Preescolar na Casa: Educación Familiar e Desenvolvemento Infantil en Galicia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,52 KB

O Programa Preescolar na Casa: Unha Iniciativa Pioneira en Galicia

Orixe e Propósito Inicial (1977)

Naceu en 1977 a partir da inquietude dun sacerdote, Antonio Gandoy (relacionado con Cáritas), respecto ás carencias no medio rural para que os menores de 6 anos accedesen á educación. A existencia de máis de 30.000 pequenas poboacións moi diversas facía que en Galicia un importante número de nenos e nenas non contase con centros accesibles onde escolarizarse antes da escola primaria, o que se traducía nun atraso educativo na rexión.

Para solucionar isto, iniciouse un servizo destinado á formación de pais e nais como educadores dos seus fillos nos seus primeiros anos de vida.

Evolución e Identidade Propia

Este programa tivo inicialmente un carácter compensatorio para suplir a función dos centros de preescolar do momento. Co paso dos anos, o programa conservou o nome, segue orientado ao medio rural, pero adquire unha identidade propia. Xa non sería un substitutivo da escola, senón un programa de educación infantil familiar e de formación de pais en educación infantil. Na formación de pais, o programa intenta apoiar ás familias na crianza dos primeiros anos.

A calidade da atención prestada no fogar é a variable máis influente no desenvolvemento infantil. A acción educativa é realizada polos pais e nais. Co paso do tempo, comezou a dirixirse tamén cara a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Pilares Fundamentais do Programa

Os tres supostos básicos do programa son:

  • A educación, a cultura e o saber son bens que se constrúen dende dentro.
  • Os primeiros anos son decisivos na formación; pais e familia teñen un papel irrenunciable na educación.
  • As persoas teñen un potencial para dirixir o seu destino e adaptarse aos cambios na vida; canto máis capacitadas estean, terán máis recursos para responder aos retos da sociedade.

Pártese tamén da premisa de que o neno non é un adulto en pequeno ou un recipiente baleiro, tampouco é un espectador do seu desenvolvemento, senón unha persoa con necesidades, intereses, dereitos e deberes.

Metodoloxía e Recursos

Existían reunións cada quince días onde as nais ou os pais intercambiaban experiencias con outras familias e co orientador do programa sobre os nenos de 0 a 6 anos. A través deste intercambio, analizábanse as actividades feitas neses quince días, afondábase nalgún tema de interese e presentábase un proxecto para a seguinte semana onde se concretaban actividades. Os nenos e nenas tamén acudían a estas reunións, atopábanse con outros nenos, participaban en xogos e relacionábanse.

Aínda que o programa aproveitou os recursos do contorno, co tempo creáronse materiais formativos e informativos para os pais. Creouse tamén unha ludoteca e unha biblioteca. O programa contou tamén coa difusión da súa revista, que saía cada dous meses, e con programas de radio que se iniciaron en 1982 na Radio Galega. En 1990, comezouse a emitir tamén na Televisión de Galicia un programa semanal sobre preescolar.

Impacto e Recoñecemento

Cando se creou, este programa só cubría catro localidades, pero no ano 2007 xa atendera a máis de 4.000 familias galegas. O programa recibiu numerosos premios e serviu para impulsar iniciativas similares noutros países.

Entradas relacionadas: