Poesía Galega: Irmandades da Fala e Vangardas (Século XX)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,97 KB
A Poesía das Irmandades da Fala
No século XX nacen en Galicia movementos sociais e políticos clave como o agrarismo, o nacionalismo e o movemento obreiro. En 1916 xorden as Irmandades da Fala co obxectivo da defensa do galego, a recuperación da cultura e a afirmación nacionalista.
Antón Noriega Varela
A súa poesía acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico, mais tamén recibe influxos do modernismo e da literatura portuguesa. As súas obras principais son Montañesas e Do ermo, que presenta dúas etapas:
- Poesía costumista: Descrición da vida rural desde unha óptica conservadora. Tamén cultivou a poesía cívica relacionada co agrarismo.
- Poesía da montaña: Amor pola paisaxe montañesa, influenciado por autores portugueses.
Ramón Cabanillas
Coñecido como o "poeta da raza", recolle a temática do Rexurdimento introducindo elementos modernistas. A súa obra divídese en catro etapas:
- Etapa pregaleguista: Obras como No desterro e Vento mareiro, con temática do Rexurdimento e de carácter intimista, costumista e agrarista.
- Etapa galeguista: Da terra asoballada é poesía civil sobre Galicia, onde a oposición simbólica é Castela.
- Etapa mítica: Na noite estrelecida actualiza a materia de Bretaña, galeguizándoa para transmitir unha mensaxe nacionalista.
- Etapa de posguerra: Da miña zanfona e Samos, onde a temática predominante é a morriña e os desenganos.
A Poesía Vangardista
A vangarda é un conxunto de movementos artísticos que queren romper co anterior, propoñendo unha nova interpretación da arte. Os principais movementos internacionais foron:
- Futurismo: Iniciado por Marinetti, exalta a velocidade e o maquinismo cunha rapidez verbal, suprimindo adxectivos e adverbios.
- Cubismo: Sen signos de puntuación e con estrofas desordenadas para crear figuras xeométricas (caligramas).
- Dadaísmo: Libera a fantasía cunha linguaxe incoherente e ilóxica.
- Surrealismo: Presentación do mundo dos soños e do subconsciente.
- Creacionismo: O poema concíbese como unha realidade autónoma, independente da realidade exterior.
As Vangardas en Galicia
O Grupo Nós abre as portas ás vangardas co obxectivo de internacionalizar a cultura galega. Os vangardistas galegos pertencen maioritariamente á Xeración do 25, que rompe coa poesía anterior.
Surrealismo Galego
Álvaro Cunqueiro, en poemarios como Mar ao norde ou Poemas do si e non, mostra a libre asociación de ideas e a influencia dos soños, con trazos tamén cubistas.
Creacionismo Galego
Manuel Antonio é o máximo representante coa súa obra principal, De catro a catro, onde se simboliza unha concepción pesimista e repetitiva da vida a través da metáfora mariñeira. Pódese falar dunha estrutura superficial (a viaxe marítima) e unha estrutura profunda (a viaxe interior).
Hilozoísmo
Combina formas tradicionais coa deshumanización do poema e a humanización da paisaxe. O seu principal representante é Luís Amado Carballo con obras como Proel e O galo.
Neotrobadorismo
Recupera a lírica medieval (Nunes publicara as cantigas) engadindo imaxes e técnicas da poesía moderna. Distínguense dúas tendencias:
- Unha máis innovadora: Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Riveira), Fermín Bouza Brey (Nao senlleira).
- Outra máis mimética: Xosé María Álvarez Blázquez (Cancioneiro de Monfero).