Poesía galega: fins do XX e comezos do XXI
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 5 KB
A poesía galega a fins do século XX e comezos do XXI
Temas e autores dos 80 e dos 90
1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia -e para España- a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e as revistas literarias.
No campo da poesía, Con pólvora e magnolias (xunto con Mesteres (1976) de Arcadio López Casanova) foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe, e aparece un novo estilo máis culturalista.
Nos anos oitenta as principais características definitorias da poesía galega son:
- Ruptura co socialrealismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
- Busca de novos suxeitos líricos (=negación da perspectiva autobiográfica)
- Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...)
- Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...)
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.
Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha escolma utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos.
A cabalo aínda entre o socialrealismo e as novas tendencias está Darío Xohán Cabana (1952). Moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos. Gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:
- Manuel Vilanova (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc.
- Xosé María Álvarez Cáccamo (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc.
- Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
Poetas e tendencias actuais máis relevantes
A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Á beira da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Á beira da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)
Algunhas características máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: insubmisión, ecoloxismo, feminismo.
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez... Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc.