A Portada de Praterías na Catedral de Santiago: Escultura Románica e Iconografía

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,05 KB

A Portada de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela: Escultura Románica (s. XII)

Na catedral compostelá, os escultores traballan nas grandes portadas historiadas das fachadas do cruceiro cara ao ano 1100. A maior parte dos historiadores que trataron o tema coinciden en que existiu un proxecto que sinalaba cal ía ser o programa iconográfico que a catedral ía representar en cada unha das tres grandes portadas correspondentes á cruz latina da súa planta.

Hai que recoñecer que este tema resulta bastante espiñento, xa que a antiga portada norte ou do Paraíso desapareceu, a sur ou de Praterías está fortemente remodelada e a occidental parece ser que nunca se chegou a construír seguindo este plan, a pesar da descrición que dela ofrece o Códice Calixtino, quedando tan só en proxecto.

O Programa Iconográfico Orixinal

A idea dun programa iconográfico único para as tres portadas da catedral foi intuída polo historiador Antonio López Ferreiro, quen ve aquí representada a exposición do dogma trinitario, idea compartida tamén polo profesor Otero Túñez:

  • Portada Norte ou do Paraíso: dedicada a Deus Pai, cos temas da Creación, Pecado e a Promesa da Redención.
  • Portada Sur ou de Praterías: dedicada a Cristo -Deus Fillo-, tratando de destacar a súa dobre natureza, divina e humana.
  • Portada Occidental: dedicada ao Espírito Santo, co tema da Transfiguración.

A Portada Norte e a súa Destrución

Na Portada Norte aparecía a imaxe visual do Paraíso. Diante dela había unha gran fonte, da cal Aymeric Picaud, autor do Códice Calixtino, fala como do enxeño hidráulico máis importante de Europa. Existían en cada fachada referencias ao que había nas outras. Así, por exemplo, aquí estaba o sacrificio de Isaac que prefigura o de Cristo, as representacións dos meses que son imaxes simbólicas dos Apóstolos, etc.

Nesta fachada norte non dá o sol e actuaba coma un símbolo espiritual: os peregrinos entraban por ela, sumidos na escuridade como pecadores e saían pola porta sur ou de Praterías, a máis bañada en luz. Esta fachada norte foi destruída e substituída pola actual da Acibechería, do barroco tardío (s. XVIII).

A Portada de Praterías: Descrición e Iconografía

Estrutura da Portada

A Portada Sur ou de Praterías consta de dous corpos:

  • O primeiro ou inferior con dúas grandes portas.
  • O segundo ou superior con dúas ventás xemelgas con arcos polilobulados cubertos por arquivoltas con motivos vexetais.

Separando os dous corpos vai unha franxa lisa que serve de zócolo ao segundo corpo. Na súa base leva unha cornixa con canzorros, e entre eles, á maneira dun friso dórico, van métopas con floróns.

No corpo inferior aparecen once columnas, distribuídas en grupos de tres a cada lado, que flanquean as dúas portas, sendo común a do centro do piar de separación. Esta columna central e as dúas dos extremos son de mármore e van decoradas con esculturas baixo arcos, con capiteis historiados. As outras columnas son de granito e van decoradas cun entorchado helicoidal, con capiteis de decoración vexetal que entrelazan cabezas humanas e de animais. Nas xambas das portas e a ambos lados da portada aparecen esculturas empotradas. Entre elas cabe destacar as da creación de Adán, a creación de Eva ou a do rei David.

As columnas soportan o desenvolvemento das arquivoltas que son lisas, sen decoración, e acubillan dous tímpanos con esculturas.

Iconografía dos Tímpanos e Friso

Tímpano Esquerdo

Aquí represéntanse as tentacións de Cristo, simbolizadas por simios lascivos; Cristo tentado no deserto polo demo, vence o pecado. Logo na parte alta van uns leóns afrontados e máis abaixo outros tres leóns, e a figura sedente da muller adúltera, que leva unha caveira na man.

Segundo o Códice Calixtino, esta muller estaba condenada a bicar a caveira do seu amante morto polo seu esposo. Para outros, a muller adúltera identificaríase con Eva, que sostería a morte que introduciu no mundo tras cometer o Pecado Orixinal. Outras figuras son de significado enigmático, coma un home montado sobre un león.

Tímpano Dereito

Está dividido en dúas zonas. Reflicte a dobre natureza de Cristo (como reafirmación do catolicismo fronte á herexía do monofisismo).

Enriba está a natureza divina: a Epifanía (María e o Neno adorado polos Reis Magos) e o milagre da curación do cego (que tamén representa a cegueira dos homes que viven en pecado, curados pola chegada de Cristo ao mundo).

Abaixo, a natureza humana: escenas da Paixón (prendemento de Cristo e este ante Pilatos). Neste tímpano mestúranse Morte (Paixón) e Vida.

Na parte superior, un apóstolo moi erosionado e dous animais que parecen ser o boi e a mula da Epifanía que se representa a continuación; tamén aparece unha estrela e un anxo. Debaixo represéntase a curación do cego e logo escenas da Paixón: a flaxelación, o prendemento, a coroación de espiñas ou Cristo diante de Pilatos.

O programa alude á dobre natureza de Cristo. Neste momento aínda circulaban crenzas (herexías) que insistían na exclusiva natureza divina de Cristo (monofisismo). Isto supoñía negar a paixón de Cristo, a súa condición humana, e por iso se nos fala dos corenta días que estivo meditando no deserto, en que foi tentado polo Demo.

Entre os arranques dos dous arcos exteriores da arquivolta, dous leóns contrapostos levan sobre o seu lombo o Crismón.

Friso

Carece de unidade temática, aínda que o motivo principal parece ser a Transfiguración de Cristo ante os apóstolos e os santos. As figuras teñen tamaño desigual e non están en bo estado; algunhas son as que se aproveitaron da fachada norte (a expulsión do paraíso), e despois temos temas soltos: o Creador con Adán e Eva, signos do zodíaco, fragmentos decorativos... A figura do Cristo que bendice é posterior.

Cobren as catro enxutas dos arcos, anxos trompeteiros. No centro, sobre a unión das enxutas, hai un relevo en mármore moi decorado que representa a Abraham saíndo do sepulcro. Abaixo, en mármore, hai unha figura con cornos, que para uns representa a Moisés e para outros o demo.

Cronoloxía e Historia

Tanto a cronoloxía como o estilo da portada de Praterías foi obxecto de discusións e estudos. A análise das fontes que posuímos para o estudo da catedral, xunto co resultado de escavacións arqueolóxicas, permite situala entre 1103 e 1117.

Ademais, contamos coa interpretación que se lle dá a unha inscrición que aparece no friso de Praterías: relacionábase co rei Afonso VI, pero segundo unha interpretación nova sería o seu neto, Afonso VII de León, que foi coroado rei de Galicia en 1111.

Os Mestres Escultores da Portada de Praterías

A través do exame da portada obsérvase a man de tres mestres diferentes:

  • Mestre de Praterías: que Gómez Moreno identifica co Mestre Estevo. O seu estilo caracterízase pola coidada anatomía que se acusa baixo o roupaxe e polos seus rostros, con labios avultados, ollos saltóns, fazulas inchadas que dan unha grande expresividade, aumentada polo tratamento do cabelo en forma de mechóns soltos, e os pregues da roupa paralelos e en forma de U. Este mestre mostra ademais un equilibrio entre realidade e abstracción: as figuras inscríbense en esquemas xeométricos que sabiamente se combinan cunha gran sensación de vida e vigor. O seu estilo móstrase en numerosas esculturas: o rei David, a muller coa caveira, e a que leva o cachorro de león, a Creación de Adán e o San Andrés da xamba.
  • Mestre do Cordeiro: (porque traballa tamén na Portada do Cordeiro da colexiata de Santo Isidoro de León). Atribúeselle o Cristo bendicindo, Creación de Eva, a figura do Anxo de Mateo. Uso de volumes xeométricos moi pulidos, pregues faltos de graza e rostros inexpresivos.
  • Mestre do Perdón: (traballa na Portada do Perdón de Santo Isidoro de León), tímpano da dereita. Atribúeselle a escena do Prendemento de Cristo e a Expulsión do Paraíso. Predominio do narrativo, tendencia ao vulto redondo, e os rostros distínguense polas pupilas escavadas e pregues da roupa moi grosos.

Estado Actual e Historia da Portada

Sorprende a desorde en canto á distribución das distintas figuras desta portada, que xa existía en 1139 ao coincidir coa descrición que deste conxunto fai o Códice Calixtino. A portada foi recomposta despois do incendio de 1117, ao alzárense en revolta os burgueses de Compostela contra a raíña Dona Urraca e o arcebispo Xelmírez.

Así mesmo, a destrución da porta norte –actual Porta da Acibechería– no século XVIII levou a engadir moitas esculturas deste pórtico á de Praterías, o que provoca que aparezan mesturadas coas dos outros mestres e non na súa disposición orixinal.

Entradas relacionadas: