A Poesía das Irmandades da Fala: Características, Autores e Obras Clave

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,06 KB

A poesía galega de principios do século XX non supuxo un cambio significativo con respecto ao século anterior, senón que os autores desta etapa continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento. Isto provocou un estancamento da poesía durante as dúas primeiras décadas do século, nun momento en que na cultura europea o Romanticismo e o Realismo daban paso a novas correntes (Simbolismo, Parnasianismo, Decadentismo, Modernismo) e cando se intuía a eclosión das vangardas. Os escritores máis destacados desta etapa son: Manuel Lugrís Freire, Valentín Lamas Carvajal, entre outros.

Características da Poesía das Irmandades da Fala

  • Intentan superar a dexeneración estética que se estaba dando na poesía do momento (imitación ata o tópico das liñas temáticas do Rexurdimento: costumismo ruralista, celtismo e reivindicación social e anticaciquil).
  • Pretenden diversificar e renovar a poesía, combinando a innovación que se daba nas correntes europeas do momento con elementos do Rexurdimento.

Antonio Noriega Varela: O Poeta da Montaña

O primeiro autor que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela (1869-1947), coñecido como o Poeta da Montaña. Nel podemos ver certo influxo do modernismo e da literatura portuguesa.

Escribiu unha soa obra que foi ampliando ao longo da súa vida. Na primeira edición de 1904 titulábase Montañesas; a partir de 1915 pasa a denominarse Do ermo. O cambio de título marca unha evolución na súa obra, cando entra en contacto coas Irmandades da Fala e, a través delas, co saudosismo portugués. Pódese falar de dúas etapas na súa poesía:

  • Poesía costumista (liña ruralista-costumista do século XIX): A temática redúcese á descrición da paisaxe. Son poemas costumistas que describen a dura vida dos labregos en contraposición á súa alegría nas festas e tradicións. Destaca polo dominio da lingua e métrica popular. Tamén escribe poesía cívica.
  • Poesía lírica da montaña: Con ela contribúe á renovación. Son poemas de influencia modernista. Abandona o realismo labrego para elaborar unha poesía culta e refinada, na que expresa a tenrura e amor pola paisaxe de montaña, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. É o que se denomina poética franciscana: converter en importante o que en principio parece insignificante.

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

O autor máis destacado da época das Irmandades é Ramón Cabanillas (1876-1959), coñecido como o Poeta da Raza. É herdeiro da tradición decimonónica e, ao mesmo tempo, actualizador da poesía galega coa incorporación de elementos modernistas (versatilidade métrica e rítmica, versos alexandrinos…) mesturados co gusto polo folclore popular e o emprego do léxico rural.

Entradas relacionadas: