Plauto: Personaxes, Obras e Estilo na Comedia Romana
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 8 KB
O Mundo Cómico de Plauto: Personaxes e Tipos
Os seus personaxes son planos, con nomes disparatados, perfectamente recoñecidos polas súas máscaras e constitúen unha sucesión de tipos que forman parte da sociedade romana, é dicir, responden a uns trazos determinados, estereotipados, que os fan recoñecibles e identificables aos ollos do público: o vello avaro, o escravo astuto, o vividor... A través deles, Plauto reflicte con moito realismo o ambiente que o rodea.
A Galería de Personaxes Estereotipados
Plauto é mestre á hora de deseñar estes caracteres, que son romanos aínda que parecen gregos. A galería é ampla:
- O mozo namorado, tolo e con frecuencia irreflexivo.
- A moza doncela tonta, ou, polo contrario, espelida.
- O vello verde, berrón e avaro.
- O soldado fachendoso.
- A vella intrigante con tendencia a empinar o cóbado.
- A cortesá desenfadada e alegre.
- O dono do burdel sen escrúpulos de ningún tipo.
- O cocinheiro autosuficiente que acaba pelexando con alguén da casa, etc.
O Papel Crucial dos Escravos
Estes son esenciais na comedia romana. Fronte ao escravo submiso, máis propio da comedia grega, Plauto salienta ao escravo listo, que sabe máis ca o amo, que non para quieto, que remata atando todos os cabos da intriga.
O Parásito e o "Caradura"
O parasito, un personaxe que fará furor na literatura posterior, ao igual que o fará o “caradura”. Este personaxe vive do conto, sobrevive a mil peripecias e, ameazado permanentemente, acaba, con todo, por saír airoso, xa que ten a habilidade de atinar no momento oportuno.
Tramas, Linguaxe e Final Feliz nas Comedias de Plauto
O Argumento Recorrente
O argumento máis frecuente é o dun mozo namorado que é axudado por un escravo para conseguir a muller amada, normalmente escrava, que finalmente é recoñecida como unha muller libre secuestrada na infancia. Sempre hai un final feliz, sen interese moralizante.
Rexistros Lingüísticos e Vitalidade
Plauto combina con gran facilidade todo tipo de rexistros da linguaxe: utiliza a lingua formal da relixión e o Dereito romanos; non rexeita un certo lirismo en situacións onde se expresa o sentimento dos amantes; é inimitable á hora de reproducir a xerga dos escravos, creando novas palabras cunha intención burlesca, ou reproducindo insultos e alcumes para conseguir no espectador a impresión dunha lingua viva e real.
Finalmente, cabe salientar a ledicia dos seus textos: alegría e vitalidade que amosan os seus personaxes, cando se atreven a burlarse de si mesmos ou do propio espectáculo, para que os espectadores se divirtan.
A Produción Teatral de Plauto: Obras e Estrutura
Obras Conservadas e Xénero (Fabula Palliata)
Das cen comedias que se sabe que chegou a escribir, só se conservan vinte. As súas obras pertencen ao xénero da fabula palliata, son adaptacións de obras gregas, con personaxes, lugar de acción e contido gregos.
Estrutura da Comedia Plautina
A estrutura que segue é:
- O prólogo: antes de que a acción comece, unha divindade, un personaxe simbólico ou alegórico, ou un actor explica o argumento e trata de captar a atención e o favor do público.
- A representación, en cinco actos de duración e importancia desigual, na que alternaban partes recitadas (diverbia) con outras cantadas (cantica).
Comedias Destacadas
Salientan:
- Amphitruo (“Anfitrión”). Segundo Plauto, unha traxicomedia, porque pon en escena a homes e a deuses. Relata as aventuras de Xúpiter que, namorado de Alcmena, suplanta a personalidade do seu esposo, Anfitrión, facéndolle crer á muller que el é o seu marido que regresa da guerra.
- Aulularia (“A comedia da ola/pota”). Narra as peripecias dun vello avaro, que atopou unha pota chea de ouro.
- Menaechmi (“Menecmes/ Os xemelgos”). Un personaxe busca o seu irmán xemelgo, ao que nunca viu, e vive numerosas aventuras ata dar con el.
- Miles gloriosus (“O militar/soldado fachendoso/fanfarrón”).
- Curculio (“O Gorgojo”).
- Poenulus (“O cartaxinesiño”).
- Asinaria (“A comedia dos asnos”).
- Casina (“Cásina”).
- Pseudolus (“Pseúdolo/Embusteiro”).
- Outras obras son: Captivi (“Cativos / Os prisioneiros de guerra”), Stichus, Vidularia, Cistellaria, Epidicus, Bacchides, Mostellaria (“A comedia das aparicións”), Truculentus...
Estilo, Influencias e Contexto Social no Teatro Plautino
Características do Estilo de Plauto
A produción de Plauto caracterízase pola súa escasa complexidade, pois os argumentos das súas obras se reducen a esquemas moi parecidos, nos que non hai ningún tipo de reflexión filosófica; en cambio, apréciase unha gran inspiración e un magnífico sentido do humor e do espectáculo, con enredos de desenlace imprevisible. Recréase na bufonada e a sátira queda, frecuentemente, en mera caricatura grazas aos xogos de palabras e imaxes.
Influencia da Comedia Nova Grega
O teatro de Plauto é unha obra de imitación. Tanto a intriga coma o enredo funden as súas raíces na comedia grega de Menandro, a chamada “Comedia Nova”, cuxos temas tratan de aspectos da sociedade, pero non na súa dimensión colectiva, senón na súa vertente privada. Os argumentos repítense en todas as comedias, igual que se repiten os personaxes tipo, o amor e o diñeiro. Con todo, as súas comedias non teñen o interese psicolóxico e o valor moral e artístico dos seus modelos gregos.
Plauto e a Sociedade Romana da súa Época
Plauto é un home do pobo; escribe para o gran público, cuxos gustos comparte e a quen quere agradar, pero imítao moi libremente xa que non lle preocupa a verosimilitude nin a decencia. A súa obra ten un carácter popular que lle dá a súa orixinalidade.
Recolleu as inquietudes da sociedade romana do seu tempo. Nesta época, tiveron lugar grandes cambios coa chegada dos primeiros escravos a Roma tras a Segunda Guerra Púnica. De aí, o gran protagonismo destas persoas nas súas obras. Aparecen reflectidos tamén os valores morais deste momento histórico:
- O respecto polos costumes (mos maiorum).
- A desconfianza ante as paixóns amorosas.
- O sentido do deber cívico.
- A crítica á maneira de vivir dos gregos.
Temas Favoritos e Complexidade Argumental
Os temas favoritos do autor son:
- As vodas entre persoas de clases sociais diferentes.
- As viaxes que acaban en naufraxios con inesperados superviventes.
- As promesas de fachendosos a mozas incautas que se deixan abraiar.
- Os obxectos cuxo descubrimento inesperado fai dar unha volta a unha situación dramática.
- Os equívocos entre xemelgos.
- Os reencontros de pais e fillos ao cabo duns anos.
- Os anciáns que teñen a posibilidade de atopar o amor na recta final das súas vidas.
Compréndese facilmente que os equívocos sexan frecuentes e, en consecuencia, que a sorpresa e o riso estean garantidos, porque a gran maioría das obras presenta unha trama complexa, na que dous ou máis temas e dúas ou máis accións se mesturan.