O Prerrexurdimento e Rexurdimento Galego: Contexto e Autores Clave do Século XIX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 10,64 KB

A Literatura Galega do S. XIX: O Prerrexurdimento

As primeiras manifestacións literarias do S. XIX aparecen con relación aos acontecementos de índole histórica e política: a Guerra de Independencia e os atrancos do centralismo. Ademais, isto vai suscitar a reivindicación e defensa da identidade galega.

O Prerrexurdimento (1808-1862)

  • Primeiro período (1808-1833): Iníciase coa mobilización contra os franceses. Promóvese a defensa de Galicia e comeza a xurdir unha certa conciencia de diferencialismo nos ilustrados e a utilizarse o galego con fins propagandísticos. Finaliza coa morte de Fernando VII.
  • Segundo período (1833-1862): Comeza coa recuperación da escrita galega por parte de progresistas galeguistas organizados no Provincialismo. Descubrimento da especificidade de Galicia no plano político, económico e histórico. Remata coa celebración dos Xogos Florais e a publicación do Álbum de la Caridad.

O Rexurdimento (1863-1916)

Comeza coa publicación de Cantares gallegos (1863). O proceso de rehabilitación da lingua iniciado polos Provincialistas ten continuidade cos Rexionalistas (Manuel Murguía) ata 1916 co inicio do Nacionalismo.

Evolución dos Movementos e Ámbitos Lingüísticos

S. XIX (Prerrexurdimento)S. XIX (Rexurdimento)S. XX (1916)
Ámbito PolíticoPROVINCIALISMOREXIONALISMONACIONALISMO
Ámbito LingüísticoDIALECTALISMOINTERDIALECTALISMOSUPRADIALECTALISMO
ExemplosRosalía en Cantares gallegosRosalía en Follas NovasPondal: tamén usa cultismos

Contexto Histórico, Social e Cultural do Prerrexurdimento

O renacemento da nosa lingua nesta etapa dáse nun contexto marcado por dous acontecementos importantes:

Invasión napoleónica e volta ao absolutismo (1808-1833)

Tras a invasión de Napoleón, o rei Carlos IV vese obrigado a ceder o trono a Xosé Bonaparte. En Galicia, a resistencia organízase a través da “Xunta Superior do Reino de Galicia” que organizou o alzamento popular que provocou a destitución de Xosé Bonaparte. Coa chegada do fillo de Carlos IV, Fernando VII, anúlase a Constitución de 1812 e vólvese ao absolutismo. Fronte a isto, reaccionan os liberais co pronunciamento de Porlier (A Coruña, 1815) e o de Riego (1820) que fai que se convoquen as Cortes e volva a Constitución de 1812, iniciándose o Trienio Liberal (1820-1823) ao que seguirá a Década Ominosa de absolutismo grazas á intervención francesa dos Cen Mil Fillos de San Luís.

A revolución liberal (1833-1868)

Antes de morrer, Fernando VII abole a Lei Sálica, polo que a súa filla Isabel II pode reinar (1843). Como era moi pequena, exercen as rexencias a raíña María Cristina (1833-1840) e o xeneral Espartero (1840-1843). Coa súa subida ao trono iníciase un conflito dinástico entre os carlistas e os isabelinos. Prodúcese neste período a desamortización dos bens, rendas e dereitos das institucións relixiosas, que pasarán a mans da burguesía, o que suporá que o campesiñado galego continúe na mesma situación ou peor, pois ademais debían pagar os décimos e impostos ao Estado.

Co fin da primeira Guerra Carlista e os progresistas no poder, iníciase en Galicia unha etapa de esperanza e efervescencia política e ideolóxica na que se presenta unha alternativa para acabar coa deplorable situación galega: O Provincialismo, que tratou de aproveitar o Pronunciamento de Solís en 1846 creando a “Xunta Superior do Reino de Galicia”.

Este levantamento militar contra o poder central sáldase coa derrota dos provincialistas e os fusilamentos de Carral en abril de 1846. A pesar de todo, seguiuse potenciando o cultivo do galego entre os considerados “precursores do Rexurdimento” (prensa e poesía):

  • “Academia Literaria”: Faraldo, Añón, Neira Mosquera.
  • “Liceo de la Juventud”: Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Pondal, Antonio e Francisco de la Iglesia e Rosalía de Castro.

Os provincialistas iniciaron o seu labor a través de periódicos culturais: El idólatra de Galicia, El Porvenir, El Recreo Compostelano.

Os Primeiros Textos Galegos: Textos Propagandísticos

Xorden no contexto da loita contra os franceses e a confrontación liberal-absolutista. O seu principal valor reside no uso do galego escrito por primeira vez despois dos Séculos Escuros.

Os Escritos de Guerra

Os dirixentes necesitaban animar e excitar ao pobo contra os franceses e conseguir a súa mobilización e informar sobre a guerra, polo que xorden textos propagandísticos, algúns en galego para facilitar a comprensión e identificación do pobo.

  • Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (anónima, 1808): 48 versos nos que se incita á loita pola Patria e polo Rei e a morrer por Deus.
  • Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira: Obra de exaltación da guerrilla en forma de diálogo entre dous aldeáns (Chinto e Mingote) de caracterización popular que falan das súas experiencias na guerra.

Cartas, Diálogos e Folletos Propagandísticos

Noutros casos, os liberais e conservadores desexaban atraer ao campesiñado á súa causa, o que os levou a utilizar o galego nos seus textos. Apareceron así cartas (Carta recomendada ou Carta a un liberal) ou diálogos (Conversación entre os compadres Bértolo e Mingote) que falan sobre a confrontación ideolóxica entre liberais e conservadores.

  • A obra máis importante é o folleto publicado na Coruña en 1813, Os rogos dun galego establecido en Londres, de Manuel Pardo de Andrade, que escribe en forma de romance unha crítica á Inquisición.
  • A restauración no Trienio Liberal da liberdade de imprenta e o regreso dos intelectuais exiliados fai que se publiquen máis folletos e pregos soltos: La tertulia de la Quintana. Diálogo popular con seseo e gheada que critica os incidentes entre o concello e o cabido catedralicio sobre o Corpus e a postura intransixente da Igrexa.
  • Diálogo entre dos labradores gallegos, afligidos y un abogado instruido (1823), de Pedro Boado Sánchez, onde os labregos contan ao avogado os abusos que sofren e as esixencias eclesiásticas.
  • Tertulia de Picaños (1836): Aparece como propaganda da Guerra Carlista (1833-1839) e nela deféndese a Constitución e fálase da polémica lexitimidade da Igrexa sobre os seus privilexios.

Textos Literarios Anteriores ao Provincialismo

Fóra do contexto sociopolítico que xustifica a aparición dos textos anteriores, aparecen outros textos que xa teñen valor literario, non só o valor de utilizar o galego.

  • Poesías satíricas: Como os sonetos de Arias Teixeiro.
  • Obras de circunstancias: Como os poemas en gabanza do cardeal don Pedro de Quevedo (1812) ou a letrilla para celebrar os desposorios rexios de Fernando VII coa súa curmá Cristina (1829).
  • Panxoliñas: Destinadas ao Nadal (continuadoras da tradición dos S. XV-XVI). As da escola mindoniense (Antonio María de Castro y Neira, Luis Corral ou Romualdo López) preséntannos textos máis galeguizados e máis riqueza léxica ca os do hospicio de Santiago (Vicente Turnes ou Alberto Camino).
  • Antonio Bieito Fandiño (liberal): Principal escritor do 1º cuarto do S. XIX. Compuxo poemas satíricos, pero a súa obra máis importante é de teatro: A casamenteira (Compostela, 1812), que se desenvolve en tres cadros de versos octosílabos sobre o tema dos casamentos amañados (como Leandro Moratín en El sí de las niñas).
  • Nicomedes Pastor Díaz: Alborada (tópico da alba, o namorado agarda o espertar da amada), Égloga de Belmiro e Benigno (estanzas de versos hendecasílabos e heptasílabos, tema: coitas de amor de dous pastores). Nestas obras mostra a asimilación dos modelos clásicos.

Os Precursores do Rexurdimento

  • Xosé Manuel Pintos Villar (1811-1876)

    Licenciado en Dereito en Santiago, foi Xuíz de Cambados, fiscal en Pontevedra e rexistrador da propiedade de Vigo. Humanista, cultivou a literatura, a música e a pintura. Escribiu A gaita gallega en 1853, o primeiro libro do S. XIX escrito en galego. É unha obra didáctica que constitúe un método para ensinar o galego a través dunha miscelánea de poemas, fragmentos en prosa, apoloxías da lingua, observacións lingüísticas, vocabularios, etc., no medio dun diálogo bilingüe entre un gaiteiro (galego) e un tamborileiro (non galego).

  • Francisco Añón (1812-1878)

    É o poeta máis importante do Prerrexurdimento galego. Morreu sen ver publicados moitos dos seus versos, pois estaban inéditos ou espallados por xornais. Aínda que estivo desterrado de Galicia a maior parte da súa vida, o amor á súa terra levouno a concorrer en 1861 aos Xogos Florais cun himno dedicado a Galicia (A Galicia) premiado cun accésit. Tamén escribiu Recordos da infancia e A pantasma (humorística).

  • Alberto Camino (1820-1861)

    Compuxo varias elexías famosas. O desconsolo: poema amoroso e persoal. Nai chorosa: outro poema emblemático deste autor.

Os Xogos Florais de 1861

A celebración dos Xogos Florais na Coruña en 1861 suporía un acontecemento moi importante para a literatura do S. XIX. O máis significativo deste certame foi a publicación do Álbum de la Caridad (1862), coordinado por Antonio María de la Iglesia, no que se recollen un total de 40 poemas en galego, entre os que están os premiados de poetas como: Francisco Añón, Alberto Camino, Rosalía de Castro, Pondal, Vicente Turnes, Xosé Manuel Pintos, Marcial Valladares e os irmáns de la Iglesia.

Entradas relacionadas: