A Poesía Galega Contemporánea: Tendencias e Renovación desde os Anos 70
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,27 KB
O Predominio da Poesía Social e a súa Crise
Na poesía dos autores de comezos dos anos 70, predominaba absolutamente a poesía social, seguindo as pautas poéticas e éticas de Celso Emilio Ferreiro. Unha boa mostra deste tipo de poesía é a antoloxía Os novísimos da poesía galega.
Esta poesía social era o froito serodio dunha veta que ía esgotándose e que unha certa inercia prolongaba, afogando a posibilidade de novas formas de expresión poéticas. Foi precisamente o seu máximo representante, Celso Emilio Ferreiro (CEF), quen fixo patente a crise do socialrealismo co seu libro Onde o mundo se chama Celanova.
Novas Liñas Temáticas e Formais
Así mesmo, os novos poetas galegos non teñen unha liña temática común, pero podemos destacar algunhas características xerais aplicables a todos eles, tanto desde o punto de vista temático como no formal. Desde o punto de vista temático, o culturalismo e o amor son os predominantes, mentres que o marco espacial elixido é o urbano, sendo excepcionalmente o rural. Desde o punto de vista formal, destácase a preocupación pola lingua, pola estética e outros aspectos formais, que se manifesta en rupturas sintácticas, introdución dun novo léxico, etc.
A Viraxe da Poesía Galega (1975-1980)
O cambio de rumbo da poesía galega entre 1975 e 1980 débese á diminución do interese dos lectores pola poesía comprometida coa chegada da democracia, e á viraxe cara o culturalismo e o experimentalismo.
Grupos Poéticos Renovadores
Xa cara a metade dos anos 70, xorden en Galicia unha serie de grupos poéticos que achegan unha clara renovación estética e pretenden ser unha alternativa para a poesía galega dos novos tempos. Estes son:
Alén: Renovación Lingüística
Estaba formado por Miguel Mato, Francisco Salinas e X. Ramón Pena. Naceu cun afán de renovación lingüística, pero, por carecer doutras fondas motivacións e por estar asumida na renovación estética, desapareceu axiña.
Cravo Fondo: Renovación Integral
Compoñíano Xesús e Xulio Valcárcel, Xesús Rábade, Ramiro Fonte e Fiz Vergara, entre outros. Intentan renovar a poesía galega en todo aquilo que configure a obra literaria.
Rompente: Ruptura e Actitude Libertaria
As súas creacións colectivas representaban unha ruptura das formas, unha actitude agresiva e libertaria, impulsada por Méndez Ferrín, e constituída por Alfonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Manuel Romón, Camilo Valdeorras e Antón Reixa.
Tendencias Poéticas Posteriores (Anos 80, 90 e Século XXI)
Consolidación do Urbano e Novas Correntes
A partir dos anos 80 e 90 aparecerán novas tendencias poéticas como a poesía da experiencia, a poética feminista ou a poética do coñecemento. Ademais, prodúcese a consolidación definitiva do mundo urbano e da sociedade de consumo.
A Poesía do Século XXI: Innovación e Difusión Dixital
Finalmente, a poesía do século XXI caracterízase fundamentalmente por abrir novas canles de creación e distribución da literatura a través de internet. No comezo deste século atopamos unha ampla produción poética que, por unha banda, continúa coas tendencias das promocións anteriores, pero que presenta tamén liñas temáticas propias como a relevancia da escrita feminista, a poesía social e comprometida con temas como a violencia de xénero ou a procura de novas canles de difusión, como as redes sociais, os blogs, etc. Algúns autores destacados desta época son Carlos Negro (Makinaria – 2009) ou Antía Otero ((Retro)visor – 2010).