A Primeira Guerra Mundial: Causas, Consecuencias e o Novo Mapa de Europa

Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,53 KB

A Paz Armada

A puxanza económica da nova Alemaña unificada alterou o vello equilibrio e deu lugar a unha serie de conflitos internacionais que acabaron desencadeando na Primeira Guerra Mundial. O cambio nas relacións internacionais iniciouse a partir de 1890 co ascenso de Guillerme II ao trono alemán e a destitución do chanceler Bismarck. Alemaña rompeu a alianza con Rusia, mentres ratificaba o acordo, asinado con Austria-Hungría e Italia, que dera orixe á Tripla Alianza. Para afianzar o seu poder, quixo illar a Gran Bretaña do continente, aproveitando a case absoluta dedicación desta nación á defensa dos seus intereses no seu enorme imperio colonial. O malestar existente entre as grandes potencias orixinou unha escalada na produción de armamentos. Esta carreira de armamentos e a formación de alianzas militares preludiaban o estalido dun conflito armado.

O Mantemento de Réximes Autoritarios

A finais do século XIX, en boa parte de Europa, mantiñanse sistemas políticos máis próximos ao Antigo Réxime que ao liberalismo, sobre todo nos vellos imperios multinacionais. No Imperio Austrohúngaro, o poder do emperador era moi forte e mantiñase o dominio sobre os pobos eslavos. No Imperio Ruso, os tsares continuaban a exercer un poder absoluto. No Imperio Turco, conservaban algúns territorios en Europa, pero estaba en franca descomposición.

As Causas da Guerra

Entre as causas do enfrontamento destacaron os conflitos relacionados co imperialismo e o nacionalismo. Dunha banda, existía a rivalidade entre imperios por espallar e consolidar os seus dominios; doutra banda, había aspiracións nacionalistas que aspiraban a librarse da tutela dos vellos imperios e consolidarse como estados independentes.

Crises internacionais que marcaron a evolución cara ao conflito xeneralizado:

  • As crises colonialistas en Marrocos, onde Alemaña viu unha oportunidade para ampliar os seus territorios coloniais e impoñerse a Francia e Gran Bretaña.
  • A anexión de Bosnia-Hercegovina ao Imperio Austrohúngaro, que reavivou o conflito dos Balcáns, unha rexión dominada desde había séculos polo Imperio Turco e que se converteu nun foco de importantes tensións internacionais.

O Estalido da Guerra

Foi asasinado o herdeiro do Imperio Austrohúngaro. Austria acusou a Serbia de ter instigado o atentado, declaroulle a guerra e envioulle un ultimato cunha serie de esixencias. Ante a negativa de Serbia, os acontecementos precipitáronse e, froito das alianzas, a guerra estendeuse a outros países.

Os Tratados de Paz

O máis importante dos tratados acordados con Alemaña foi o de Versalles. Nel declarábase a Alemaña única culpable do estalido do conflito e esixíaselle o pagamento de fortes reparacións de guerra. Ademais, obrigábaselle a desarmarse e desmantelar o seu exército, a ceder amplos territorios e a renunciar ao seu imperio colonial. Os alemáns consideraron o tratado como unha imposición humillante que acabaría exacerbando o seu nacionalismo e o desexo de vinganza.

O Novo Mapa de Europa

As compensacións territoriais dos vencidos, xunto á oposición do presidente Wilson, deu lugar a unha profunda remodelación de Europa:

  • O Imperio Turco desapareceu case por completo. Parte dos seus antigos territorios pasaron a Grecia e, en Oriente Próximo, xurdiron Iraq, Siria, Líbano e Palestina como protectorados británicos ou franceses.
  • O Imperio Austrohúngaro desintegrouse. Austria perdeu todas as súas posesións e converteuse en república. Hungría estableceuse como estado independente. Outras remodelacións territoriais tiñan como obxectivo illar a nova Rusia revolucionaria, por iso se creou unha gran Polonia e unha gran Romanía.

As Consecuencias Sociais e Económicas

A guerra causou ao redor de dez millóns de soldados mortos en combate, aos que hai que engadir as vítimas civís, os afectados e as enfermidades. As perdas materiais empobreceron os estados, que viron como diminuía enormemente a súa riqueza nacional. Este endebedamento dificultou a recuperación económica e provocou unha grande inflación. A gran beneficiada foi Estados Unidos.

A Sociedade de Nacións

Creouse unha nova organización, a Sociedade de Nacións, que debía garantir a paz. Establecéronse dous organismos: unha Asemblea, da que debían formar parte todos os estados membros, e un Consello, constituído polas potencias vencedoras.

A Revolución de 1905

A derrota rusa nunha guerra con Xapón fixo estalar o descontento da poboación e provocou unha revolta que esixía a fin da autocracia. Ante unha manifestación pacífica, o tsar respondeu cunha contundente represión. Para darlle maior eficacia ao movemento de protesta, os traballadores crearon uns consellos de obreiros, campesiños e soldados. O tsar comprometeuse a convocar eleccións por sufraxio universal para un parlamento, pero as promesas non se cumpriron.

A Revolución Obreira de Outubro de 1917

Os bolxeviques, co apoio dos soviets, que crearan as súas propias milicias armadas (a Garda Vermella), subleváronse. Os sublevados ocuparon a cidade de Petrogrado, tomaron o Palacio de Inverno e destituíron o goberno provisional. O II Congreso dos Soviets de Rusia, que se atopaba reunido en Petrogrado, proclamou un goberno obreiro, que levou a cabo as primeiras medidas revolucionarias: expropiáronse as terras para repartílas entre os campesiños, e as fábricas quedaron baixo o control de comités de obreiros.

A Formación da URSS

En 1922, o Congreso dos Soviets ratificou a creación dun estado federal, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS). O novo estado dotouse dun texto constitucional que estruturaba os diferentes órganos de poder a través de tres institucións: o Soviet Supremo, que exercía a suprema autoridade do estado; o Presidium, escollido polo anterior e cuxo presidente era o xefe de estado da URSS; e o Consello de Comisarios do Pobo, que equivalía ao goberno e aos seus ministros.

A Ditadura Stalinista

Stalin exerceu o poder na URSS mediante unha ditadura persoal. O Partido Comunista consolidouse como eixe vertebrador e dirixente de todos os órganos do estado e quedou completamente sometido á vontade de Stalin. A pertenza ao partido converteuse en imprescindible para ocupar calquera cargo de responsabilidade e a ideoloxía comunista impúxose a toda a sociedade. Para consolidar o seu poder persoal, Stalin sementou o terror en todo o país e exerceu unha gran represión.

Entradas relacionadas: