Poesía das Irmandades da Fala: Autores e Obras (Galego)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,74 KB
A Poesía das Irmandades da Fala
No ano 1916 iníciase un novo movemento político-cultural que recibe o nome de Irmandades da Fala. Un dos seus obxectivos fundamentais era a defensa e a difusión do galego a través da práctica.
Achegas Literarias das Irmandades
As achegas das Irmandades no ámbito literario son:
- Renovación estética, formal e temática.
- Promoción do cultivo do galego a través do uso en concursos, revistas e xornais.
- Ampliación do número de lectores.
- Apertura a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico).
- Espallamento da lingua a través da tradución de obras europeas (Otero Pedrayo traduce o Ulises de Joyce).
- Creación de editoriais (Céltiga e Lar).
- Promoción do teatro galego (crean o Conservatorio Nacional de Arte Galego e a Escola Dramática Galega).
- Promoción do traballo de coros populares.
Poetas Destacados
No xénero poético destacan os poetas Noriega Varela e Ramón Cabanillas.
Noriega Varela (1869-1947)
O poeta mindoniense representa a transición do século XIX ao XX. Toda a súa obra poética recóllese nun único poemario titulado Do ermo, que nas dúas primeiras edicións aparece baixo a denominación de Montañesas. As composicións deste poemario estrutúranse en:
- Poemas costumistas: Representan a continuidade co século anterior e recollen a dura vida dos labregos en contraposición á súa alegría nas festas e tradicións.
- Outros poemas: Presentan unha natureza inanimada na que cobran especial relevo as cousas pequenas. Esta segunda liña temática está influída por poetas como Teixeira de Pascoaes e caracterízase pola musicalidade e a linguaxe culta, a diferenza da primeira, que se caracterizaba pola reprodución da fala dos labregos.
Ramón Cabanillas (1876-1959)
A ruptura coa continuidade está representada pela produción poética do poeta cambadés Ramón Cabanillas. A súa obra poética, marcada pola presenza do modernismo e da influencia de poetas como Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, divídese en poesía lírica e poesía narrativa.
Integran a poesía lírica composicións como:
- No desterro (1913)
- Vento mareiro (1915)
- Da terra asoballada (1917, 1926)
Estas foron publicadas antes da Guerra Civil. Despois da guerra publicou:
- Da miña zanfona (1954)
- Samos (1958)
- Versos de alleas terras e tempos idos (traducións de autores clásicos e modernos).
Os poemarios da primeira época seguen tres liñas temáticas claramente definidas:
- Intimista: de influencia rosaliana.
- Cívica: na liña de Curros, e moi vinculada á súa etapa agrarista.
- Costumista: Cabanillas introduce trazos innovadores de influencia modernista a esta liña da poesía do século XIX.
Conforman a súa poesía narrativa dúas composicións:
- O bendito San Amaro (1926, inacabada)
- Na noite estrelecida (1926)
A primeira recolle a vida deste santo galego. No caso da segunda, Na noite estrelecida, realiza unha revisión da materia de Bretaña medieval, galeguizándoa e inseríndoa na cultura galega. A obra estrutúrase en tres sagas ("A espada Escalibor", "O cabaleiro do santo Grial" e "O soño do rei Artur") escritas en versos alexandrinos mesturados con romances e sextinas.