Poesía Galega (1936-1976): Da Xeración do 36 ás Festas Minervais
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,32 KB
O Rexurdir da Poesía (1940)
Na segunda metade dos anos 40 prodúcese o rexurdir da poesía galega no interior. Aparecen as primeiras revistas poéticas bilingües (Alba, Posío) e coleccións poéticas (Benito Soto, coordinada por Celso Emilio Ferreiro, e Xistral). A primeira obra desta época é Cámaras verdes de Aquilino Iglesia Alvariño, poemario que recupera o neotrobadorismo. Nesta década publícanse poemarios que continúan as liñas poéticas de principios de século (neotrobadorista, hilozoísta, popularista e ruralista) nas obras dos irmáns Álvarez Blázquez (Poemas de ti e de min) ou de Casado Nieto.
A Renovación da Posguerra (1950)
A década dos 50 ábrese coa publicación de Triscos (Luís Pimentel), opúsculo que condicionará a renovación da poesía de posguerra. Seguen a liña de Pimentel: Eduardo Moreiras (A realidade esencia!), Luz Pozo Garza (O paxaro na boca) ou Pura Vázquez (Íntimas, Maturidade). Tamén en 1950 publícase Muiñeiro de brétemas, primeiro poemario de Manuel María, obra que abre paso a un novo camiño, a liña intimista da Escolma da Tébra. Manuel María pechará a década con Documentos persoais, obra que inicia unha nova etapa na súa produción, o socialrealismo. Autor dunha abundante obra poética posterior, entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía.
A Escolma da Tébra e Outros Movementos (1951-1960)
A década dos 50 supón a aparición da Escolma da Tébra, caracterizada polo ton anguriante, abafante e profundo, condicionado polo auxe do existencialismo e a filosofía da saudade. Ábrese coa obra de Cuña Novás, Fabulario novo, que proxecta un mundo desacougante, cheo de escuridade, que acaba abafando o eu poético. Vai ter unha presenza moi marcada no grupo poético Brais Pinto, movemento formado por estudantes galegos en Madrid (Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Méndez Ferrín). Á marxe deste movemento aparece o poeta lugués Uxío Novoneyra, co seu poemario Os eidos, unha nova reinterpretación da comuñón do poeta coa paisaxe, neste caso a Serra do Courel. Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística mais profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece na súa obra a preocupación social e política.
Na década dos 60, Xosé María Díaz Castro publica Nimbos, obra de ton clasicista que introduce a temática relixiosa. Continúa coa liña existencial, a preocupación polo paso do tempo e a presenza da morte. A liña intimista segue estando presente da man de Antón Tovar na súa obra Arredores.
O Socialrealismo de Celso Emilio Ferreiro (1960-1970)
Un dos autores máis destacados é Celso Emilio Ferreiro. A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe moi asequible e coloquial, quere chegar a todo o mundo. Trata temas como a Guerra Civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de emigrar, de marchar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, e vía América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, mudou de pensamento e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir.
En 1962 publica a obra máis relevante da posguerra, o poemario Longa noite de pedra. Un canto á liberdade, ao antimilitarismo, contra a opresión e as inxustizas que se producen na sociedade galega e na mundial. Vai ser un éxito de vendas, unha das obras da nosa literatura máis veces reeditada. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra de Galicia. Recupera para o poeta o papel de guía e de voceiro dos problemas do home. Esta obra vai ter repercusións nos poetas posteriores e mesmo chega aos nosos días. Seguen esta liña Bernardino Graña (Profecía do mar), García Bodaño (Ao pé de cada hora) e López Casanova (Palabra de honor).
Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
- Ten poesía intimista, influenciada polo existencialismo: mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida, reflexiona sobre o irremediable fuxir do tempo... Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado (1955) e a esta temática volve na súa última obra Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte...
- Ten poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
A Ruptura co Socialrealismo (1970)
Na década dos 70 aparece unha nova fornada de poetas que rompen co socialrealismo: Darío Xohán Cabana (Romanceiro da Terra Chá, Elexía nunha escuridade mortal), Rábade Paredes... Con todo, a escenificación definitiva desta ruptura prodúcese en 1976 coa publicación de Con pólvora e magnolias (Xosé Luís Méndez Ferrín), poemario que supera definitivamente a poesía social. Neste libro combínase a poesía revolucionaria (a pólvora) co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético (as magnolias). Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o jazz, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con complacencia estética a imposíbel recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia.