Poesía Galega: Vangardas, Noriega Varela e Cabanillas

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,06 KB

As Vangardas e a Poesía Galega

As Vangardas

Son un conxunto de movementos artísticos internacionais desenvolvidos entre 1910 e 1930, sobre todo en Europa. O obxectivo dos movementos de vangarda era superar a concepción clásica da arte como imitación da realidade, procurando novas formas de interpretar o mundo. Os seus principios xerais foron:

  • A liberdade creativa.
  • A arte pode ser irracional e visionaria, expresando o mundo dos soños ou o subconsciente.
  • A arte debe procurar a novidade e a orixinalidade e ter un sentido lúdico e transgresor.

As vangardas reciben o nome de ismos. Destacan o futurismo, o cubismo, o dadaísmo, o surrealismo e o creacionismo.

A Poesía de Vangarda en Galicia

Poetas mozos como Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza-Brey e Manuel Luís Acuña mostran novos xeitos de facer poesía. A poesía de vangarda supuxo a desaparición de barreiras tanto temáticas coma formais e semánticas: cultivouse o verso libre, alterouse a sintaxe, desapareceron os signos de puntuación e ampliouse a base semántica das figuras literarias. Pódese falar de tres tendencias diferentes:

  • O vangardismo creacionista de Manuel Antonio.
  • O imaxinismo ou hilozoísmo de Luís Amado Carballo.
  • O neotrobadorismo de Fermín Bouza-Brey e Álvaro Cunqueiro.

As revistas literarias foron moi importantes para a difusión das vangardas. Entre elas cómpre destacar: Alfar e Ronsel (anos 20), Yunque, Papel de Color, Cristal e Resol (anos 30).

O Creacionismo: Manuel Antonio

Naceu en Rianxo en 1900. Foi desde moi novo unha persoa inconformista e comprometida, vinculada co nacionalismo das Irmandades da Fala e do Grupo Nós. Só publicou un poemario titulado De catro a catro (1928). Esta é unha das obras máis orixinais da poesía galega. Son 19 poemas que mostran unha travesía marítima que representa tamén unha viaxe interior do ser humano. A súa técnica poética recolle a súa influencia vangardista, sobre todo do creacionismo.

O Imaxinismo: Luís Amado Carballo

(Pontevedra, 1901-1927). Publicou en vida Proel (1927) e publicáronlle postumamente O Galo (1928). A súa obra non significa unha ruptura total coa tradición. A súa obra está influenciada pola corrente inglesa do imaxinismo.

O Neotrobadorismo: Cunqueiro e Bouza-Brey

Cando Xosé María Nunes editou as cantigas de amor, influíu nun grupo de poetas novos que crearon o neotrobadorismo. Isto consistiu nunha recreación libre dos temas amorosos e do estilo paralelístico das cantigas trobadorescas. Os principais cultivadores foron:

  • Álvaro Cunqueiro: publicou Cantiga nova que se chama Riveira (1933) e Dona do corpo delgado (1950). Tamén escribiu dous poemarios con tendencia vangardista: Mar ao norde (1932) e Poemas do si e non (1933).
  • Fermín Bouza-Brey: escribiu o poemario neotrobadorista Nao senlleira (1933).

Noriega Varela e Cabanillas: Poetas Galegos

Antonio Noriega Varela: O Cantor da Montaña

(1869-1947). Naceu en Mondoñedo e formouse no seminario desa cidade. Revelouse nos seus inicios coma un poeta costumista, cunha fina sensibilidade para cantar as excelencias da montaña galega. Coa madurez incorpora o saudosismo portugués, movemento poético simbolista que ve na saudade a esencia do pobo e da cultura portugueses. Esta influencia apréciase no tratamento do tema da soidade. É autor dun único libro, Montañesas (1904), que a partir da súa terceira edición pasouse a chamar Do ermo.

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

(1876-1959). Naceu en Cambados e estudou no seminario de Santiago de Compostela. No ano 1910 emigrou a Cuba, publicou as súas primeiras obras e entrou en contacto co galeguismo. Ao volver a Galicia implicouse no proxecto ideolóxico e cultural das Irmandades da Fala e colaborou no Grupo Nós. A obra poética de Cabanillas é moi extensa, pero destacan:

  • A poesía lírica:
    • De carácter intimista (referidas ao amor e á natureza).
    • De carácter costumista (referidas a temas rurais cunha nova perspectiva crítica e humorística).
    • De carácter cívico (que recollen os postulados agraristas e nacionalistas).
    Os seus libros líricos máis importantes son: No desterro (1913), Vento mareiro (1915), Da terra asoballada (1917) e A rosa de cen follas (1927).
  • Na súa poesía narrativa colle de Pondal o ton mítico e prehistórico. A súa obra máis importante é Na noite estrelecida (1926) e tamén destaca O bendito San Amaro (1925).

Entradas relacionadas: