Problemas Estruturais da Industria Española

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,92 KB

A Estrutura Actual da Industria Española

A industria española padece algúns problemas estruturais que lle restan competitividade e dificultan as vendas no exterior.

O Peso do Sector Industrial

É reducido, en comparación con outros países do ámbito, tanto no PIB como na poboación ocupada. Existe unha baixa taxa de creación de empresas, por falta de espírito empresarial, especialmente entre a mocidade e as mulleres.

A Man de Obra Industrial

Experimentou cambios como resultado da Terceira Revolución Industrial, que se resumen en descenso, cualificación, terciarización e desregulación:

  • O Emprego Industrial Descende

    Pola deslocalización de moitos sectores intensivos en traballo cara aos espazos máis baratos, a substitución de traballadores por máquinas e a terciarización do emprego. A iso súmase desde 2008 a crise económica que incrementou os despedimentos para facer fronte á redución da demanda de produtos industriais causada polo descenso do consumo.

  • Aumentan a Cualificación e a Terciarización

    Redúcese o emprego nas tarefas propiamente produtivas, realizadas por traballadores manuais ou de “colo azul”, pois as tarefas simples, repetitivas, perigosas ou esgotadoras son executadas cada vez máis por máquinas ou “colos de aceiro”. En cambio, aumenta o emprego nos servizos á produción, realizados por traballadores cualificados ou de “colo branco”. Estes traballan nas fases previas á produción (innovación, deseño, xestión) e nas fases posteriores (mercadotecnia, control de calidade, servizo de posvenda). Non obstante, en España o nivel de formación da man de obra é menor que o doutros países, en prexuízo da produtividade industrial.

  • O Mercado Laboral Desregularízase

    A esixencia de flexibilidade reduce os traballadores do mercado primario, regulado mediante a negociación colectiva e con certa estabilidade, e aumenta os traballadores do mercado secundario, sen regulación e cunha crecente precariedade (contratación temporal, abaratamento do despedimento…).

As Empresas

As pequenas (menos de 50 traballadores) e as medianas (de 51 a 250) son máis do 90%. As pemes reaccionan con maior axilidade ante os cambios da industria actual, pero os seus produtos son máis caros e menos competitivos. As pemes teñen dificultades para acceder ao financiamento e aos mercados exteriores. Por outro lado, as grandes empresas son poucas.

Investigación, Innovación e Tecnoloxía

Son insuficientes:

  • O Investimento en I+D+i

    Presenta gran concentración sectorial nas ramas máis dinámicas; dimensional nas grandes empresas; e territorial en Madrid e Cataluña.

  • A Innovación Empresarial

    É insuficiente, sobre todo entre as pemes.

  • A Creación de Tecnoloxía

    É escasa e dependente. España crea pouca tecnoloxía a causa do insuficiente investimento en investigación. A incorporación das TIC sitúase por debaixo dos países da contorna. E tamén é escasa a transferencia ás empresas da investigación básica realizada na universidade. Polo tanto, é necesario comprar patentes, que lles restan competitividade aos produtos e ocasionan un déficit na balanza de pagamentos tecnolóxica.

Orientación ao Mercado Interior

Existe unha excesiva orientación da industria ao mercado interior. Os motivos son o forte dinamismo da demanda interna entre 1985 e 2008, que absorbeu boa parte da produción limitando a busca de mercados externos; a reducida escala das empresas; e unha perda gradual de competitividade. Desde a crise aumentou a proxección internacional das empresas.

Resultado

O resultado desta situación é que, aínda que España se encontra hoxe no grupo de países industrializados, posúe unha produtividade e unha competitividade inferior á dos países máis avanzados.

Entradas relacionadas: