Poesía Galega Contemporánea: Renovación e Tendencias desde 1975
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,6 KB
A Poesía de Finais do S. XX e Comezos do S. XXI
Coa morte de Franco (1975), comeza para Galicia (e para España) unha nova etapa democrática na que a cooficialidade do galego, xunto coa súa presenza no ensino, suporán un impulso sen precedentes para a nosa literatura (créanse novas editoriais, premios como o Blanco Amor e revistas literarias). Este cambio veu dado no eido da poesía por unha obra chea de protesta, Con pólvora e magnolias (Ferrín), que rompe co socialrealismo para abrir un novo panorama temático (existencialismo, metafísica, intimismo, política social…). Tamén se realizan renovacións en canto ao estilo.
Características da Poesía dos Anos Oitenta
As principais características da poesía dos anos oitenta foron:
- Distanciamento do poeta e a sociedade (ruptura co socialrealismo).
- Negación da perspectiva autobiográfica.
- Referencias culturais variadas (incluída a cultura urbana e marxinal: drogas, depresións…), e incorporación do erotismo explícito (gran novidade).
- Barroquismo, preocupación pola forma.
- Experimentos con outras disciplinas como a música.
Colectivos e Autores Destacados dos 80
Os primeiros intentos de renovación viñeron de colectivos poéticos como Rompente, Alén ou Cravo Fondo. A partir de 1980, a renovación poética plásmase a través de diversas correntes individuais, de xeito que cada autor pasa a ter un estilo particular. Resaltamos, por exemplo, a Manuel Vilanova (mítico e simbolista, destaca E direivos eu do mester de cobras), Cáccamo (Praia das furnas), Fernán-Vello (céntrase no erotismo, como en Do desexo en corpo e sombra) e Xohán Cabana (Canta de cerca a morte).
A Poesía a Partir dos Anos Noventa
A partir dos anos 90, o carácter individualista dos poetas fai máis difícil unificar tendencias. Aparecen marcados contrastes no ámbito formal (clasicismo fronte ao versolibrismo), temático (actitudes combativas centradas no sexo e as novas ideoloxías fronte a outras máis clásicas que falan do amor, a soidade, a morte…), da expresión (a expresión directa fronte ao simbolismo e o hermetismo), do contido (minimalismo fronte a poetas “torrenciais” nos seus versos)…
Trazos Comúns
Algúns trazos máis ou menos comúns poderían ser:
- Linguaxe directa, coloquial e próxima.
- Predominio dos recitais (favorecendo o contacto de poetas e ouvintes).
- Tratamento de novos temas sociais (feminismo, ecoloxismo…).
- Difusión da poesía a través da Internet (tanto en texto como en audio e vídeo).
Novas Voces e Temáticas
A pesar de que os autores de anos anteriores seguiron publicando, destacou unha importante incorporación de mulleres (Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez…) ao eido poético, traendo consigo a súa ideoloxía (feminismo e reivindicación da súa sexualidade, por exemplo). Tamén aparecen autores masculinos como Carlos Negro (Maquinaria).
Conclusión: Unha Época de Renovación
Os anos oitenta e noventa foron unha época novidosa para as nosas letras. A morte de Franco permitiu que florecesen novas tendencias e temáticas no campo da poesía que non tiñan lugar no ambiente represivo da ditadura. Múltiples autores (e agora tamén autoras), a partir de Ferrín, foron os artífices desta renovación, que continúa ata o día de hoxe.