A Poesía das Irmandades da Fala: Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Varela

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,97 KB

A Poesía nas Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala, resultado do chamamento de Antón Vilar Ponte aos intelectuais galegos e iniciadas na cidade da Coruña en 1916, tiñan como principal obxectivo a reivindicación da lingua e da cultura galega. Para isto, crearon os medios necesarios para divulgar obras en galego, como foron as editoriais.

Ademais, contribuíron á modernización da nosa literatura e á formación dun público lector na nosa lingua, e estaban vinculadas aos grandes escritores en galego da época, pois moitos formaban parte delas. No tocante á poesía, cabe destacar a **Ramón Cabanillas** e a **Antonio Noriega Varela**.

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

Ramón Cabanillas, coñecido como **“O Poeta da Raza”**, estivo vinculado ao agrarismo e ás Irmandades, e serviu de ponte entre os poetas do Rexurdimento e a poesía do século XX. Na súa obra podemos diferenciar catro etapas:

  1. Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915)

    Nesta etapa obsérvase unha mestura da poesía do Rexurdimento con trazos modernistas, e trata a temática da emigración e da pésima situación do campesiñado. Pertencen a ela No desterro. Visións gallegas e Vento mareiro. Tamén se inclúe aquí a obra teatral A man de Santiña.

  2. Etapa galeguista (1916-1920)

    Nesta etapa adóptase unha postura didáctica para achegar o galeguismo ao pobo. Pertencen a ela Da Terra asoballada e a segunda edición de Vento mareiro.

  3. Etapa mítico-saudosista (1921-1930)

    Nesta etapa trátase a Bretaña medieval na obra Na noite estrelecida, composta polos poemas narrativos:

    • “A espada Escalibor”
    • “O cabaleiro do Sant-Grial”
    • “O soño do rei Artur”

    Nestes poemas toma elementos pondalianos. Ademais, escribe xunto con Antón Vilar Ponte a obra teatral O Mariscal, baseada en Pardo de Cela.

  4. Etapa da posguerra ou segunda madurez (1939-1959)

    Cando xa parecía que rematara a súa obra, Cabanillas publica dous novos poemarios e dúas escolmas.

Antonio Noriega Varela e a Poesía do Ermo

Antonio Noriega Varela comezou a súa carreira literaria gañando en 1895 un certame poético coa composición costumista “De ruada”. Porén, a súa obra poética está composta por un único libro: Do ermo.

Nel aprécianse trazos do saudosismo e do franciscanismo, e ten como temática fundamental a paisaxe. Nesta obra aparece a natureza contemplada con tenrura por parte do autor, quen desenvolve tópicos como o locus amoenus, beatus ille ou tempus fugit.

A Ponte entre o Rexurdimento e o Século XX

Os poetas das Irmandades supoñen, en definitiva, unha ponte entre os poetas do Rexurdimento e a poesía do século XX, que vén acompañada de novas tendencias poéticas como son o modernismo, o saudosismo e o franciscanismo.

Entradas relacionadas: