A Poesía Galega das Irmandades da Fala: Contexto e Autores Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,6 KB
A Poesía das Irmandades da Fala: Contexto e Autores
No primeiro terzo do século XX producíronse cambios sociais importantes en Galicia. Foi a etapa das reivindicacións agrarias e da redención dos foros, coa conseguinte desaparición da fidalguía que os impoñía. Nas cidades desenvolveuse unha burguesía industrial e comercial que necesitaba man de obra, polo que aumentou a emigración do campo á cidade e apareceu o proletariado. En canto á emigración a América, continuou de forma intensa, como no século anterior.
O Panorama Literario Antes das Irmandades (Pre-1916)
Dende o punto de vista literario, podemos establecer dous períodos:
- O anterior a 1916 e, polo tanto, ás Irmandades da Fala, caracterizado pola repetición dos temas e as formas do Rexurdimento (costumismo, ruralismo, etc.).
- O período que as Irmandades inician, que supón a apertura do galego literario a xéneros distintos da lírica, pasando a empregarse na narrativa e no teatro, así como no ensaio, na investigación científica e na política.
Así, á primeira etapa pertencen autores como Antón Noriega Varela, na poesía; Manuel García Barros (Ken Keirades), na prosa; e Xosé San Luís Romero e Xavier Prado Rodríguez, no teatro.
Antón Noriega Varela: Poesía Rural e Intimista
O máis destacado é, sen dúbida, Noriega Varela, que publicou unha única obra poética, Do ermo (publicada en 1904 co primeiro título de Montañesas), logo ampliada e revisada en sucesivas edicións (a última en 1946). Nela destacan dúas liñas temáticas:
- Unha de poesía costumista, centrada na Galicia rural.
- Outra de poesía intimista, na que se aproxima á natureza adoptando un ton lírico e emotivo influído polo movemento saudosista portugués.
As Irmandades da Fala e a Nova Etapa Literaria (1916-)
A creación en 1916 da primeira Irmandade da Fala, na Coruña, por Antón Vilar Ponte, dá inicio a unha nova etapa de esplendor na literatura galega. Os intelectuais das Irmandades publican o semanario A Nosa Terra, crean editoriais como Céltiga ou Lar, e consolidan a ideoloxía nacionalista, xa non tanto baseada no pasado histórico, senón na lingua e na cultura propias, que defenden e desenvolven conscientemente. Ademais, dan gran importancia ao teatro como medio de concienciación ideolóxica e cultural das clases humildes.
Entre eles destacan:
- Na poesía: Ramón Cabanillas
- Na narrativa: Xosé Lesta Meis
- No teatro: Ramón Cabanillas e Armando Cotarelo Valledor
- No ensaio: Xoán Vicente Viqueira e Antón Vilar Ponte
Ramón Cabanillas: Figura Central da Literatura Galega
Ramón Cabanillas é a figura máis relevante desta etapa. Cultivou principalmente dous xéneros: o poético e o teatral.
A Poesía de Ramón Cabanillas: Liñas Temáticas e Obras
No xénero poético, sen romper coas figuras do Rexurdimento, tomou un novo rumbo estético da man do modernismo (influenciado por Rubén Darío) e dos poetas románticos europeos (como Heine e Bécquer). A súa poesía lírica presenta tres liñas temáticas:
- A cívica: cun labor de concienciación social, combatendo os foros.
- A intimista: manifestando a súa conmoción ante a natureza, o amor, etc.
- A costumista: tratando os costumes como reivindicación das nosas raíces.
Destacan dous títulos fundamentais:
- Da terra asoballada (1917)
- A rosa de cen follas (1927)
Poesía Narrativa e Teatro de Cabanillas
Na poesía narrativa, en cambio, aposta pola reconstrución do pasado mítico, adaptando a materia de Bretaña para relacionala con Galicia. Así xorde Na noite estrelecida (1926), poema narrativo composto por tres partes ou sagas e cunha finalidade ideolóxica evidente: a dignificación da nosa cultura. No estilo destacan o simbolismo, a adxectivación e riqueza modernistas, e a métrica, que combina romances e pareados de alexandrinos.
Por último, tamén no teatro buscou Cabanillas a dignificación do noso pasado, nesta ocasión a través da figura do mariscal Pardo de Cela en O mariscal (1926).