A Poesía das Irmandades da Fala: Autores e Obras Fundamentais

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,08 KB

A Poesía das Irmandades da Fala: Características, Autores e Obras

No ano 1916 iniciase un novo movemento político-cultural que recibe o nome de Irmandades da Fala. Un dos seus obxectivos fundacionais era a defensa e a difusión do galego a través da práctica.

Achegas das Irmandades da Fala no Ámbito Literario

As achegas das Irmandades da Fala no ámbito literario son:

  • A renovación estética, formal e temática.
  • A promoción do cultivo do galego a través de concursos, revistas e xornais.
  • A ampliación do número de lectores.
  • O espallamento da lingua a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico).
  • A tradución de obras europeas (Otero Pedrayo traduce o Ulises de Joyce).
  • A creación de editoriais (Céltiga, Lar e Nós).
  • A promoción do teatro galego (crean o Conservatorio Nacional de Arte Galego e a Escola Dramática Galega) e do traballo de coros populares.

Poetas Destacados no Xénero Poético

No xénero poético destacan os poetas Noriega Varela e Ramón Cabanillas.

Noriega Varela

O poeta mindoniense representa a transición do século XIX ao XX. Toda a súa obra poética recóllese nun único poemario titulado Do ermo, que nas dúas primeiras edicións aparece baixo a denominación de Montañesas. As composicións deste poemario estrutúranse en:

  • Poemas costumistas: Representan a continuidade co século anterior e recollen a dura vida dos labregos en contraposición á súa alegría nas festas e tradicións.
  • Outros poemas: Presentan unha natureza inanimada, no que cobran especial relevo as cousas pequenas (as espiñas, as fontes...). Esta segunda liña está moi influída por poetas como Teixeira de Pascoaes e caracterízanse pola musicalidade e a linguaxe culta, a diferenza da primeira que se caracterizaba pola reprodución da fala dos brañegos.

Ramón Cabanillas

A ruptura coa continuidade está representada pola produción poética do poeta cambadés Ramón Cabanillas. A súa obra poética, marcada pola presenza do modernismo e da influencia de poetas como Rosalía ou Curros, divídese en poesía lírica e poesía narrativa.

Poesía Lírica de Cabanillas

Integran a primeira liña poética composicións como:

  • No desterro (1912)
  • Vento mareiro (1915)
  • Da terra asoballada (1917)
  • A rosa de cen follas (1927) - publicadas antes da guerra
  • Da miña zanfona (1954)
  • Samos (1958)

Os poemarios da primeira época seguen tres liñas temáticas claramente definidas:

  • A intimista: De influencia rosaliana.
  • A cívica: Na liña de Curros, e moi vinculada á súa etapa agrarista.
  • A costumista: Cabanillas introduce trazos innovadores de influencia modernista a esta liña da poesía do século XIX.

Poesía Narrativa de Cabanillas

Conforman a súa poesía narrativa dúas composicións:

  • O bendito San Amaro (1925): Recolle a vida deste santo galego.
  • Na noite estrelecida (1926): Realiza unha revisión da materia de Bretaña medieval, galeguizándoa e inseríndoa na cultura galega. A obra estrutúrase en tres sagas (“A espada Escalibor”, “O cabaleiro do Santo Grial” e “O sono do rei Artur”) escritas en versos alexandrinos, mesturados con romances e sextinas.

Outros Poetas das Irmandades

Outros poetas da época das Irmandades son Gonzalo López Abente e Vitoriano Taibo. Vitoriano Taibo como poeta resulta un verdadeiro discípulo de Cabanillas e dos grandes autores do Rexurdimento. Gonzalo López Abente é autor dunha ampla obra poética. Evolúe desde unha poética de raíz decimonónica ao modernismo.

Entradas relacionadas: