Pondal, Curros, Xéneros e Lingüística Galega
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,44 KB
Pondal: Obras Principais
Queixumes dos Pinos (1886)
No primeiro poema, o bo de Bergantiñán escoita os queixumes dos piñeiros. O resto é a tradución deses queixumes en boca do bardo, revelador das mensaxes do cosmos. Nos poemas finais, o bo de Bergantiñán aclara o significado das mensaxes do bardo.
Tipos de Poesía en Queixumes dos Pinos
Podemos diferenciar 2 tipos:
Poesía Épico-Lírica
Opóñense 2 períodos positivos (o pasado celta e un futuro de gloria) co presente de sometemento. Pondal pretendía recrear un pasado celta glorioso que servise de exemplo cara ao futuro.
Poesía Lírica
Os temas principais son a natureza e a muller. A natureza pondaliana aparece en estado puro, é atemporal, sen presenza humana: gándaras e fragas nas que habitan cervos, raposos... A muller é vista polo autor ben ao xeito romántico, como muller idealizada que inspira sentimentos platónicos; ben, desde unha perspectiva popular, como presa do home, como obxecto para a paixón.
Os Eoas
É un longo poema épico narrativo que canta o descubrimento de América por Colón. Converteuse nun proxecto no que traballou ata a súa morte e que permanecería inédito ata 1992. A obra supón un importante paso cara á consolidación do galego como vehículo de cultura.
Xéneros Informativos
A Noticia
É o xénero fundamental do xornalismo. Consiste na narración obxectiva dun feito de actualidade. Presenta a seguinte estrutura:
Titular
É unha frase breve que resume o tema e intenta atraer a atención do lector. Vai destacada tipograficamente mediante letras grandes e negras.
Entrada
Resume o contido fundamental da noticia. Moitas veces aparece destacada en letra negriña ou cursiva.
Corpo da noticia
Desenvolve con detalle o contido. Divídese en varios parágrafos, ordenados en forma de pirámide invertida: os datos máis relevantes van ao principio, e os detalles menos importantes, no remate.
A Reportaxe
É unha noticia que presenta unha información extensa sobre un tema, non necesariamente de actualidade. É resultado da investigación dun xornalista e vai sempre asinada. Xeralmente ilústrase con fotografías, mapas... que complementan a información. A súa estrutura coincide coa da noticia, pero a linguaxe é máis literaria.
O Editorial
Recolle a valoración da empresa xornalística, desde o seu posicionamento ideolóxico, sobre algún acontecemento, polo que non vai asinado. Acostuma editarse nun lugar destacado e fixo do periódico.
Artigos de Fondo e Columna
Expresan a opinión de colaboradores, ocasionais ou habituais, sobre os máis diversos temas. Se o texto é breve, aparece nun lugar fixo do xornal e está escrito por un colaborador habitual, recibe o nome de columna.
A Crónica
É un relato acerca dun tema de actualidade. Combina a información sobre o tema coa valoración persoal dun xornalista especializado.
A Crítica
Comenta e valora algún feito cultural: publicación de libros, estreas teatrais ou cinematográficas. Normalmente están redactadas por especialistas na materia.
Toponimia
Estudo da Toponimia
Ocúpase do estudo da orixe e significado dos nomes propios de lugar. A toponimia maior estuda os nomes dos núcleos de poboación. A toponimia menor ocúpase dos nomes de montes, vales...
Orixe dos Topónimos
Segundo a orixe: A maioría do noso léxico toponímico procede do latín, mais hai tamén abundancia de termos de procedencia prerromana, xermánica e árabe.
Significado dos Topónimos
Segundo o significado: Algúns teñen un significado evidente; outros, polo contrario, son máis escuros e deron pé a curiosas suposicións e interpretacións. A maioría refírese a: ríos e augas, xeografía do terreo, vexetación, fauna, santos, nomes de persoa, vías de comunicación e núcleos de poboación.
Antroponimia
Estudo da Antroponimia
A antroponimia estuda os nomes propios e os apelidos das persoas.
Orixe dos Antropónimos
Segundo a orixe: celta, latina, grega, hebrea, xermánica e rusa.
Significado dos Antropónimos
Segundo o significado: animais, flores e plantas, pedras preciosas, virtudes, expresan desexo, relacionados coa relixión ou cunha advocación.
Clasificación dos Apelidos
Pódense clasificar en 4 grupos:
- Os patronímicos que proceden do nome do pai, ao que se lle engade o sufixo -ez ou -z.
- Os toponímicos ás veces precedidos de preposición.
- Os de oficio e profesión.
- Os derivados de alcumes que fan referencia a características persoais.
Curros Enríquez: Obras
Aires da miña terra
Conta con 21 poemas, ademais dos 3 cos que gañara o concurso de Ourense. Neles están presentes as 3 liñas temáticas fundamentais que trata o autor (cívica, lírica e costumista).
Liñas Temáticas en Aires da miña terra
Poesía Cívica
Curros cría na función social da poesía; por iso boa parte dos seus poemas reflicten as súas ideas progresistas. El consideraba que a ignorancia e o atraso eran consecuencia do fanatismo e a opresión. Denunciou a situación de Galicia e a actitude pasiva dos galegos que non loitaban por ela. A faceta do seu protagonismo que máis escandalizaba aos seus contemporáneos era o anticlericalismo.
Poesía Lírica
Acorde coa súa concepción da poesía, son poucos os poemas en que Curros expresa a súa propia situación anímica. Neles trata acontecementos familiares, como o nacemento dun fillo, a morte da nai e outros nos que o pesimismo impregna de saudade.
Poesía Costumista
Curros participou da estética romántica e costumista do seu tempo, continuando a liña de Rosalía e da poesía popular. O seu costumismo, presente nos 3 poemas gañadores do certame ourensán, aparece xeralmente mesturado coa intención reivindicativa.
O Divino Sainete (1888)
Publicado en 1888, é un longo poema narrativo de temática satírica e social. Tomando como modelo A Divina Comedia de Dante, relata unha imaxinaria peregrinación a Roma en compañía de Francisco Añón para asistir ao xubileo do papa León XIII. A partir deste tema, Curros realiza unha forte sátira anticlerical, social e literaria.