Poesía e Lingua Galega: Un Percorrido pola Segunda Metade do Século XX
Enviado por xacobN y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,14 KB
A Poesía Galega Contemporánea: Dos 80 aos 90
A Xeración dos 80: Renovación e Culturalismo
No eido da poesía, a primeira metade dos oitenta supón a consolidación definitiva da renovación poética que comezara durante a década anterior, sobre todo a través da irrupción no panorama galego dunha nova fornada de voces que presentan a Idade de Ouro do noso universo poético. Estes poetas, coñecidos baixo a denominación de Xeración dos 80, presentan unha serie de características comúns que os cohesionan como grupo:
- A publicación dos volumes colectivos De amor e desamor I (1984) e De amor e desamor II (1985).
- A súa colaboración en revistas como Dorna e Luzes de Galiza.
- A súa participación no Festival de Poesía do Condado.
Ademais destas características xeracionais, a produción poética destes novos poetas caracterízase polo afán culturalista e o decadentismo estético, que producen un distanciamento entre o poeta e a sociedade. A súa produción supón unha síntese entre a modernidade e a tradición, aínda que sen esquecer a exploración de novos mundos e artificios poéticos. Nas súas composicións mantéñense fieis á liña intimista, de expresión de sentimentos do eu poético. A linguaxe é sometida a un proceso de experimentación en base á súa concepción da linguaxe como arte, e non como a simple transmisora dunha mensaxe. Todos estes novos poetas teñen tamén en común a súa admiración por dúas voces poéticas máis vellas: Cunqueiro e Manuel Antonio.
A Xeración dos 90: Innovación e Novas Temáticas
Na década seguinte fai a súa aparición no panorama poético galego unha nova fornada de trobadores coñecidos como a Xeración dos 90. Este novo grupo vai iniciar un profundo e positivo proceso de transformación da poesía. Este cambio de situación na lírica galega débese fundamentalmente a que os poetas dos oitenta están en plena madurez expresiva e de calidade, á aparición de poetas que xeracionalmente pertencerían a unha etapa anterior pero que ata o momento non se deran a coñecer, e á irrupción de poetas máis novos que se dan a coñecer a través de volumes colectivos ou individuais e que gañan diversos premios.
As novas voces fan unha aposta forte pola innovación e a exploración de novos núcleos temáticos, pero tratando de harmonizar esta ruptura coa tradición poética anterior. Hai un abandono do culturalismo a favor dunha maior presenza das vivencias, focalizadas a través dunha linguaxe directa. A palabra convértese na esencia do poema. Metricamente, conviven a aposta polos metros clásicos (poetas como Miro Villar recuperan o soneto) co versolibrismo que cultivan moitos destes novos poetas, chegando en moitos casos case ao prosaísmo, co emprego de versos longos, como é o caso de poetisas como Yolanda Castaño ou Emma Pedreira.
Contexto Sociolingüístico do Galego na Posguerra
A Lenta Recuperación nos Anos 50
No ano 1936 prodúcese o alzamento militar e o freo á normalización no uso do galego nos ámbitos público e literario, un labor impulsado polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós. Non foi ata a década dos 50 cando se iniciou un proceso lento de recuperación de ámbitos de uso e de prestixio para a lingua. A iniciativa máis sobranceira foi a fundación da Editorial Galaxia. Esta editorial recupera autores xa consagrados e dá a coñecer novos autores na colección Illa Nova, labor que se complementa coa edición da revista cultural Grial. A reaparición de obras editadas en galego condiciona a necesidade dunha norma, e Galaxia imporá unha tendencia marcada pola simplificación do galego escrito, eliminando os apóstrofos e simplificando os guións e os diferentes tipos de acento. Tamén se impón a necesidade de eliminar arcaísmos e hiperenxebrismos e a adaptación da lingua ao ámbito urbano.
Obras Fundamentais da Posguerra
A xeración de posguerra dá ao prelo obras significativas como as seguintes:
- Historia da Literatura Galega Contemporánea e Gramática elemental del gallego común, de Carballo Calero.
- O Diccionario enciclopédico gallego-Castellano de Eladio Rodríguez.
- O Diccionario galego-castelán de Xosé Luís Franco Grande.
A gramática de Calero recolle o traballo feito por Saco e Arce e mellórao grazas á súa formación lingüística. Os dicionarios, pola súa banda, seguen carecendo do rigor científico dos do século anterior.
Revitalización Cultural e Recoñecemento Legal
A década dos sesenta supón a revitalización da actividade cultural. Aparecen asociacións culturais en toda Galicia (O Galo, O Facho...). Do mesmo xeito, comezan a xurdir organizacións políticas clandestinas que empregan o galego como lingua en panfletos e manifestacións.
A finais da década dos sesenta, o galego entra nunha nova etapa ao gozar de recoñecemento legal a través da Constitución española e, na década seguinte, do Estatuto de Autonomía.