Poesía Galega na Posguerra (1936-1976): Xeracións e Autores Principais

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,34 KB

Poesía Galega entre 1936 e 1976

Como consecuencia da Guerra Civil, a produción literaria en galego desapareceu case por completo durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só foi posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fixeron poesía crítica e de compromiso. Dentro de Galicia, comezou unha tímida recuperación a partir de 1947 coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacable pola súa calidade. En 1949 saíu en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, e no ano seguinte constituíuse a Editorial Galaxia, que abriu o camiño para novas editoras en galego.

Tendencias Poéticas da Posguerra

Nun primeiro momento, continuaron tendencias poéticas de preguerra tematicamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco foron aparecendo formas novas nesta posguerra (aínda que xa tratadas antes na nosa literatura): intimismo —seguindo a liña iniciada por Rosalía de Castro—, clasicismo...

A forma poética máis característica foi a Escola da Tebra ou «poesía do neboeiro»: poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mesturaba contidos existencialistas e fórmulas surrealistas.

A finais dos anos 50 xurdiu o realismo coloquial, que fuxía da linguaxe poética tradicional e exploraba as posibilidades da linguaxe da rúa, abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta foi a liña temática absolutamente dominante ata mediados dos anos 70, cando comezou a producirse a súa decadencia pola abundancia e mais polo descenso de calidade poética, caendo no prosaísmo e no empobrecemento da linguaxe.

Xeracións de Poetas da Posguerra

Os poetas da posguerra adoitan agruparse en tres xeracións, seguindo criterios cronolóxicos:

  • A Xeración do 36
  • A Promoción de Enlace
  • A Xeración das Festas Minervais

A Xeración do 36

Estivo constituída por poetas que naceron entre 1910 e 1920. A guerra colleunos na súa xuventude, mais foran educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Foron poetas de culturas e estilos moi diferentes.

Formaron parte dela, entre outros:

  • Celso Emilio Ferreiro
  • Aquilino Iglesia Alvariño
  • Xosé María Díaz Castro
  • María Mariño

Cultivaron tendencias poéticas de preguerra como o imaxinismo, o neotrobadorismo e o paisaxismo, pero tamén incorporaron outras novas, como o socialrealismo (iniciado por Celso Emilio Ferreiro) ou o intimismoradical (representado por María Mariño). Algúns autores orientaron a súa produción cara ao clasicismo (volta formal ao rigor clásico).

Autores Destacados da Xeración do 36
Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961)

Antes da guerra publicou dous poemarios: Señardá (1930) e Corazón ó vento (1933). Nos dous percibíanse influencias das tendencias poéticas de preguerra: o imaxinismo, o hilozoísmo e o paisaxismo. En 1947 sacou Cómaros verdes, o primeiro libro publicado en galego despois da guerra. Nel seguiu a liña paisaxista de Noriega Varela. En 1960 publicou De día a día e, en 1961, Lanza de soedade, o seu libro máis persoal, no que o home (o poeta) aparecía mergullado nunha profunda angustia e o tempo era motivo de reflexión existencial.

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979)

Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:

  • Poesía intimista, influenciada polo existencialismo: Mostraba un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o levaba a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova; interrogábase sobre o sentido da vida, reflexionaba sobre o irremediable fuxir do tempo... A obra máis representativa desta vertente é O soño sulagado (1955). A esta temática volveu na súa última obra, Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte...
  • Escribiu tamén poemas amorosos para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo.

Entradas relacionadas: