A Poesía de Vangarda en Galicia: Movementos, Autores e Obras Clave do Século XX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,73 KB

A Poesía de Vangarda en Galicia: Características, Autores e Obras Representativas

O primeiro terzo do século XX caracterízase pola rápida sucesión de movementos artísticos á procura da modernidade, nunha progresión que nos leva do futurismo ao surrealismo, pasando polo dadaísmo, o cubismo ou o creacionismo. O progreso tecnolóxico (a luz eléctrica, o avión...) preséntase como rostro da modernidade e os vangardistas entenden que unha literatura nova debe dar testemuño desa transformación histórica sen precedentes. Este ambiente xeral nas letras europeas maniféstase en Galicia de dúas maneiras: a través da presenza de novas correntes autóctonas e a través da presenza das novas correntes internacionais.

Correntes Vangardistas Autóctonas en Galicia

Entre as correntes vangardistas autóctonas salientan o hilozoísmo, o neotrobadorismo e o imaxinismo.

O Hilozoísmo

A animación dos elementos naturais vaise converter nunha das formas máis empregadas por poetas como Luís Amado Carballo (obras como Proel, O galo). A lúa, o vento, a noite, o mar... serán quen de cantar, soñar, rir ou chorar.

O Neotrobadorismo

A corrente do neotrobadorismo, caracterizada pola fascinación polos cancioneiros medievais, daquela recentemente divulgados, dará lugar a un libro sobranceiro, Cantiga nova que se chama ribeira de Álvaro Cunqueiro. Os poetas neotrobadorescos recollen e mesturan imaxes modernas con tropos da lírica medieval, retomando leixapréns, refráns, paralelismos, e os xéneros das cantigas de amigo e de amor para facer poesía moderna. Nesta liña están algúns poemas de Nao senlleira de Fermín Bouza Brey.

O Imaxinismo

Finalmente, o cultivo da imaxe insólita, o imaxinismo, encontrará en Álvaro Cunqueiro algúns dos seus momentos máis felices.

Correntes Vangardistas Internacionais nas Letras Galegas

Entre as correntes vangardistas que apostan directamente pola incorporación das vangardas internacionais, tres terán especial presenza nas letras galegas: o futurismo, o surrealismo e o creacionismo.

O Futurismo

O futurismo de Marinetti e os «caligramas» do francés Apollinaire déixanse sentir na obra de Manuel Antonio ou Álvaro Cunqueiro, que perciben a innovación que esta tendencia imprimía na poesía do seu tempo.

O Surrealismo

O surrealismo, coas súas imaxes irracionais e a súa «escrita automática», percíbese en Poemas do si e non de Álvaro Cunqueiro.

O Creacionismo

O creacionismo, que postula o poema como «máquina de significar» a través da metáfora múltiple, ten un dos seus máis importantes cultivadores na figura de Manuel Antonio, autor do libro de poemas De catro a catro (1928), que supón unha auténtica ruptura coa tradición literaria previa. Os dezanove poemas deste libro ofrecen unha visión vangardista, con imaxes e linguaxe innovadoras, dunha travesía marítima que o poeta sente como medio de coñecemento cósmico e persoal.

Conclusión

En resumo, as vangardas galegas, nas súas vertentes autóctona e de adaptación das tendencias internacionais, operan como tentativas de subverter os modelos herdados e conectar a poesía galega coa modernidade.

Entradas relacionadas: