A Poesía Social Galega da Xeración dos 50: Temas e Impacto de Celso Emilio Ferreiro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,96 KB
A Xeración dos 50 e a Poesía Social Galega
1. Razóns para a Poesía de Tema Social na Xeración dos 50
As principais razóns que levaron aos poetas da Xeración dos 50 a traballar a poesía de tema social foron basicamente dúas:
- Por unha banda, a publicación do poemario Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro, que serviu de acicate para espertar as conciencias dos seus contemporáneos. Este libro de poemas recollía, en ton universalista, as ideas antibelicistas e de denuncia da opresión e da falta de liberdades que moitos dos autores da xeración tomaron como modelo.
- En segundo lugar, as reminiscencias da Guerra Civil e o achegamento á cultura europea (que permitiu detectar a falta de liberdades existente en España).
2. Cinco Liñas Temáticas na Poesía da Xeración dos 50
Podemos distinguir principalmente cinco liñas temáticas entre as cultivadas polos membros da Xeración dos 50:
- En primeiro lugar, na década dos cincuenta apréciase unha liña existencialista e da literatura do absurdo, que ten como eixe principal os conflitos internos e externos co contorno que rodea os poetas, así como o relato de vivencias persoais dotadas de grande intensidade.
- Unha segunda liña é a da poesía social, tal e como vimos na sección anterior; esta vertente caracterízase polo seu fondo compromiso social e polo afán de denuncia da falta de liberdades en Galicia.
- A terceira liña temática, que poderiamos chamar paisaxista, engloba aqueles poemas que teñen como motivo principal a natureza agreste e virxe, o mundo rural, urbano e mariñeiro, e en definitiva aqueles temas comúns a todos os galegos e galegas.
- En poetas como Avilés de Taramancos podemos atopar a cuarta liña temática; esta contén reminiscencias mitolóxicas e centra a súa atención na recuperación de mitos e historias épicas da historia galega e universal.
- Finalmente temos a liña temática da poesía intimista de tema amoroso, que é a máis feble, á cal pertencen os poemas dos últimos anos da ditadura.
3. A Poética de Celso Emilio Ferreiro: Compromiso e Renovación
Celso Emilio Ferreiro, ao contrario que os homes da xeración das vangardas, avogaba por unha poesía social, cívica, comprometida e de denuncia dos males sociais e das inxustizas que tiña que padecer o pobo galego. A liña social é, polo tanto, a dirección fundamental da literatura do escritor celanovés.
Para o autor de Longa noite de pedra, a misión da súa obra poética é a de expresar a época que lle tocou vivir e as relacións do ser humano coas circunstancias históricas e sociais, a través dunha renovación e actualización constante da expresión lírica. Xa que logo, a poética de Celso E. Ferreiro está totalmente centrada no seu compromiso social; a importancia que se lle concede á estética é mínima, polo que nas súas composicións predominan o verso libre e a métrica variada como instrumentos para expresar e divulgar as súas ideas e pensamentos.
Celso E. Ferreiro concédelle un poder liberador á palabra, como forma de coñecemento e de conciencia da realidade. Por este motivo, a súa concepción da poesía transcende o mero plano estético para constituír un elemento redentor e modificador de condutas.
4. O Impacto e Legado de Celso Emilio Ferreiro
Nunha época de censura, medo, terror, fame e morte, Celso Emilio Ferreiro erixiuse como unha das primeiras persoas en denunciar a situación política e social dunha España en decadencia. A súa obra mestra, Longa noite de pedra, abriu os ollos a numerosas mozas e mozos con ansias de liberdade e de cambio, que andaban á procura dunha nova situación para o seu pobo.
A obra de Celso E. Ferreiro repercute intensamente na súa época debido a que a súa poética transcende o ton confesional (baseado, por outra banda, nas súas vivencias persoais) para erixirse en cifra da dor colectiva. A universalidade da súa poesía vai máis aló do momento concreto que se estaba a vivir en Galicia tras o 36, xa que recolle e é aplicable a todas aquelas situacións de inxustiza vixentes no mundo.
Celso E. Ferreiro será para moitas xeracións de posguerra un líder, un precursor, non só no referente á poesía, senón tamén nas ideas e anhelos de liberdade e democracia que se agochaban nas mentes de moitos mozos e intelectuais.