A Poesía das Irmandades da Fala: Autores e Contexto Histórico

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,5 KB

A Poesía das Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala tiñan como obxectivo a reivindicación da lingua e cultura galegas. A primeira constituíuse en 1916 na cidade da Coruña, por iniciativa de Antón e Ramón Vilar Ponte, aos que se uniron Manuel Lugrís, Lois Porteiro, Xoán Vicente Viqueira, Peña Novo, Ramón Cabanillas e, máis tarde, Vicente Risco e Otero Pedrayo. Constituíronse Irmandades por toda Galicia, e publicaban as súas ideas no seu xornal A Nosa Terra. En 1918 celebrouse a I Asemblea Nacionalista, que marcou o nacemento do nacionalismo galego. En 1922 celebrouse outra Asemblea en Monforte na cal se discutiron dúas posturas: unha partidaria da participación activa na política, defendida por Peña Novo, e outra que prefería manter a actividade no aspecto cultural, defendida por Vicente Risco. Gañou esta última, que continuou o seu labor cultural a través do Grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos.

Un dos labores fundamentais das Irmandades foi a creación de editoriais que facilitaron a publicación de novela e teatro a través das súas coleccións literarias. Entre as máis importantes están a colección Terra a Nosa!, Céltiga ou Lar (antecedente da revista Nós).

Autores

Ramón Cabanillas

Vinculado aos movementos agrarios, ás Irmandades da Fala, á Revista Nós e ao Seminario de Estudos Galegos. A súa poesía serve de ponte entre os poetas do Rexurdimento e a poesía do século XX. Na súa obra podemos ver tamén a influencia da poesía greco-latina e da poesía popular galega.

Etapas da súa obra:

  1. Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915). Presenta unha asimilación da tradición poética do Rexurdimento xunto coa incorporación de trazos métricos e estilísticos do Modernismo. Pertencen a esta etapa: No desterro. Visións gallegas e Vento mareiro, neles aparece a temática da emigración e a denuncia da situación do campesiñado.
  2. Etapa galeguista (1916-1920). Presenta unha postura didáctica co fin de achegar o galeguismo ao pobo. A esta época pertencen os poemarios Da Terra asoballada, a segunda edición de Vento mareiro.
  3. Etapa mítico-saudosista (1921-1930): Na noite estrelecida (composta por tres poemas nos que actualiza a materia de Bretaña).
  4. Etapa de posguerra (1939-1959). Publica Da miña zanfoña, Samos, Antífona da cantiga, e Versos de alleas terras e tempos idos.

Antonio Noriega Varela

Coñecerá a Antón Vilar Ponte e entrará en contacto co movemento agrario. A súa poesía está influenciada polo saudosismo e o Franciscanismo e ten como temática fundamental a paisaxe. A súa obra poética está composta por un só libro, Do ermo, no que aparece sobre todo a natureza contemplada polo autor, quen desenvolve os tópicos literarios do locus amoenus, Beatus ille, contemptus mundi, ou tempus fugit.

Outros poetas do tempo das Irmandades

GONZALO LÓPEZ ABENTE, influenciado por Pondal e Cabanillas e marcadamente modernista (Nemancos).

VICTORIANO TAIBO, discípulo de Cabanillas, autor do poemario Abrente.

Os poetas das Irmandades supoñen unha ponte entre os poetas do Rexurdimento, dos cales son herdeiros directos, e a poesía moderna, posto que incorporan á súa obra novas tendencias poéticas como o Saudosismo, o Franciscanismo ou o Modernismo.

Entradas relacionadas: