.
- Castigo negativo: implica retirar un estímulo agradable para o suxeito, conseguindo que se reduza a conducta. Por exemplo: retirar o carnet de conducir a un bebedor.
Modelo de aprendizaxe social
Os defensores do modelo da aprendizaxe social, como Albert Bandura, sinalan que non toda a aprendizaxe se debe ao condicionamento operante e clásico, pois hai certos tipos de aprendizaxe que requiren unha observación do comportamento alleo e unha posterior imitación do mesmo. Se toda a aprendizaxe resultara das recompensas e castigos, a nosa capacidade de aprender sería moi restrinxida.
A aprendizaxe observacional (por imitación) sucede cando o suxeito observa a conducta dun modelo ou persoa de referencia. Consta dos seguintes procesos:
- Atención: O suxeito observa un modelo e recoñece os trazos característicos da súa conducta.
- Retención: As conductas do modelo almacénanse na memoria do observador.
- Execución: Se o suxeito considera que a conduta do modelo é apropiada e ten consecuencias positivas para el, reproduce esa conducta.
- Consecuencias: Sucede se o individuo é reforzado pola aprobación doutras persoas ao imitar ao modelo.