A Poesía de Vangarda en Galicia: Ismos, Autores e Obras Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,56 KB
O movemento vangardista en Europa representa unha ruptura radical coa tradición artística e literaria anterior. As vangardas son os movementos artísticos e literarios xurdidos en Europa nas tres primeiras décadas do século XX.
Este cambio foi favorecido por unha serie de factores históricos e culturais, como as conmocións da Primeira Guerra Mundial, as tendencias filosóficas irracionalistas e a posición marxinal do artista na sociedade. As diferentes tendencias ou correntes vangardistas coñécense como ismos.
A Vangarda en Galicia: A Xeración do 25 e do 36
As xeracións posteriores á Xeración das Irmandades (1916) e á Xeración Nós (1920) son a Xeración do 25 e a Xeración do 36. Estes grupos incorporáronse ás organizacións tanto políticas como culturais ligadas ás Irmandades e a Nós. Os membros da Xeración do 25 e do 36 tiveron como referencia o maxisterio do grupo Nós, sendo tamén os renovadores da poesía galega dentro da liña vangardista.
Principais Ismos da Vangarda Galega
Non todos os ismos galegos foron totalmente vangardistas. Dentro do que podemos considerar auténtica vangarda galega, distinguimos os seguintes:
O Cubismo
O artista cubista crea, non copia a realidade, que se percibe intelectualmente, carente de anécdota narrativa, sentimentalismo ou humor. O poema cubista é unha xustaposición instantánea de imaxes ou estampas autónomas e desligadas.
O Creacionismo
Comparte co cubismo o feito de non imitar a natureza, o antisentimentalismo e que a creación poética é un acto racional realizado a través da imaxe, de maneira racional pero totalmente libre.
O Surrealismo
Opóñendose ao racionalismo cubista e creacionista, o surrealismo concede gran relevancia ao inconsciente e ao elemento irracional do ser humano. De aí a práctica da “escrita automática”, a importancia dos soños, as alucinacións ou as obsesións. Con todo, a poesía galega deste período carece dun forte movemento vangardista, sendo a súa chegada tardía.
O Hilozoísmo ou Imaxinismo
Os nomes deste ismo débense á consideración cambiante e dinámica da natureza (hilozoísmo) ou ao emprego particular das imaxes poéticas (imaxinismo) en poemas formalmente de tipo tradicional.
O Neotrobadorismo
Con orixe na poesía neotrobadoresca do escritor portugués Afonso Lopes Vieira, tampouco supón unha ruptura coa tradición na medida en que este ismo está fundamentado na lírica medieval trobadoresca galego-portuguesa, tanto no aspecto formal como no temático, aínda que si hai unha relectura con estética moderna e vangardista.
Autores e Obras Destacadas da Vangarda Galega
Dos principais autores e obras ligados ao vangardismo galego podemos destacar:
Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927)
Publicou Proel (1927) e O Galo (póstuma, 1928). Con estas obras, crea a corrente hilozoísta ou imaxinista, que non significa unha ruptura total coa tradición ao mesturar, tanto no contido como na forma, elementos tradicionais con elementos innovadores:
- Elementos tradicionais: tratamento de ambientes rurais e mariñeiros na liña da poesía do século XIX; emprego de recursos tradicionais como a rima ou a medida dos versos propios da métrica popular.
- Elementos innovadores: natureza rural dinámica e antropomórfica; ausencia do protagonismo da figura humana; introdución de anglicismos.
Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 - Santiago, 1973)
A súa obra poética acada a maior relevancia dentro da corrente neotrobadoresca co poemario Nao Senlleira (1933). Na posguerra publica un novo libro, Seitura (1955). A súa poesía ten unha grande perfección formal, riqueza léxica e un tratamento persoal dos temas e recursos da lírica medieval.
Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930)
Representa o prototipo de artista de vangarda: rebelde, rupturista, antiacademicista e inconformista. Na súa evolución poética, distínguense tres etapas:
- Etapa de formación ou prevangardista.
- Etapa de ruptura vangardista.
- Etapa de retroceso na audacia vangardista.
Son características xerais da poesía vangardista de Manuel Antonio:
- Ausencia de “argumento” no poema.
- Presenza constante dun referente mariño.
- Espazos en branco e peculiar disposición tipográfica dos versos.
- Ruptura discursiva, gramatical e semántica do poema.
- Introdución doutros elementos diferentes aos tradicionalmente “poéticos”.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981)
Xunto con Manuel Antonio, é o principal representante da poesía galega de vangarda antes da Guerra Civil. Destacan libros como:
- Mar ao Norde (1932): de influencia basicamente cubista pola preocupación xeométrica do poema, a disposición espacial dos versos, etc.
- Poemas do Si e Non (1933): introduce o surrealismo na literatura galega, centrándose nunha falsa historia de amor.
- Cantiga Nova que se Chama Ribeira (1933): neotrobadorista, con poemas tamén neopopularistas e algún surrealista.
Continuará a corrente neotrobadorista despois da Guerra Civil con Dona de Corpo Delgado (1950).