Pobos Prerromanos da Península Ibérica: Culturas e Sociedades
Enviado por Chuletator online y clasificado en Ciencias sociales
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,07 KB
Os Pobos Prerromanos da Península Ibérica
Desde o final da Idade do Bronce, arredor do 1600 a.C., cando se producen movementos indoeuropeos cara á Península Ibérica, ata o comezo da ocupación romana a finais do século III a.C., ten lugar un período protohistórico. Durante este tempo, sucédese a chegada á Península de pobos do Mediterráneo oriental que viñan buscando materias primas como o estaño. Estes pobos, que fundarían enclaves comerciais costeiros, entrarían en contacto cos indíxenas que entón ocupaban o espazo peninsular e deixarían testemuñas escritas sobre eles.
Principais Culturas Prerromanas
A Cultura Tartesa
No suroeste peninsular destaca a cultura tartesa. Probablemente mantiña unha rica cultura comercial en contacto con fenicios e gregos. A mediados do primeiro milenio, Tartesos sucumbiu; actualmente, as causas seguen a ser descoñecidas.
A Cultura Ibera
No Levante e no sueste localizamos certos pobos que comparten unha lingua e unhas características culturais: a cultura ibera, moi influenciada polo contacto con enclaves comerciais dos gregos e cartaxineses. Os poboados presentaban casas de planta cadrada situadas en promontorios con amplo dominio visual. Estamos ante unha sociedade xerarquizada dominada por unha aristocracia agrogandeira que practicaba o troco e dominaba a metalurxia. Posuían unha escritura da que non temos tradución.
Celtiberos e Celtas
Na Meseta española e no oeste atopamos unha serie de tribos que se viron influenciadas pola cultura ibera, pero tamén pola presenza dos pobos indoeuropeos, os celtas, no norte. A denominada cultura celtibera situaba os seus poboados en promontorios doados de defender, practicaba unha economía agrogandeira, presentaba unha sociedade xerarquizada, agrupada en clans, e mantiña un contacto comercial con pobos do exterior. Presentaban coñecemento da metalurxia do ferro e pezas de ourivaría.
Os celtas foron un pobo indoeuropeo procedente de Centroeuropa, creadores da cultura de La Tène, que se integrou cos indíxenas da Península conformando o mundo céltico. Grazas a iso naceu a fabricación de instrumentos de ferro, cultos relixiosos e formas artísticas. Unha das mostras son os Toros de Guisando.
A Cultura Castrexa
No noroeste atopamos a cultura castrexa, unha cultura indíxena influenciada polos celtas, que habitaba os castros. Estes eran poboados con casas circulares que adoitaban situarse a media ladeira para facilitar a defensa e o dominio visual. Aparecen cara ao século VIII a.C. e continuaron existindo baixo a dominación romana, chegando ao século II d.C., momento no que foron abandonados. A súa cultura é do ferro, perceptible no traballo do metal, na lingua e nas formas artísticas.
Outros Pobos do Norte
Outros pobos son os astures e os cántabros, que habitaban o norte peninsular. Practicaban unha economía gandeira e pesqueira ata a chegada dos romanos.