Poesía Galega Contemporánea: Século XX e XXI

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,4 KB

A Poesía de Fins do Século XX e Comezos do Século XXI

O último terzo do século XX e os principios do século XXI caracterízanse por unha verdadeira manifestación poética e por unha evolución do xénero que desemboca na decadencia do socialrealismo anterior e na diversificación temática e formal.

A poesía anterior a 1976 centrábase no reclamo da normalización da lingua e na conquista de ámbitos de uso. Dous aspectos básicos que constitúen antecedentes claros da produción poética posterior son o maxisterio dos máis vellos e a decadencia da poesía socialrealista. A obra Os novísimos da poesía galega, dá nome a un grupo de autores, “os Novísimos”, que introducen o afondamento no intimismo e nas calidades formais.

No ano 1976, a partir da publicación de Con pólvora e magnolias de Ferrín e de Mesteres de A. López-Casanova, aténdese máis aos recursos formais e á dimensión estética do poema, introdúcense temas novos de carácter intimista, existencial, metafísico, mitolóxico e cultural. Os autores deste novo período reúnense en colectivos coma Rompente, cuxa primeira obra colectiva foi Crebar as liras, que posúen propostas innovadoras, Cravo Fondo, que publicaron un só libro colectivo co mesmo nome ca o grupo, Alén, que se deu a coñecer cun libro conxunto co mesmo nome, e De amor e desamor, que publicou dous libros con este título. Tamén cabe destacar o papel desempeñado por revistas coma Dorna, Loia ou Festa da Palabra Silenciada, fundada por Mª Xosé Queizán.

O grupo de autores dos oitenta rexeita a estética anterior. Estes posúen características comúns coma o culturalismo, que se reflicte na intertextualidade, a presenza de novas ciencias coma a filosofía ou a música, a preocupación pola forma e a incorporación de novos temas como os intimistas, culturalistas, sociais, de reflexión ou do medio. Os poetas deste grupo adóitanse separar en varias tendencias segundo as súas liñas poéticas.

Baixo a liña culturalista debemos incluír autores que reflexionan sobre temas coma o paso do tempo, a nostalxia, a beleza, o amor e o cosmos, coma Ramiro Fonte, con obras coma As cidades da nada ou Xardín do pasatempo, Miguel Anxo Fernán-Vello, con obras coma Do desexo en corpo e sombra, ou Xosé María Álvarez Cáccamo, con obras coma Os cadernos da ira.

Na poesía do cotián o autor máis representativo é Manuel Rivas, con obras coma Libro do Entroido ou Balada nas praias do oeste. A súa poesía caracterízase polos motivos da vida cotián, conflitos entre persoas e o retrato de espazos entre o rural e o urbano.

Na poesía intimista feminina destacan Pilar Pallarés con obras coma Entre lusco e fusco, nas que predomina o sentimento amoroso ligado ao sufrimento e mesmo á morte, e Ana Romarí, con obras coma Palabra de mar.

Na liña dos camiños senlleiros podemos destacar a Claudio Rodríguez Fer, que presta especial atención á poesía erótica en obras coma Poemas de amor sen morte ou Viaxes a ti.

Na década dos 90, os novos poetas necesitaron agruparse en colectivos como Serán Vencello ou Dolmen, e crear iniciativas editoriais para a publicación de obras de autores case sempre inéditos. Optaron por unha lingua prosaica e familiar, con variedades dialectais e un discurso baseado na forma ilóxica do dicir. Outros autores coma Miro Villar, con obras coma Ausencias pretéritas, ou Gonzalo Navaza, que escribiu A torre da derrota, pretendían continuar desenvolvendo os aspectos formais.

Na temática do discurso libertario, poñénse en evidencia os prexuízos e implicacións da linguaxe recibida. Destaca nesta liña o colectivo Ronseltz, que pretende evitar os estereotipos pola vía do humor e da parodia, e Yolanda Castaño, en cuxas obras se aprecia unha evolución dende a adolescencia e as vivencias eróticas ata a denuncia do consumismo e a reflexión sobre a beleza física e as apariencias, coma en Delicia ou Vivimos no ciclo das erofonías.

A liña do discurso hermético é de difícil intelixibilidade debido á súa densidade e á ausencia de orde lóxica, entre outras. Podemos destacar a Chus Pato, con obras coma Horas de escritura.

Entradas relacionadas: