Prexuízos lingüísticos sobre o galego: análise e impacto

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 201,78 KB

O conflito lingüístico

O conflito lingüístico defínese como a tensión que se produce entre dúas linguas dentro da mesma sociedade por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. Nas sociedades inmersas en situacións de conflito lingüístico, o idioma constitúe un indicador simbólico da posición social. Unha situación de conflito pode perdurar durante moito tempo, mesmo centos de anos, mais acaba tendo unha destas dúas saídas antagónicas: a substitución lingüística, proceso que consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á lingua dominante; ou a normalización lingüística, que consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que está nunha situación de subordinación. Normalizar consiste en definir e aplicar un conxunto de medidas de tipo político, xurídico, social e lingüístico que teñen como finalidade a restitución da lingua en todos os ámbitos para que teña un desenvolvemento normal como vehículo de comunicación dentro da súa propia comunidade de falantes. A diglosia prodúcese dentro dunha sociedade na que existen individuos que empregan dous idiomas: un propio, adquirido a través da transmisión lingüística da súa comunidade, e outro pertencente a un grupo lingüístico diferente. O termo diglosia designa o contacto estábel entre dúas linguas que teñen unha distribución xerárquica das funcións; existe unha lingua A, de usos formais e prestixiados, e unha lingua B, de usos informais e menos prestixiados.

Os prexuízos lingüísticos

Os prexuízos son valoracións baseadas en ideas erradas ou realizadas con descoñecemento do asunto que se xulga e que teñen como consecuencia actitudes e comportamentos negativos. Os prexuízos non son innatos, senón aprendidos ao longo do proceso de socialización dos individuos, no que a infancia e a adolescencia son os períodos de maior relevancia. Os principais transmisores son a familia, o sistema educativo, os medios de comunicación e os grupos de iguais. Os prexuízos transmítense principalmente a través do discurso, aínda que tamén por medio das condutas. A situación de subordinación e dependencia que a sociedade galega viviu durante varios séculos provocou que se asentase en amplas capas desa sociedade un fondo complexo de inferioridade que denominamos autoodio, caracterizado polo rexeitamento e minusvaloración dos propios sinais de identidade. Esta é a raíz dos prexuízos e valoracións negativas sobre o idioma galego. Os prexuízos lingüísticos están moi estendidos e atinxen a todas as linguas en xeral. No caso das linguas minorizadas, afectan moi negativamente ao autoconcepto individual e colectivo. Os usos diglósicos e a ruptura da transmisión xeracional son dúas gravísimas consecuencias dos prexuízos lingüísticos.

Prexuízos históricos sobre o galego

Debido a unha realidade histórica ben coñecida -derivada da imposición do castelán en Galicia a partir do século XV e da forte marxinación que o noso idioma padeceu desde entón- naceron determinados prexuízos que chegaron aos nosos días e que podemos esquematizar así:

  • Galego = incultura = rural = atraso
  • Castelán = cultura = urbano = progreso

Prexuízos vellos

Prexuízos estéticos

Dentro destes estarían os que fan referencia á presunta eufonía ou cacofonía do idioma en conxunto ou dalgún dos seus trazos en particular: "Os chistes en galego son máis graciosos", "O galego é unha lingua bruta e malsoante", "A gheada soa mal", "O galego é unha lingua doce e agarimosa". Algún destes exemplos son prexuízos falsamente positivos, xa que todas as linguas son doces e ásperas, todas son graciosas e melodiosas, etc. En resumo, todas as linguas teñen capacidade de expresaren os múltiples matices que esixe a comunicación humana.

Prexuízos socioeconómicos

Atribúen un determinado status ou potencialidades económicas en función da lingua que se utilice. Son prexuízos deste tipo os que se reflicten en frases como: "O galego é a lingua dos pobres", "Co galego non se vai a ningunha parte fóra de Galicia", "O uso do galego é un atranco á hora de atopar traballo". A pesar de que o español foi tradicionalmente asociado ao ascenso social, nin no pasado nin na actualidade podemos asociar o galego a unha clase social concreta, nin cunha situación de precariedade económica. No mundo laboral o coñecemento e uso do noso idioma abre portas, dentro e mesmo fóra de Galicia. Ao mesmo tempo, no mundo actual é importante ser competente en varias linguas, mesmo para superarmos o carácter de país tradicionalmente emigrante.

Prexuízos socioculturais

Dos prexuízos tradicionais, os que sufriron unha regresión máis importante son os que relacionan o uso do galego coa incultura e a falta de educación, pero aínda existe unha parte considerábel da sociedade que opina, por exemplo, que "é de mala educación contestar en galego cando che falan en castelán", que "as matemáticas e a química son máis difíciles en galego".

Novos prexuízos

Cara ao proceso de recuperación das linguas minorizadas

Dentro dos discursos dominantes, comézanse a asumir, aínda que sexa de xeito formal, os valores da liberdade, o respecto polas diferenzas e a igualdade. Esta norma social da igualdade está moi estendida a nivel explícito, a través do que se denomina discurso politicamente correcto. Poucas persoas defenden xa que o galego é unha lingua inferior. No entanto, prodúcese un discurso que a nivel implícito proclama a xerarquización lingüística, isto é, a consideración de que existen linguas con máis importancia ca outras. Deste xeito prodúcese a naturalización da imposición do castelán. Isto quere dicir que todas as actuacións nas que o castelán está privilexiado e promocionado considéranse "naturais", fronte ás actuacións que pretenden protexer ou potenciar o galego, que se presentan polos sectores prexuiciosos como unha agresión contra a orde "normal" das cousas. Estes prexuízos son os que converten os procesos de normalización de linguas historicamente minorizadas no Estado español en presuntos casos de discriminación do castelán. O anticatalanismo, por exemplo, tan presente en certos sectores da sociedade española, é produto deste prexuízo. Considerando o modelo catalán como un exemplo de "radicalismo", rexéitanse as medidas de normalización tomadas a respecto do propio galego.

Cara aos galegofalantes que se adaptan mal ao perfil social tradicional

Estes son unha variante actual dos prexuízos vellos. Ao facer a atribución galegofalante = persoa do rural, vella e inculta, alguén que non responde a estas características (urbanita, nova, culta...) sofre a atribución doutros trazos con pretensión descualificadora: radicalismo ideolóxico, afán de notoriedade, pose intelectual, etc.

Dentro das urbes galegas sempre existiron amplas capas de galegofalantes, a pesar da asociación que axiña se estabeleceu entre cidade e castelán. Na actualidade é cada vez máis importante o número de falantes de galego que, cando pasan do rural ou das vilas ás cidades, non desertan da súa lingua. Tamén é importante o número de neofalantes, persoas educadas en castelán que ao chegar á adolescencia ou á mocidade deciden instalarse lingüisticamente no galego. Sobre estes grupos existe unha fortísima presión e uns prexuízos lingüísticos moi eludidos, que teñen como finalidade evitar que o fenómeno de regaleguización sexa realmente relevante e xeneralizado. As persoas novas que no seu proceso de autoafirmación persoal deciden empregar o galego na súa vida cotiá teñen que enfrontarse ao estigma de que o fan por chamar a atención ou por radicalismo ideolóxico.

Sobre a propia competencia do falante para empregar o galego

Moitas persoas non manifestan ningún dos anteriores prexuízos, pero seguen empregando habitualmente o castelán porque desconfían das súas propias capacidades lingüísticas en galego. Falar unha lingua é un hábito e os hábitos son, precisamente, as condutas máis difíciles de modificar. Ademais, para o ser humano o uso da lingua ten como unha das principais funcionalidades a integración grupal. Estas son as causas que están na orixe dos prexuízos relacionados coa capacidade lingüística das persoas. A sociedade galega en xeral ten un notábel dominio do seu idioma. Detéctase, porén, unha caída na competencia activa entre a mocidade ao longo das dúas últimas décadas. No censo de 2021 o 7,6% das persoas menores de 20 anos afirmaban non ter capacidade de falar en galego, mentres que un 21,7% recoñecía dificultades para facelo. Un 33% alegaba ter problemas para escribir en galego. A xente nova ten inseguridade lingüística porque non ten abondos contextos onde escoitar e falar de xeito coloquial en galego. O sistema educativo en ocasións non garante a adquisición das competencias pasivas e activas que determina a lexislación. Iso afonda na falta de competencia e convértese nunha xustificación da falta de uso.

Cara á estandarización do idioma

A actitude de rexeitamento da variedade común ou estándar faise atribuíndolle artificiosidade e distanciamento da lingua falada, popular, "auténtica". Este prexuízo baséase na idea de que a lingua galega debe ser espontánea e natural, características que non se lle esixen a ningunha lingua dominante. Supón, por tanto, unha pretensión de que o galego non teña un modelo para os usos formais. En todas as linguas o estándar constitúe unha variedade superadora das desviacións lingüísticas e da variabilidade diafásica, diastrática e mesmo dialectal. É un modelo de lingua imprescindíbel para os ámbitos formais e para a adquisición secundaria do idioma.

html>

Entradas relacionadas: