Poesía galega (1936–1976): represión, exilio e renovación literaria
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,68 KB
Poesía galega entre 1936 e 1976: un antes e un despois
A Guerra Civil marcou un antes e un despois na historia de todos os países e culturas que integran a España contemporánea. Galicia non foi unha excepción. Desde os primeiros días da contenda, a produción xornalística en galego cae ata desaparecer case por completo. O bando sublevado contra a República amosou axiña o seu desafecto cara ás linguas e culturas periféricas. Aínda que o uso do galego seguía sendo maioritario en Galicia, redúcese aos rexistros informais e foi tolerado por ser o único idioma no que unha boa parte da poboación tiña competencia.
En canto á literatura na nosa lingua, durante os anos que durou a guerra apareceron algunhas obras en galego; o noso idioma foi utilizado en certas poesías de marcada carga ideolóxica procedentes de ambos os bandos enfrontados. A ausencia dunha produción literaria continuada e a perda da condición institucional e cultural viva abondan para afirmar que o quebranto causado sobre a nosa literatura foi sensible e duradeiro.
Posguerra e exilio
Na primeira posguerra, a literatura autóctona viuse na obriga de gardar un profundo silencio en Galicia. Moitas empresas culturais e escritores galegos procuraron refuxio no exilio americano. Unha mostra importante da nosa literatura verá a luz ou será reeditada durante estes anos na Arxentina, Venezuela, Cuba, México ou Uruguai. Bos Aires pasará a ser a capital cultural de Galicia.
A creación da editorial Galaxia en 1950 marca un feito histórico na recuperación da voz cultural galega desde o propio país. Supón, ademais, o punto culminante dunha serie de sucesos positivos, datados nos últimos anos dos anos 40, que testemuñan o lento renacer do noso discurso literario:
- Publicación de "Cómaros verdes" de Aquilino Iglesia Alvariño.
- Aparición da colección de poesía Benito Soto.
- Nacemento de pequenas empresas editoriais, como Bibliófilos Gallegos.
- Publicación semanal dun suplemento cultural no diario compostelán La Noche.
- Edición de revistas literarias bilingües como Mensajes e Alba.
Década dos 60 e primeiros anos dos 70
A década dos 60 e os primeiros anos dos 70 foron tempos axitados no terreo político e social. A poesía galega comeza marcada polo predominio da liña social e de denuncia, que acadará un considerable éxito na década seguinte. Xa desde comezos dos 70 percibíronse certos indicios de mudanza, tanto no ton como nas formas poéticas cultivadas por autores da chamada Xeración dos 50. A finais dos 70 xorden algúns colectivos poéticos renovadores, dos que o máis rupturista foi Rompente, recuperador en boa medida do espírito das vangardas.
Grupos xeracionais en posguerra
En Galicia, a diminución —mellor dito, interrupción— da produción editorial entre 1936 e 1950 provocou a irrupción case simultánea de tres grupos xeracionais no panorama da literatura de posguerra: a Xeración de 1936, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.
Xeración de 1936
Está constituída por escritores nados entre 1910 e 1920 e formados na II República. Nun principio recoñecíanse discípulos da Xeración Nós e da Xeración de Vangarda, pero non tardaron en sinalar as súas propias liñas temáticas. Moitos destes autores xa publicaran antes da guerra e outros constituirán grupo desde o exilio.