A Poesía de Vanguardia Galega: Modernismo e Tradición
Enviado por airamotcefrep y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 8,28 KB
A literatura e arte galegas experimentaron nos anos 20 e comezos dos 30 un proceso de renovación, debedor en moitos aspectos das denominadas Vangardas. Cada unha destas vangardas constituíu un Ismo, que se difundían a través dos chamados Manifestos Vangardistas. As vangardas transformaron a idea do que era a arte e do papel que lle correspondía ao artista na sociedade, buscando a orixinalidade de forma obsesiva e facendo do experimentalismo, a rebeldía e a liberdade creativa as súas auténticas razóns de ser. Algúns consideran que non se pode falar dunha literatura galega estritamente vangardista, senón de ecos e influencias dispersas dos diferentes “ismos” europeos nela. Outros sinalan a presenza de figuras que rompen definitivamente coa tradición poética galega e seguen o ronsel vangardista. A difusión das vangardas entre nós foi lenta e relativamente escasa. O manifesto máis representativo foi “¡Máis alá!”, asinado por M. Antonio e polo debuxante Álvaro Cebreiro.
Tendencias Vangardistas
Tres tendencias principiais entre os vangardistas:
- Neotrobadorista: Xorde por influxo da lectura dos Cancioneiros medievais. Practican unha imitación dos xeitos de compór e de dicir das cantigas medievais (Bouza Brei: Nao senlleira; A. Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira).
- Hilozoísta ou Imaxinista: Caracterizada pola brevidade, a sinxeleza, permanencia de esquemas de rima e métrica tradicionais, frecuente personificación de elementos naturais, predominio das imaxes, concepción pictórica do poema e linguaxe metafórica. Os hilozoístas inspíranse na paisaxe, mais cunhas imaxes e recursos novos, de raíz vangardista. Blanco Amor.
- Vangardista: Tendencia baseada na asimiliación parcial e ecléctica de diferentes “ismos” europeos.
Manuel Antonio
Este artista representa o prototipo de artista de vangarda: rupturista, aventureiro, antiacademicista e inconformista. A súa actitude ideolóxica cabe resumila en tres trazos fundamentais: espírito de rebeldía, compromiso nacionalista galego e simpatía polos ideais anarquistas. Considerou que a arte popular era unha base desde a que partir. O único libro editado por Manuel Antonio é “De catro a catro”. O seu carácter rupturista vén avalado, entre outros, por estes trazos:
- Ruptura temática coa literatura galega anterior costumista.
- Versolibrismo e a non utilización de tipos de estrofa ríxidos.
- Peculiar construción rítmica dos versos e a ausencia de rima.
- Ruptura gramatical e semántica no poema.
- Disposición tipográfica dos versos e a utilización dun léxico “novo”.
- Predominio da imaxe de corte creacionista.
Este poemario é obxecto de debate e interpretación. Dúas son as máis destacadas:
- Para uns é unha obra estruturada con base nunha viaxe marítima real.
- Outros entenden que desde o poema “Intencións”, a suposta ilusión da partida aparece negada. O navío de M. Antonio non navega, non viaxa: permanece sen manobrar no medio da inmensidade.
Álvaro Cunqueiro
Con Mar ao norde, revélabase como poeta da liña vangardista, nunha serie de poemas moi breves, de coidada expresión, cunha clara tendencia ás sínteses metafóricas.
Poemas do si e non é a crónica dunha relación amorosa, caracterizada no formal polo emprego de versos longos e polo predominio do surrealismo.
En Cantiga nova que se chama riveira engádelles aos versos vangardistas unha serie de composicións neopopularistas e outras neotrobadorescas, nas cales emprega atrevidas imaxes dos ismos combinándoas coa forma e cos motivos da lírica medieval.
Dona do corpo delgado incorpora composicións de corte clásico, onde latexa un ton confesional, doloroso, e o tema do Ubi sunt, ademais de continuar explorando a liña neotrobadoresca. Nel distínguense dúas partes: unha de carácter neotrobadoresco, as chamadas “Cantigas de amor cortés”, e outra intimista, con poemas como “Soedades” e “Dúas Elexías”.
Herba aquí e acolá é un conxunto heteroxéneo de extraordinarios poemas, onde aborda os temas transcendentais do ser humano a través dunha recreación persoal de mitos lendarios, personaxes históricos e figuras literarias. Na 2ª parte do libro, o poeta reflexiona sobre o tempo, as mudanzas e a morte. Establécese nel, en primeira persoa, un diálogo intenso con todo tipo de mitos (culturalismo) para facer unha fonda reflexión sobre a identidade humana e unha evocación de experiencias, lecturas e viaxes da súa propia vida, coa morte como horizonte inevitable.
A poesía de Cunqueiro segue dúas tendencias básicas aínda que unha serie de trazos logran a unidade de ambas: o gusto polo dicir, a adxectivación suxestiva, as imaxes inauditas, a musicalidade dos versos e máis unha melancolía perenne que envolve a dicción fermosa e serena deste mestre da literatura.
- A veta lírica de liña neotrobadoresca e popularista, que orixina uns poemas de temática amorosa profundamente suxestivos, presididos pola facilidade, pola espontaneidade e pola graza lírica.
- A fantasía intelectual de liña vangardista e mitolóxica, que se resolve en composicións nas que alentan motivos cultos, tratados ás veces de forma lúdica e noutras ocasións cunha dimensión transcendente onde aflora a preocupación existencial.
Luís Amado Carballo
É o creador, dentro da literatura galega, da escola hilozoísta ou animista, correspondente á liña definida como impresionista polo profesor López Casanova. Publicou dous libros de poemas en galego: Proel e o póstumo: O galo. A súa obra foi moi celebrada pola crítica contemporánea e serviu como fonte de inspiración e imitación para moitos outros poetas galegos coetáneos e posteriores. Na poesía de Amado Carballo conxúganse:
- Trazos renovadores: Atrevidas imaxes de liña vangardista / Afortunadas metáforas persoais.
- Trazos conservadores: Sinxelísimas formas rítmicas tradicionais / Retórica demasiado popularizante.
O resultado é unha poesía na que a sensualidade acada unha forza inusitada, onde a natureza aparece animada na medida na que a presenza humana se esvae tras os elementos da paisaxe, na que se ofrece unha orixinal visión dun mundo próximo á inocencia primigenia e onde resulta evidente o influxo do lirismo de Valle-Inclán.
Eduardo Blanco Amor
Publicou o seu primeiro libro de poemas en galego, Romances Galegos, nunha liña neopopularista próxima á da “Xeración do 27” da literatura castelá. Posteriormente publica Poemas en catro tempos, de ton elexíaco, ambientación mariñeira e arquitectura musical. En 1956 publica Cancioneiro, que non achega nada novo á súa obra poética. A partir dos anos 50, desenvolve en galego unha obra en prosa que o ha converter nun dos máis grandes novelistas da literatura galega ata o día de hoxe.
Luís Pimentel
Deixou en galego dous poemarios: Triscos e Sombra do aire na herba (póstumo). Aínda que estes títulos aparecen no período de posguerra, o seu autor pertence á chamada xeración de 1925, sendo o único representante notable que sobrevive á Guerra Civil. Da súa experiencia nos tempos da guerra e posguerra quedan algúns vestixios poéticos na súa obra en galego (“Forasteiro” en Sombra do aire na herba) e máis algún poema solto (“Cunetas”). A poesía de Pimentel é profundamente lírica e intimista. Por veces sitúase esteticamente en postulados moi próximos aos do surrealismo; outras veces móstrase como un poeta neorromántico e simbolista, case impresionista.
Características destacadas
- Imaxes poéticas do mundo dos soños.
- Metáforas visionarias.
- Quebra do discurso lóxico.
- Combinación do delicado e gustoso co anguriante e irracional.
- Presenza constante dos espazos interiores e pechados.
- Contraste simbólico entre luces e sombras.
- Predominio do verso libre.
- Expresión sinxela e delicada.