Poesía Galega: 1936-1976, Xeracións e Autores

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,29 KB

A Poesía Galega Entre 1936 e 1976

O período que abrangue a ditadura franquista acostuma ordenarse en tres xeracións ou grupos:

Xeración do 36

Os autores deste grupo formáronse baixo a influencia do Grupo Nós e das vangardas. Están fortemente marcados pola guerra e serven de ponte entre a literatura de preguerra e as promocións máis novas.

Destacan os seguintes autores:

  • Aquilino Iglesia Alvariño: O seu poemario Cómaros Verdes foi a primeira obra literaria en galego publicada na Galicia de posguerra. Outras obras deste autor son Corazón ao vento ou Lanza de soledá.
  • Celso Emilio Ferreiro: Foi o estandarte da poesía social e a súa obra converteuse no reflexo dunha sociedade en loita pola súa liberdade. É continuador de Curros e Cabanillas e sérvese da poesía para denunciar as inxustizas, atacar o belicismo ou amosar a súa solidariedade cos marxinados. A súa obra máis representativa é Longa noite de pedra, cuxo título é unha metáfora da ditadura franquista. A súa poesía está dominada por tres rexistros entrelazados: cívico, intimista e satírico.

Promoción de Enlace

Os poetas formáronse nos primeiros anos de posguerra, carecen das influencias de Nós e das vangardas. Nos seus comezos foron escritores bilingües e combinan a expresión do seu compromiso social coa da angustia existencial. Destacan dous autores:

  • Antón Tovar: Nas súas primeiras obras ten como temas a conciencia do "eu" e da soidade e a tensión entre a angustia existencial e a esperanza. Complementa esta liña existencial con poemas de preocupación social e outros de erotismo vitalista. Entre as súas obras, podemos salientar O vento no teu colo ou Calados esconxuros.
  • Luz Pozo: Na súa obra obsérvanse dúas liñas temáticas: a intimista e a de compromiso e reflexión social. O amor é o tema central en O paxaro na boca ou Códice Calixtino. En obras posteriores afloran outros temas como o compromiso con Galicia, a reflexión sobre a poesía e o diálogo coa figura de Rosalía de Castro, a quen lle adica o seu discurso de ingreso na RAG e o poemario Vida secreta de Rosalía.

Xeración das Festas Minervais

Este grupo de autores eran moi nenos cando a Guerra Civil. Case todos coincidiron na Universidade e participaron nos certames poéticos chamados Festas Minervais. Teñen como mestres os autores da Xeración do 36 e tamén as figuras históricas ligadas á editorial Galaxia. Maniféstanse en dúas liñas poéticas: a Escola da Tebra (poesía intimista) e o social realismo (poesía de denuncia social).

Trátase dun grupo heteroxéneo de autores, que comparten o desexo de romper coa tradición, o achegamento ao existencialismo e ao marxismo, o gusto polo jazz... Entre eles podemos destacar:

  • Manuel María: Entre a súa obra destacan Advento, Terra Chá ou A primavera de Venus.
  • Bernardino Graña: Foi un dos poetas máis premiados das Festas Minervais. Podemos citar Non vexo Vigo nin vexo Cangas ou Himno verde.
  • Uxío Novoneyra: A súa poesía hai que relacionala coa temática paisaxística. O poeta, conmovido ante a forza da paisaxe da súa terra natal, séntese en comuñón con ela. Noutras obras tamén cultiva temas de reivindicación social ou o amor e o erotismo. Na súa poesía destaca Os eidos e Os eidos 2.
  • Méndez Ferrín: Os seus primeiros poemas (Voce na néboa) están integrados na liña da Escola da Tebra. O seu poemario Con pólvora e magnolias marca a renovación na poesía galega, dando paso ás tendencias actuais. A partir de aquí, a obra de Ferrín ábrese a novos temas: a lembranza do pasado, o amor, o tempo... E tamén experimenta novas posibilidades estilísticas da linguaxe. No seu poemario máis recente, Contra Maquieiro, Ferrín acentúa a súa voz cívica e de compromiso. A poesía de Ferrín caracterízase pola súa singularidade e pola súa forza, converténdose nun dos nosos grandes poetas contemporáneos.

Entradas relacionadas: