A Poesía Galega de Posguerra: Movementos e Autores Clave (1950-1979)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,07 KB
Celso Emilio Ferreiro: O Eixo do Socialrealismo Lírico
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979) eríxese na figura principal da corrente lírica socialrealista, que será a máis practicada até a publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín. A súa poesía presenta tres grandes eixes temáticos:
O Soño Sulagado (1954)
Un libro dominado polo clima existencialista dos anos 50, que crea un universo simbólico caracterizado pola presenza da angustia e da dor existencial, a soidade, a morte, o “paraíso perdido” da infancia, a paisaxe e a terra natal.
Longa Noite de Pedra (1962)
Con Longa noite de pedra, a poética de Celso Emilio decántase cara aos temas sociais e o compromiso político cos marxinados da Terra, cuns trazos característicos como:
- A sinxeleza expresiva.
- A preeminencia da mensaxe sobre a forma.
- O humor, a ironía e o sarcasmo.
- O ritmo e a musicalidade dos seus poemas, que os fixo idóneos para a adaptación musical por diversos cantautores da década, contribuíndo deste xeito á súa difusión.
En canto aos temas máis salientables do libro, cómpre destacar:
- A denuncia da opresión, que inclúe a condena do capitalismo e o fomento dunha conciencia proletaria.
- O antibelicismo, ligado á súa experiencia como soldado na Guerra Civil.
- A crítica da ditadura franquista e a defensa da liberdade.
- A preocupación pola realidade galega, as súas xentes e a súa lingua.
Outras Obras de Celso Emilio Ferreiro
Outras obras do autor son Viaxe ao país dos ananos (1968, contra os emigrantes franquistas de Caracas), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), ou Onde o mundo se chama Celanova (1975).
A Segunda Xeración de Posguerra
A segunda xeración de posguerra está formada por escritores nacidos entre 1920 e 1930, formados na penuria económica e cultural dos primeiros anos do franquismo. Seguen modelos da literatura española, escribindo tamén en castelán, e actúan como ponte entre a xeración anterior e a seguinte, a das **Festas Minervais**. As direccións poéticas son en xeral as mesmas das xeracións do 25 e 36 e as escasas innovacións temáticas terán un desenvolvemento serodio.
Autores Destacados da Segunda Xeración
- Luz Pozo Garza (poesía vitalista), con obras como Códice Calixtino ou Prometo a flor de loto.
- Antón Tovar (existencialismo).
- Cuña Novás, que, asemade, foi fundador da nomeada **Escola da Tebra** co seu libro Fabulario novo (1952), destacando tamén polo seu ton existencial.
A Xeración das Festas Minervais
Coñécese con este nome a un grupo de poetas nacidos na década dos 30 e que irrompen no panorama literario galego dos anos 50 arredor da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se lles chamou **Xeración das Festas Minervais** por participaren todos eles nos certames poéticos que con ese nome se viñan celebrando na universidade compostelá desde o século XVII. Entre estes poetas podemos citar a figuras senlleiras como **Avilés de Taramancos**, **Manuel María** ou **Uxío Novoneyra**.
O Grupo Brais Pinto
Paralelamente, outro grupo de poetas desenvolve a súa obra en Madrid, cidade na que cursan os seus estudos; coñécese co nome de **Grupo Brais Pinto**, e pertencen a el, entre outros, estudantes como **X. Luís Méndez Ferrín** ou **Bernardino Graña**. A súa poesía, xurdida nun ambiente máis aberto, contén elementos temáticos máis radicais, conectando con movementos europeos e norteamericanos. Contra o final da década, algúns membros desta xeración, influenciados por Celso Emilio Ferreiro, dedicáronse a cultivar unha **poesía socialrealista** e comprometida (sobre todo Ferrín), e participaron activamente no cambio político xerado no nacionalismo galego.
Poetas Clave da Xeración das Festas Minervais
Entre os autores máis destacados desta xeración cómpre deternos nos seguintes:
Manuel María (1929-2004)
Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958) son algúns dos seus poemarios. A amplitude da súa obra dificulta a clasificación de Manuel María nunha única corrente poética, pois:
- Os dous primeiros libros caracterízanse polo ton existencial que os vincula á **Escola da Tebra**.
- En Terra Chá salienta a descrición da paisaxe, o que o aproxima á poesía de Novoneyra.
- A súa produción dos anos 60 e 70 enmárcase no **socialrealismo** e na poesía de compromiso político dominante nesta etapa.
Nos últimos libros, o poeta elabora unha poesía máis reconcentrada e saudosa.
Uxío Novoneyra (O Courel, 1930 – Santiago, 1999)
Escribiu, entre outras obras, Os Eidos (1955), Do Courel a Compostela (1966), Poemas caligráficos (1979). Posúe unha obra herdeira da tradición paisaxística anterior, pero en Novoneyra atopamos unha comuñón coa natureza do Courel, un existencialismo que nos amosa unha paisaxe vivida intimamente. Por outra parte, Novoneyra constrúe os seus versos cunha linguaxe na que predomina a exclamación e a aliteración fonosimbólica.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938)
É un autor clave na evolución da poesía galega contemporánea. O seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), manifesta a influencia existencialista da Escola da Tebra. A poesía producida nos anos 60, publicada na década seguinte baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, está fortemente marcada pola tendencia socialrealista, con fortes connotacións sociopolíticas.
Con pólvora e magnolias é o seu libro de poemas máis celebrado e está considerado como a obra capital que abriu novos camiños na lírica contemporánea (sintaxe fóra da norma, simbolismo, creación de novas formas a partir de esquemas estróficos xa existentes, experimentación na métrica...). Nesta liña seguirán obras posteriores súas como O fin dun canto ou Estirpe.
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932)
Os dous grandes temas da súa obra son a natureza (especialmente o mar, o que lle valeu o apelativo de “poeta do mar”) e o amor. Denuncia tamén a contaminación ambiental e a falta de humanidade do mundo que o rodea. Entre as súas obras podemos citar Profecía do mar, Se o noso amor e os peixes, Acendede as almenaras ou Himno verde.
Antón Avilés de Taramancos (Noia, 1935-1992)
Dentro da súa obra, que podemos dividir en dúas etapas (antes e despois da súa emigración a Colombia), atopamos temas como o amor, a natureza e a súa relación co home, a patria e a lingua. Son obras súas títulos como As torres no ar, Cantos caucanos ou O tempo no espello.