Plauto: Obras e estilo do mestre da comedia latina
Enviado por Hugo Francos y clasificado en Latín
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,87 KB
Plauto: Obras e estilo
Atribúenselle a Plauto 130 obras, das cales son auténticas 21. A súa produción abarca tres períodos:
- Iniciación (ata o 200 a.C.): Mercator, Asinaria, Miles, Cistellaria, Stichus.
- Madurez (1º decenio do II a.C.): Amphitruo, Menaechmi, Curculio, Rudens, Aulularia, Persa, Poenulus, Mostellaria, Epidicus.
- Últimos anos da súa vida (191-184 a.C.): Pseudolus, Bacchides, Trinummus, Captivi, Truculentus, Casina.
Os seus modelos son tomados da νεα (comedia nova) grega, sobre todo de Menandro; pero tamén é débedor de Aristófanes, pola amplitude do seu efecto cómico e o seu incontenible derroche de palabrería.
Comentario sobre a súa técnica
A intriga é a miúdo moi complicada, pero a comprensión dos espectadores facilítase por "apartes" ou mediante alocucións directas, e ante todo polo prólogo que indica o curso da acción. Tan pronto actúa unha personaxe da peza teatral en función de locutor do prólogo (Mercurio no Anfitrión) como unha personaxe divina que non intervén na representación (lares domésticos na Aulularia); hai ocasións nas que non se caracterizou ao locutor do prólogo (actor sen caracterización en Captivi).
As personaxes son planas e constitúen unha sucesión de tipos que forman parte da sociedade romana, modelos que xa existían de antes, sen profundización psicolóxica, meras máscaras teatrais:
- Escravos inxeniosos e intrigantes.
- Mozos namorados ou irreflexivos.
- Doncelas honestas ou desvergonzadas.
- Pais desprezables, tiránicos ou avaros.
- O parásito, o soldado fanfarrón, matronas autoritarias e cortesás insaciables de diñeiro.
É mérito de Plauto a potenciación, de acordo co ton farsesco da súa comedia, do papel dalgunhas personaxes e a esaxeración dos aspectos cómicos ou ridículos doutras, sempre pensando en manter ao público atento e divertido. Neste sentido, as súas personaxes deben máis ao teatro latino indíxena que á comedia grega. Destacan pola súa vis comica:
- Os escravos: Estes son esenciais na comedia romana. Fronte ao escravo sumiso, máis propio da comedia grega, Plauto destaca o escravo listo, que sabe máis ca o amo, que non para quedo e que termina atando todos os cabos da intriga.
- O parásito: Unha personaxe que fará furor na literatura posterior, ao igual que o fará o "caradura". Esta personaxe vive do conto, sobrevive a mil peripecias e, ameazado permanentemente, acaba, porén, por saír airoso, xa que ten a habilidade de acertar no momento oportuno.
Linguaxe e influencias
O seu mérito radica na linguaxe: sabe adaptar o ton da conversa a cada personaxe e explotar as inmensas posibilidades da lingua familiar. Este dominio maxistral da linguaxe, unido ao seu inxenio para ver o aspecto cómico da vida (chistes, insultos, acertigos...), lévao á creación dun estilo persoal vivo, espontáneo e divertido.
As influencias do teatro popular indíxena refléxanse en:
- O desenvolvemento dado, a expensas da trama amorosa, ao motivo do engano e dos equívocos.
- O gusto pola parodia de temas serios (en primeiro lugar mitolóxicos).
- A despreocupación pola articulación da intriga.
- O tratamento das personaxes (aspecto xa mencionado).
- A gran importancia concedida aos xestos e á mímica.
- O papel desempeñado polo canto, a música e a danza.