A Poesía de Vangarda en Galicia: Innovación e Tradición
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,26 KB
A Poesía de Vangarda
As vangardas son movementos que afectaron a diversas artes en Europa no período de entreguerras (1918-1939). As vangardas coñeceron diversas orientacións dentro dunha proposta común: romper cos moldes e pautas artísticas anteriores. Foron, sobre todo, moi importantes na pintura (fin do figurativismo, chegada do abstracto) e na poesía (contra os moldes tradicionais, as novas imaxes poéticas). As vangardas tamén son coñecidas como ismos, pois as súas diferentes propostas estéticas remataban con ese sufixo (cub, dada...). Moi frecuentemente, as propostas estéticas destes ismos viñan plasmadas en manifestos. A vangarda é recibida en Galicia nunha época de forte efervescencia galeguista: é a época das Irmandades da Fala e do Grupo Nós, defensores da identidade galega por un lado, pero tamén partidarios de universalizar a cultura galega coas achegas europeas en voga. Estas circunstancias fixeron que as vangardas poéticas galegas ofrezan dúas orientacións: unha vangarda matizada, que non se desprende completamente de elementos da nosa tradición literaria, e unha vangarda plena, abertamente rupturista. En ambas, os seus protagonistas participaron activamente na publicación de revistas de vangarda nas que deron a coñecer as súas propostas.
1. Vangarda Matizada
Dentro dela encádranse o hilozoismo e o neotrobadorismo.
- Hilozoismo: Tivo presenza na literatura galega a través da obra de Luis Amado Carballo. Quere dicir animación da natureza e nisto consiste esencialmente a súa poesía; publicou en vida "Proel" e póstumamente "O Galo". O matiz do seu vangardismo consiste en dous aspectos: tematicamente non se desprende da poesía da paisaxe, cultivada xa desde o século XIX, e formalmente recorre á rima e á métrica de arte.
- Neotrobadorismo: É un sismo que só se deu en Galicia. Xorde como consecuencia do enorme impacto positivo que, no ambiente das Irmandades, supuxo a partir de 1928 a divulgación das cantigas medievais galego-portuguesas. Isto supoñía para a historia da literatura galega ter uns inicios como os de calquera outra literatura europea, no século XII, e non ser unha literatura de recente creación e carente de tradición. Algúns poetas galegos decidiron facer a súa homenaxe aos trobadores, compoñendo estrofas á maneira medieval pero con temas modernos e, sobre todo, con imaxes poéticas, netamente vangardistas. O iniciador foi Bouzas Brey con "Nao Senlleira", que aínda que é pouco vangardista, e Álvaro Cunqueiro con "Cantiga Nova que se Chama Riveira", ambos poemarios de 1933.
2. Vangarda Plena
Cultiváronse en Galicia estas orientacións:
- Creacionismo: Cultivouno sobre todo Manuel Antonio, o máis rupturista e abertamente vangardista de todos os poetas galegos. O creacionismo postula unha ruptura absoluta cos temas e coas formas anteriormente cultivadas; o poema debe ser unha sucesión de imaxes novidosas e orixinais que se van creando unha tras outra. Rompe co ritmo, coa rima, coa estrofa e mesmo coa lóxica gramatical.
Manuel Antonio deu a coñecer o seu manifesto "¡Mais Ala!" onde critica os escritores que seguen imitando os modelos dos mestres do século XIX, e tamén aos que publican a súa literatura en castelán, en especial Valle-Inclán. Radicalmente nacionalista, toda a súa produción está escrita en galego. A súa obra máis destacada é o poemario "De 4 a 4", crónica, en 19 poemas, da navegación do poeta nunha longa viaxe mariña transoceánica. A maior parte do poema son estampas e reflexións captadas durante a longa e monótona navegación. As imaxes desta obra e o seu léxico rompedor poñena á cabeza da poesía vangardista da súa época. Outros poemarios vangardistas de Manuel Antonio son todos eles póstumos: "Con Anacos do Meu Interior", "Foulas", "Sempre e Mais Despois".
Álvaro Cunqueiro tamén seguiu outras orientacións de vangarda:
- Cubismo: No libro "Mar ao Norde", formado por breves poemas nos que o mar é sempre o motivo central.
- Surrealismo: O tipo de imaxes que predominan no libro "Poemas de Si e Non", que relata unha historia de amor e erotismo.