Principios Pedagóxicos e Marco Normativo da Educación Infantil en Galicia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Magisterio

Escrito el en español con un tamaño de 8,61 KB

Principios Pedagóxicos e Metodoloxías na Educación Infantil

1. Principio de Globalidade

A capacidade que temos de achegarnos a coñecer algo percibíndoo e obtendo información sobre el de forma xeral nos seus diversos aspectos. A aprendizaxe significativa é, por definición, unha aprendizaxe globalizada na medida en que supón que o novo material de aprendizaxe se relaciona co que o alumnado xa sabe.

2. Actividade e Experimentación

Trátase do descubrimento do mundo que o rodea a través da súa propia interacción. Para iso, é fundamental:

  • Escoitar e partir dos seus intereses.
  • Traballar contidos que lles permitan coñecer e afrontar o mundo.
  • Procurar a relación de contidos, non a repetición.
  • Evitar presionar co tempo que lles leven as procuras e experimentacións.
  • Aceptar o erro ou a resposta parcialmente incorrecta.
  • Valorar as súas producións como medios de comunicación.

3. Condicións e Estratexias Metodolóxicas no Ambiente de Aprendizaxe

As condicións e estratexias clave inclúen:

  1. Ambientes planificados con intencionalidade educativa.
  2. A inclusión nun grupo de iguais.
  3. A mediación dun adulto competente e cualificado.

Ademais, son esenciais:

  • O xogo.
  • Un clima de seguridade, afecto e confianza.
  • A organización dos espazos, os recursos materiais e o tempo.
  • A colaboración coas familias.
  • A atención á diversidade.

3.1. A Colaboración coas Familias

Segundo o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, nos principios pedagóxicos:

  • A transición do grupo familiar ao grupo social da escola é un contido propio da área do primeiro ciclo.
  • A familia considérase como un contexto socioemocional a xestionar desde o respecto á diversidade.

Marco Normativo da Programación en Educación Infantil

Referencia Normativa na LOMLOE

A programación en Educación Infantil réxese por:

  • LOMLOE, Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
  • RD 95/2022, do 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e ensinanzas mínimas da Educación Infantil.

Inclúe orientacións metodolóxicas, liñas de actuación, áreas e competencias clave comúns para 1º e 2º ciclo. Non existen directrices para o deseño e elaboración de documentos no 1º ciclo, tales como o proxecto educativo, a proposta pedagóxica e a programación de aula.

O Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece o currículo de Educación Infantil en Galicia, no seu Artigo 14.2, detalla a estrutura da programación de aula no 2º ciclo.

Estruturación dos Elementos da Programación na LOMLOE

Os elementos clave da programación inclúen:

  • Introdución.
  • Obxectivos e a súa contribución ás competencias clave.
  • Relación de unidades de programación, distribución no currículo e avaliación.
  • Metodoloxía: concrecións metodolóxicas e materiais e recursos didácticos.
  • Medidas de atención á diversidade.
  • Concreción de elementos transversais.
  • Actividades complementarias.
  • Avaliación: procedemento para avaliar o proceso de ensino e práctica docente cos seus indicadores de logro e procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora.

Definición e Esquema de “A Situación de Aprendizaxe”

As situacións de aprendizaxe son actuacións e situacións que implican o despregue por parte do alumnado de actuacións asociadas ás competencias clave e ás competencias específicas. Que se trate de actuacións e situacións supón que estamos ante a máxima concreción, porque se especifica en que momento, onde, con que recursos, quen son os suxeitos (grupo concreto e TSEI), que tarefas precisamos para desenvolvelo, ademais de sinalar este proceso dividido en tarefas, relacionándoo tanto coa unidade de programación na que se sitúa como cos elementos do currículo correspondentes.

Atención á Diversidade na Educación Infantil

Marco Normativo e Principios

A LOMLOE, Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, recolle no seu articulado a atención á diversidade.

O Decreto 150/2022, do 8 de setembro, nas liñas de actuación de cada área e no seu Artigo 9º, establece os seguintes principios para a atención á diversidade:

  1. Normalización e inclusión.
  2. Equidade, igualdade de oportunidades e non discriminación.
  3. Flexibilidade e accesibilidade.
  4. Interculturalidade e promoción da convivencia.
  5. Autonomía dos centros docentes e participación de toda a comunidade educativa.

A toma de decisións para a atención á diversidade debe considerar:

  1. Características e necesidades.
  2. Ritmos e estilos de aprendizaxe.
  3. Motivacións, intereses.
  4. Situacións sociais e culturais.

Medidas de Atención á Diversidade

Nesta fase do deseño da nosa programación didáctica, reflectiremos as medidas de adaptación. Nesta etapa, seguindo as liñas e principios metodolóxicos da Educación Infantil, serán aquelas referidas ao DUA (Deseño Universal de Aprendizaxe) e de acceso ao currículo, posto que a normativa fai fincapé na normalización desta atención á diversidade, incidindo na detección precoz de alteracións no desenvolvemento, tan importante nesta etapa.

Esta atención á diversidade virá marcada polos seguintes principios:

  1. Normalización e inclusión. Xa antes de se publicar o informe Warnock, nos países escandinavos estábase a falar do emprego das medidas máis normalizadas posibles para toda a poboación antes do emprego de medidas excepcionais e diferenciadas.
  2. Equidade, igualdade de oportunidades e non discriminación. Unha das medidas que se recomenda para favorecer a equidade no acceso aos contidos educativos é a de matricular as crianzas na educación infantil.
  3. Flexibilidade e accesibilidade. Aínda que se poida flexibilizar e se poidan establecer excepcións, deberase procurar que a escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo comece e finalice nas mesmas idades establecidas para o resto do alumnado nas diferentes etapas.
  4. Interculturalidade e promoción da convivencia.
  5. Autonomía dos centros docentes e participación de toda a comunidade educativa.

Na súa redacción, teremos presente a avaliación inicial realizada tras o período de adaptación ou vinculación, apoiándonos en procedementos existentes, como por exemplo o da rede das Escolas da Galiña Azul do “Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”, tendo presente o fluxograma do protocolo de derivación creado pola Rede Galega de Atención Temperá.

Recomendacións para a Programación

Outros consellos para a redacción deste eido poden ser:

  • Non incluír na redacción casos de alumnado; e incluír a referencia obrigatoria do Decreto 150/2022, do 8 de setembro, que contempla no seu Artigo 19 “A Atención á Diversidade”.
  • Na nosa programación non teremos que mencionar se temos casos ou de alumnado con necesidades educativas específicas, senón falar do xeito en que se realizará (Lembrade contidos da UD1 referida á comunicación con outros profesionais).
  • Especificar como se vai realizar a coordinación con outros profesionais do eido social, sanitario ou sociosanitario.

Entradas relacionadas: